Opinión

MARET, A VOZ

Confeso que cando asumín ser xurado do concurso 'Recantos' de Luar na TVG non recoñecía naquela gran muller que tiña diante á que fora unha das concursantes do querido 'Tequelexou' de había uns anos, e moito menos á que fora finalista de 'Factor X' do 2008 por non ser íste un programa que eu seguira con demasiada frecuencia, polo que a única referencia preconcibida que podía levar á fase final do concurso era escasamente a dun cariñoso comentario do amigo Chema Ferreiro no que me falaba da gran voz dunha rapaza do Carballiño chamada Laura. E esa rapaza converteuse en Maret e emocionou a moitos galegos con cancións como 'Ojos Verdes' que para sí firmaría a mesmiña Rocío Jurado e coa que conseguíu un 'hat trick' de deces, collendo o pulo definitivo para acadar o triunfo final. Maret canta o que lle boten e faino estupendamente dominando o escenario e manexando con arte o seu tesouro de voz, e tanto dá se o fai lucindo un 'look' de morena agresiva, como o que lucía en Cuatro, ou se opta polo de loura suave como campa actualmente, porque a carballiñesa posúe esa virtude que é tan importante para triunfar neste medio, a de namorar á cámara que te está gravando, e ela sabe namorar e de que xeito.


Estes días estiven vendo en internet as opinións daquel xurado guionizado da cadena nacional que se rendían diante da súa voz pero que botaban en falta un 'algo máis'; e aí é seguramente onde Maret terá que reflexionar con calma para decidir por onde dirixe os seus pasos musicais, definindo un estilo á hora de gravar un disco. Non é nada fácil, e moito menos nos tempos que corren, nos que moitas das súa compañeiras optan por enrolarse nalgunha das grandes orquestras desta terra; estou seguro que a Maret non lle faltarían pretendentes, e dos bos; pero sei que, agradecendo os convites desde a humildade que a caracteriza, tentará iniciar unha carreira en solitario e aproveitar o gran tirón popular que tantas semanas de televisión lle foron proporcionando; ogallá que saiba aproveitalo e que nós o poidamos disfrutar, sexa interpretando temas como o impecable 'Stop' de Sam Brown que tamén podemos atopar na rede cantado por ela, como calquera outra canción onde se esixa voz e temperamento; porque de forza, simpatía e beleza vai sobrada a nosa artista do Carballiño.


NA COMPAÑA DOS “ODAIKO'


¿Quen lle ía dicir a aquela 'Menina do alto da Serra' coa que Tonicha representara a Portugal en Eurovisión no 71 que corenta anos máis tarde ía ser recreada no Palacio de Congresos de Santiago pola percusión de luxo dos Odaiko? Nin eu mesmo daba creto cando cheguei para cantala, atopándome con que estes profesores e artistas ían tocar en rigoroso directo ó meu carón para darlle vida e forza á gravación previa que Pedro González fixera no seu estudio vigués. Son eses pequenos grandes luxos que ás veces che dá esta profesión, os de coñecer e compartir escenario con persoas ás que lle gusta romper moldes, evolucionar e sairse un pouco do asfixiante 'sota, cabalo e rei' no que os máis puristas pretenden afogarnos. E neso están os 'Odaiko Percussion Group', desde a súa formación no Conservartorio de Amsterdam aló polo 2003 ata os nosos días, despois de ter percorrido medio mundo e incorporado instrumentos e sons multiétnicos que enriqueceron día a día a súa proposta musical e escénica. Os ourensáns xa tivemos a oportunidade de disfrutar en directo dos seus espectáculos, deixándonos contaxiar polos seus ritmos trepidantes e imprevisibles, pero o que eu sentín na noite deste 24 de xullo é difícilmente explicable pola emoción que me contaxiou o seu acompañamento de luxo sobre o escenario. Hai cousas que soamente se pagan cun 'gracias de corazón'.


LÍDERES DE AUDIENCIA


En tempos tan competitivos permítanme, en nome das ducias de persoas que fan o 'Bamboleo' cada semana na TVG, que presuma por eles e lles diga que están e estamos encantados de seguir sendo líderes de audiencia por riba do resto de cadeas nacionais. Foron moitas as ganas que lle botamos e foi moito o esforzo feito para que esto sucedera; pero tamén é moito o agradecemento que lle temos que dar ós milleiros de espectadores que nos siguen e nos prefiren cada noite de sábado. Podo dicirlles que por tras do que vostedes ven hai unha xente formidable que facilita todo o traballo dos que damos a cara en cada programa, onde medra profesionalmente toda esa canteira de rapaces que desde o humor, a música ou as reportaxes aportan a ilusionante e necesaria seiva nova.

Te puede interesar