La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Cando vin vivir onde vivo e dende onde lles escribo, poden crer que isto non lles era o que agora é; pra empezar eran catro lumes os que eiquí había, neste lugar coñecido como A Pedra Aguda que é como por este val da Maía lles chaman ós que en español se din menhires. Non lles queda nin o primeiro. Ós que nos chamamos acios dinlles piña de uvas e, por seguir dando que falar, ás patacas noméanas castañas da terra.
Daquela os cans toleaban polas noite ventando ós raposos e, a estas alturas de marzo, as lampreas do Sar e as do Ulla xa estaban cucadas; é dicir que o cuco xa cantara e elas, inducidas acaso polo canto monótono, pero tranquilizante e fermoso do animaliño de peteiro alaranxado, desovaran pra que as súas descendencias se ocultasen nos lamacentos fondos dos ríos e vivir neles eses cinco anos de preparación pra se lanzar ó mar e ir darlle unha voltiña, ou dúas, ó mar océano.
Éranlles tempos. Cucaban as lampreas, asubiaban os merlos defensores das lindes das carballeiras e, chegado o día, peteiraban os figos que necesariamente compartían cos ouriolos que, miren que cousas, por eiquí sonlles chamados vichelocregos. Agora os cans dormen pola noite e só os galos anuncian o serdía. Voaron, si, voaron non se sabe onde os xílgaros, as bubelas non viñeron e, que lles vou dicir, isto non lles é o que era.
Hai uns días, ó chegar a casa sendo noite avanzada, esmaguei unha píntega cunha roda do coche. Pola mañá vin o que quedaba dela e moito lamentei o sucedido. Levaba trinta anos sen ver nin unha. No que foi campo de fútbol dos salesianos, aquela esplanada na beira do Miño que nas enchentes era ocupada polas augas que río arriba aínda podían ofrecer pebidas de ouro, iámolas ver nun illó que compartían cos tritóns. Tampouco non vin un tritón nos trinta e pico anos que eiquí levo. Lesmas, en cambio, todas as que queiran e, co que leva chovido, nin lles conto.
Escríbolles, ós máis e resignados dos meus lectores, mentres Trump e Vance andaron a trompadas con Zelenski e sen saber eu que din dese ofrecido espectáculo indios e chineses
Dicíalles que, daquela, eran catro lumes os que había. Pois xa non é así. Agora hailles máis dunha ducia de casas e algún chalé que outro. Os tempos cambian que é unha barbaridade, según se canta en non sei xa que zarzuela. Tampouco se escoitan zarzuelas. Moito lle gustaban ó finado do meu pai. Daquela eu non o entendía. Non entendía como o meu pai, sendo como era galeguista, podía desfrutar por exemplo co “El rey que rabió”. Agora xa o entendo, claro, e digo eu se o entenderei porque a min tamén me gustan.
Como poden comprobar os meus lectores a pouco que lles dea por cismar encol do que deixo escrito, hoxe o día saíume nostálxico, diría que cheo dunha señardade inesperada, malia que poida ser consecuencia dunha provecta idade na que día a día me aventuro. So faltaría que esta miña tendencia se debese ó pouco que me gusta como anda o mundo nestes días.
Escríbolles, ós máis e resignados dos meus lectores, mentres Trump e Vance andaron a trompadas con Zelenski e sen saber eu que din dese ofrecido espectáculo indios e chineses. Escríbolles en tanto que Sánchez e Núñez non son quen de pensar en todos e facelo só nos seus que, sendo tamén de todos, pois parecer non o parecen. Por iso e máis tamén por outras lerias que silencio quédome na observación do entorno, nos pasos que demos atrás, entre todos, nos que deberamos dar adiante entrementres van saíndo das nosas vidas xílgaros e ouriolos, mámoas e petos de ánimas, as vellas e amadas palabras, as cancións de outrora, en fin, xa saben, engadan vostedes todo o que recorden e lles encha de saudade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último