Volve haber bos e malos españois

A TRIRITA

Publicado: 10 oct 2026 - 02:10
La Región

Seica andan por aí xentes importantes pregoando que hai que rescatar España. Conviría aclarar que España ven sendo a de tal obxecto de desexo e, a maiores, deterxer de quen habería que rescatala; chegado o caso, claro. A España sucédelle o mesmo que lles acontece ós ríos. Os ríos son de todos, España tamén o é. España é de todos os españois. Non só duns, sempre os mesmos, prós que España ten que ser, irremediablemente, como eles a queren e, a que non a queira así, xa hai certa experiencia do que lle pode suceder. Ou é que seica agora e de novo xa non é así?

Presentase tal cuestión, ó parecer tan ardua, por dúas razóns: unha, porque, a pouco que se coñeza, a experiencia histórica ven de indicalo como conveniente e aínda por riba como prudente; outra, porque xa sabemos, chegado o caso, cal España é a dos “buenos españoles” e non ignoramos que estes son xentes afeitas a definir as coordenadas nas que se debe encadrar a bondade e, coñecida esta, as que non cadren con ela han ser a dos malos españois; ou sexa, ó resto. O problema acentuase xa que no resto tamén hai iluminados compensando o desequilibrio reinante desde hai xa algún aniño que outro.

O problema é certamente complicado, por non dicilo dun xeito vulgar que envurullaría a cousa algo máis do que xa o está. Trátase da aínda vixente dicotomía establecida entre os bos e os malos españois, diferenciados por aqueles que excitan a non convivencia entre eles e o resto. Ouh, as arroutadas de pureza, cantas traxedias levan provocado! Segue vixente a cualificación de fascismos: prodúcese cando de xeito explicito, pero tamén implícito, se di aquilo de “nosotros los buenos y vosotros los malos”. Non é so a dereita ultra quen se conduce así e, habendo como hai ultra esquerda, a receita ven sendo a mesma. Agora, en dous meses, eleccións mentres tose a dereita cando a sua extrema llo esixe e a esquerda cando llo esixe a súa e máis arroutada.

Rexurde o sentimento totalitario, millor dito, asoma de novo o fascismo

É un feito que Franco gañou a guerra, pero tamén o é que perdeu a paz. Foi o seu cuñado (sempre hai un cuñado, cando non un primo) quen lle negou a condición de españois a aqueles que acabaron nos campos nazis de exterminio, os iguais a aqueles outros que entraron en París liberándoo. Ó parecer eses tampouco eran españois, seica.

Na nosa guerra, como en todas, producíronse feitos terribles, si, dun lado e doutro. Realmente é unha mágoa que Franco perdera a paz, que lle faltaran a magnanimidade e maila conciencia necesarias pra non pasar polas armas ós seus propios compañeiros de carreira, republicanos uns, tan só leais ó Goberno elixido outros, centos deles tan só xentes que caeron dun lado e non doutro. O seu réxime, a súa ditadura, a que gañou a guerra, fixo cousas ben, claro que si. Ningunha cegueira debe impedir recoñecelo como tampouco se debe ignorar que deu pulo á clase media, a mesma que afrontou a Transición e que, pra compensalo estando xa a piques de se extinguir o seu réxime, aportou o día terrible no que aconteceron aqueles fusilamentos que todos recordamos.

Dentro dunhas semanas, poucas xa, cousa de seis ou sete, conmemorarase o cabodano do pasamento do ditador, mentres regresa a cantata de que hai que rescatar España, suponse que dos malos españois; é dicir, que volve haber bos e malos e hai que volver facer limpeza. Rexurde o sentimento totalitario, millor dito, asoma de novo o fascismo. E que non escarmentaremos nunca? É que somos tan negados que os herdeiros da dereita e maila esquerda que fixeron a Transición carecen da harmonía persoal necesaria pra pactar un goberno de coalición? Se non é algo deles, que é ou quen son os que non están dispostos a que tal entendemento se produza?

Xa existe a experiencia do que lle sucede ó goberno que dependa dun tipo de extremismo; por iso, se non hai unha epidemia de cordura cidadá, é de temer a continuación dunha situación xa vivida. É posible, non so desexable, a convivencia. En Galicia xa temos a experiencia dun goberno, o tripartito, que transcorreu en harmonía estando composto como estivo por xentes de esquerdas, xentes de dereitas e mesmo nacionalistas de corte liberal. Sempre é posible a convivencia, intentémola de novo. Senón mal vai ir a cousa.

Contenido patrocinado

stats