Pesar pola morte de Beiras

Publicado: 10 oct 2026 - 03:10

Beiras era un profeta de voz atronadora que cuspía verdades coma puños. Economista, profesor, político, escritor. Líder do nacionalismo galego, socialista, bo burgués, conferenciante brillante e culto (demasiado culto, incluso, pois cando falaba había que acudir ao dicionario...). Amolaba con clase. Até os adversarios o admiraban, desexando apropiarse del para maior esplendor do seu propio circo. Beiras, xenio e figura, por desgraza era honesto; e deu un bo zapatazo no Parlamento Galego, como cumpría.

Como dixen, quixérono engaiolar e resulta que el non se vendeu. Neste país no que todo se compra e se vende, el non se vendeu. Un excéntrico. Elixírono académico da RAG e demitiu. O que eu digo: unha rareza. Tiña principios, tiña ideais... e ademais era boa persoa. Un tolo perigoso.

Se se expresase en español, quizais tivese máis recoñecementos, pero el facíao en galego, o idioma propio de Galiza. Ás veces vestía de branco coma os pretos vellos do Brasil: un dandi xeneroso cos seus e desobediente, que non indisciplinado. Tivo unha vida plena de entrega a Galiza, explorando tamén a posibilidade de entendemento coa esquerda española (queda para a lembranza o momento en que algúns dos seus líderes dixeron que España era plurinacional ou unha nación de nacións…). Sempre na memoria.

Ramón Coira Luaces

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats