Xesús Manuel Suárez García
Os ollos de Noelia
Se vostedes comparan a dirixencia iraní de hai un mes e de hoxe, sorprende que siga vivo Masoud Pezeshkian, que é, nin máis nin menos, o presidente da República Islámica do Irán. Voulles contar porque creo eu que é así a cousa.
Para empezar, no réxime teocrático iraní, o poder civil -que representaría tal Pezeshkian e mesmo o Exército regular- está ultrasometido ao poder relixioso. Así, o líder supremo -o Jomeini, Jamenei, ou como se chame o de turno- ten constitucionalmente todos os poderes. É asistido por tres órganos: o Consello de Guardiáns -xuristas e cregos xiís que examinan e deciden-, a Asemblea de Expertos -corpo de “cregos” de apoio e que nomea o líder- e a Garda Revolucionaria (IRGC) -poderosísima forza militar que protexe o sistema ideolóxico, e controla boa parte da economía, e é a que se relaciona coas súas franquicias (Hizbulá, Hamás, Hutís, etc.) e está detrás da contratación de atentados por todo o mundo, como o de Alejo Vidal-Quadras, en Madrid, en 2023, ou da Asociación Mutual Israelí de Argentina AMIA, en Buenos Aires en 1994, polo que é considerada “organización terrorista” pola UE desde o 29 de xaneiro pasado-.
Estes tres institucións serían as chamadas a desaparecer en circunstancias normais para deixar “sen tutelas ideolóxicas” nin ao Goberno nin ao Exército, hoxe moi afins e contaminados polo poder relixioso. E nos Estados Unidos saben moito do tema dos recambios. Lembran o que fixeron en Venezuela? Pois se botan os ollos atrás, verán que tamén respectaron, humanizándoo, ao emperador Hiro Hito do Xapón, quen, por sorte para nós, os atacara en Pearl Harbour. E digo tal, porque de non ser así, se cadra non entraba EEUU na II Guerra Mundial e a historia do s. XX podería ter sido moi distinta.
Será Masoud Pezeshkian o home encargado a liderar a transición en Irán, tal como a Delcy en Venezuela?
Porque si, cando hai un cambio de réxime sempre se reduce, reutiliza e recicla moito do vello. Desde os funcionarios de todos os niveis, ás persoas que xestionan, e incluso cargos políticos. A idea, sempre, é non remexer de máis no pasado, a cambio de docilidade e actitude colaborativa no futuro. Así, por exemplo, aquí os funcionarios do Movimiento integráronse na nova Administración democrática, sobre todo no Ministerio de Traballo e no de Cultura. No ensino público tamén sabemos algo do tema, por vías de acceso especiais para xentes da Sección Feminina e do Frente de Juventudes.
O malfadado historiador alemán (morreu de ELA ben novo, un mes antes que Marcos Valcárcel) Tony Judt, comenta no seu prodixioso libro “Postguerra - Una historia de Europa desde 1945” (2005) como, grazas a unha certa amnesia colectiva, tanto na RDA como na RFA (nas dúas Alemañas nacidas despois da II Guerra Mundial, para os máis novos) puido lograrse a reconstrución e integrar a xentes de pasado nazi. Se peneirasen fino, quedaría a nova sociedade sen médicos, xuíces, profesores, policías nin administradores. O 25 % dos membros do SED (Partido Comunista de Alemaña oriental) en 1954, foran membros do Partido Nazi. Porcentaxe semellante á dos parlamentarios de Alemaña Occidental. Terrible é que a policía política da RDA, a Stasi, estivese formada, na súa case totalidade nos seus comezos, por axentes reciclados da Gestapo; sabían do “oficio”. En fin, en Rusia, o Putin tamén ten o seu pasado na KGB.
Será Masoud Pezeshkian o home encargado a liderar a transición en Irán, tal como a Delcy en Venezuela? Ninguén fala del, así que pode ser. É cirurxián cardíaco, do Azebaixán iraní, moi próximo logo a Turquía e fillo de nai kurda. Sufriu grandes desgrazas familiares, entre elas morreulle a muller e un fillo nun accidente de coche e criou só aos tres que lle quedaron. Co perfil reformista e liberal discreto, e desautorizado polos falcóns no comezo da guerra, cando dixo que non bombardearían a banda sur do Golfo, creo que ten posibilidades de ser aceptado e usado polos gañadores da guerra. Se é que os hai, claro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 28 de marzo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 28 de marzo