Opinión

LEMBRANDO A “FUXAN OS VENTOS”

Opinión

LEMBRANDO A “FUXAN OS VENTOS”

Estes días de confinamento dan para moito se se saben aproveitar, e entre outras cousas para  escoitar música e lembrar aquelas cancións que forman parte da banda sonora da nosa vida. Iso sinto eu cando estou preparando unha hora de radio na que recordar a un dos grupos que máis fixo pola música galega, os “Fuxan” como lle chamabamos cariñosamente. E centreime na estupenda gravación que recolle en audio e video o concerto que o grupo ofreceu no Auditorio de Galicia, vinte anos despois da súa última aparición conxunta nun escenario, acompañados por artistas da categoría de Xabier Díaz, Guadi Galego, Uxía, Mercedes Peón ou Rodrigo Romaní entre outros. Gravouse en outubro de 2008 e foi un emocionante reencontro con este grupo que tiven o privilexio de coñecer e escoitar cando apenas levaban un par de anos en activo, despois de gañar o Festival das San Lucas de Mondoñedo. 

Eu estudiaba COU na Universidade Laboral da Coruña e un dos meus titores, Rafa, un tipo combativo e comprometido coa Terra onde os houbera, decidíu que sería interesante traerlle aos seus alumnos un grupo que logo sería referente na historia da música galega. Foi un concerto de luxo tendo a tarima da aula por escenario, e conseguíu que poucos meses máis tarde, xa en Ourense, eu comezase a imitalos e cantar as súas cancións, desde “O Carro” de Manuel María ou “A Sementeira” ata “Cantiga de Berce ou “Brazos prá Seitura”. E en Ourense foi tamén onde me reencontrei co grupo algún tempo despois, sería no salón de actos dos Salesianos, que curiosamente era un recinto utilizado frecuentemente para recitais deste tipo; eu mesmo lembro ter actuado alí co grupo folk que levaba na Universidade Laboral. Curiosidades da vida, que un colexo relixioso non puxese impedimentos nuns comezos da democracia onde o goberno aínda mandaba a estes actos policías de paisano para ver que sucedía. E o que acontecía era que os amigos de ERGA organizaban un concerto cos Fuxan e co Mago Antón, tamén moi militante da causa nacionalista, facéndonos sentir que algo estaba cambiando realmente na sociedade galega.

Tamén o salón de actos da miña querida Laboral se utilizaba para estes eventos, pero con desigual fortuna, porque aínda que algúns coñecidos profesores militantes do Partido Comunista intentaran levar aos cantautores Benedicto e Bibiano, horas antes da actuación chegaba a conseguinte prohibición gubernativa botando todo por terra. Estas prohibicións tamén lle chegaban a Ramón de A Merca, que organizaba cada ano o “Festival da Canción Labrega”, pero o amigo Ramón prefería pagar as multas antes que cancelar un concerto. Ata a vila de Allariz chegara daquelas o cantautor Miro Casabella para actuar no Campo da Barreira, no que sería o inicio dun sentir nacionalista que se prolongou ata hoxe; imaxino que naquel momento estarían por trás deste concerto o profesor e político Suárez Canal e uns moi novos Anxo Quintana e Paco García, que anos despois serían alcaldes da Vila. 

Co paso dos anos moitos daqueles seguidores de Fuxan os Ventos fomos camiñando por distintos vieiros, pero estou seguro que cos primeiros compases dunha guitarra deseguido nos poñeriamos a entoar xuntos: “Non canta na Chá ninguén por eso meu carro canta, canta o seu eixo tan ben que a señardade me espanta”.