As coplas e os Maios impuxéronse á chuvia en Ourense

Os ourensáns amosaron un ano máis que a tradición dos Maios segue latexando moi forte na cidade. Especialmente nos mozos, que desafiaron á auga e puxeron a proba as súas gorxas cantando coplas cun gran ton satírico.

Algúns dos maios desta edición
Algúns dos maios desta edición

Ao mal tempo, boas coplas. Os Maios concentraron onte a centos de persoas na contorna da praza Maior, algúns fieis á súa cita anual con esta tradición e outros estreándose nela. “Ha sido superespecial, es una fiesta muy popular. Nos presentamos por primera vez y tenemos muy buenas expectativas”, conta Jorge Soto, da asociación Os Rexoubeiros. No seu caso, optaron por representar a unha polbeira. “Lo hicimos más o menos en un mes, estuvimos trabajando todos los fines de semana, estoy muy orgulloso del equipo”, sinala.

Outros xa son uns veteranos nesta festa, como a Agrupación Cultural Auriense. “Xunto co Magosto é a principal festa tradicional que temos en Ourense e entendemos que hai que conservala. (…) Onde se mantén viva é en Ourense cidade, que foi onde se viviron dende sempre, e entón se non se mantivera aquí, perderíase”, explica Daniel Gómez, representante da entidade.

Este ano o seu maio artístico foi dedicado a Otero Pedrayo, xa que neste 2026 cúmprense 50 anos da morte do escritor, ao que tamén lembraron nas súas coplas: “A Otero Pedraio, noso presidente, estamos de novo, somos da as da Auriense; somos as da Auriense e vimos a cantar para a don Ramón homenaxear; homenaxear xa que é seu ano, foi presi da Auriense, temos que lembralo; temos que lembralo, renderlle memoria e pór en valor toda a súa obra”.

Precisamente as coplas foron onte o instrumento máis efectivo para desafiar á choiva, que por momentos caeu con gran intensidade a pesar de que ao principio da mañá parecía que ía dar unha tregua. Estiveron acompañadas tamén con cancións tradicionais galegas bailadas ao ritmo da pandeireta e, como non, de comida. Con tanto aliciente de festa non importou mollarse.

Os maios foron un ano máis un exemplo da arte que hai en Ourense e da importancia desta tradición. Nesta edición tampouco faltaron as referencias á terra, como a que fixo a asociación cultural Os Lolailos. No seu caso, representaron a Ponte Romana da cidade con gran precisión. Estiveron traballando na súa creación un mes tanto de mañá como de tarde. Para recreala, servíronse de 60 fotografías que lles permitiron facerse unha composición dun dos grandes emblemas da urbe.

“Que chulada!”, exclamou unha moza ao velo. Este maio foi un dos que máis captou a atención dos asistentes, quen non perderon a oportunidade de posar con esta Ponte Romana que logrou o segundo premio do Concello nos maios artísticos. “Ten tres caras, unha está feita con especies típicas do bosque atlántico, outra co bosque mediterráneo e pola parte de atrás temos as plantas invasoras, que lle chamamos bosque Netanyahu”, conta Óscar Paradelo.

Uns pasos máis adiante, estaban os dous maios do Andén Primeiro. O tradicional está composto polo que recollen ao longo do ano no monte. “Todo iso secámolo e aproveitámolo”, explica Fernando Rodríguez, quen sinala que esta tradición nunca se perdeu: “É unha das festas máis importantes de Ourense porque a xente a vive e gústalle facelo”.

Moi preto da orquestra foi o lugar ocupado por un maio que representaba a un anxo caído, que acabou gañando o primeiro premio do Concello ao mellor maio artístico. Impoñente coa súa gran altura e o seu nivel de detalle, foi un dos que máis atención recibiu. Especialmente polos máis novos, que demostraron un ano máis que esta tradición está moi viva.

Contenido patrocinado

stats