Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Non, o que vostede acaba de ler non é un erro de escritura nin unha discordancia de xénero entre o artigo e o substantivo, do lugar onde mora a memoria da metade dos meus ancestros. É, o xeito como nos séculos XIV e XV se denominaba ese vello burgo medieval que hoxe, por irregular derivación histórica, coñecemos todos en topónimo masculino.
Tráioo hoxe a colación despois de ter lido por acá e por acolá ducias de reaccións -unhas arroutadas, outras insultantes e, afortunadamente, outras contundentemente reflexivas- que xerou a explosiva ocorrencia da dirixente de Podemos, cando para feminizar un substantivo como portavoz, non tivo máis feliz idea ca engadirlle un "a", coma se a letra "a" fose patrimonio exclusivo das mulleres e o "o" dos homes, o que de forma paradóxica levouna a caer na vella e denostada dicotomía das cores rosas para as nenas e as cores azuis para os nenos.
Quen desexe saber algo máis sobre esta singularidade toponímica da vila petrucial de xentes tan ilustres coma Curros Enríquez, Luís Soto, Secundino Feijóo, o Padre Silva ou Ferrín, non ten máis ca ir á revista "A trabe de ouro", que dirixe Xosé Luís Méndez Ferrín, e consultar un traballo do filólogo Ramón Lorenzo sobre uns documentos atopados por Xosé Benito Reza na casa rectoral de San Munio de Veiga e onde se describe con tódo luxo de detalles eruditos o porqué desta aparente disfunción de xénero, que non é tal e que amosa de xeito clarividente como o xénero de determinadas palabras non as marca o propio nome, senón o artigo que o precede.
Como digo, o caso de por qué naqueles documentos datados en 1358, 1369 e 1407 e felizmente rescatados da humidade e dos ratos por Benito Reza, Vilanova non era nin "das infantas", nin "dos infantes", senón "das infantes", explícao o prestixioso filólogo do seguinte xeito:
"A razón estriba en que na época medieval "infante é forma indiferente para masculino e feminino", tal como recollen os documentos coa forma "Villa Nova das Infantes", polo que o trazo que marcaba a feminidade do topónimo era a partícula "das"".
É certo que o tempo foi facendo que o neutro "Infantes" fose entendido polo común como un substantivo masculino, polo que a contracción acabou mimetizándose co substantivo e a denominación feminina mudando nunha extensión toponímica masculina.
Pero isto, que se foi pulindo ó cabo, non xa dos anos senón dos séculos, non lle dá licencia a un político calquera -sexa home ou sexa muller- para esnaquizar o idioma en virtude dunha causa que debe ser defendida con outras armas máis efectivas e non esnafrando un idioma que, como dixo Castelao, leva moito máis tempo construílo cá propia catedral de Santiago.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El empedrado medieval de la ciudad vieja
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Los más de mil apodos de Benchosey… y los nuestros
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Lo último