Afonso Vázquez-Monxardín
O Castro Caldelas e o Ríos, sempre
PINGAS DE ORBALLO
Misericordia para os que pensan que a vida é un cantar nos beizos e un ramo de rosas na man. A vida en “Forrest Gump” era como unha caixa de bombóns. Na Galicia profunda, porén, é máis ben un fouciño dálle que dálle e un sacho ou arado abrindo as entrañas, as asaduras, a terra. A vida é como a billarda: a base de golpes de palán, vai.
Piedade para os que cren que a vida pode ser marabillosa se non se lle ten medo. Ás veces non dá medo... produce pánico, horror. O medo é libre, e chega un simple traspés para que todo se nos derrube, para que nos caguemos pola pata abaixo. A vida é fermosa cando todo é mol; vólvese dura cando os obstáculos, os contratempos e as dificultades atrancan o camiño.
Venturosos os que saben que sempre hai unha luz ó final do túnel. Infelices os que a consideran un naufraxio continuo.
Compaixón para os que pensan que a vida é unha bágoa e dous sorrisos. Hai de todo na viña do Señor. A vida é un suspiro e unha eternidade; un salouco e unha alegría; un ir e vir; un esperpento e unha emoción; unha estrela que brilla e un buraco onde a escuridade se fai máis negra. A vida é ese soño que soñamos espertos... mais, durmidos, pode asomar un pesadelo.
Benaventurados os que a aceptan tal como é: nesa caixa de bombóns, nesa billarda, nesa fermosura e nesa dureza, neses soños e neses suspiros. Réprobos os que a reducen ó polo negativo dunha batería que apenas consegue arrincar, acender a existencia. Venturosos os que saben que sempre hai unha luz ó final do túnel. Infelices os que a consideran un naufraxio continuo.
A vida é o sabor acedo dun caldo con balor, pero tamén o pracer de comelo á beira do lume da lareira. A vida, simplemente, hai que vivila.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 11 de abril
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 11 de abril