Carmen García Mateo, nova reitora da UVigo: “A nosa prioridade é a reorganización interna da administración”

UNIVERSIDAD DE VIGO

Por primeira vez na súa historia a Universidade de Vigo estará gobernada por unha muller. Carmen García Mateo analiza os retos que den por diante tras saír elixida reitora.

Carmen García Mateo, rectora de la Universidad de Vigo.
Carmen García Mateo, rectora de la Universidad de Vigo.

A catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións, Carmen García Mateo (Vigo, 1963), resultou elixida o venres como nova reitora da Universidade de Vigo.

Pregunta. Que pasou pola súa cabeza ao confirmarse que sería reitora?

Respuesta. Levamos moito tempo preparándonos para este proxecto, a campaña foi longa, pasamos o corte o día seis e agora revalidamos o resultado daquel día, é como dicir, “ben, si, agora empezaremos a traballar”. Contenta tamén a nivel persoal, desde a serenidade e a responsabilidade.

P. Os PTXAS apostaron maioritariamente por vostede. Comezarán por aí os cambios?

R. Si, pero traballaremos en distintas frontes porque somos unha equipa de doce persoas, por tanto non descoidaremos ningún ámbito. Pero si, a nosa prioridade desde o día un é a reorganización interna da administración. A súa confianza ratifica o que vimos dicindo, que necesitamos unha nova gobernanza e unha nova organización.

P. O único sector onde non foi maioritaria foi a do persoal docente e investigador sen vinculación permanente. Que mensaxe pode dirixirlles?

R. A mensaxe é de tranquilidade. Traballaremos para toda a comunidade universitaria. Entendemos que neste sector temos un grupo muy diverso, con distintos subcolectivos. Traballaremos con todos eles e para todos eles. No noso programa levabamos moi claro que temos que ter unha planificación clara. Como universidade temos que ter unha planificación para todo o persoal en canto ás vías de estabilización, os calendarios...

P. Nos últimos compases da campaña houbo certa polémica polo nome do novo xerente. Xa se pode dicir?

R. Eu sempre dixen que a persoa que ven para a xerencia ten un posto de traballo neste momento. Esperemos a esta semana. Entendemos que os PTXAS queiran saber como quen vai ser a persoa responsable de xerencia. Pero o que remarcábamos era que as políticas de persoal márcaas o equipo de goberno. O xerente, ou xerenta, executa. Nós somos os responsables últimos de que esas políticas sexan as acertadas.

P. Haberá auditoría económica?

R. A auditoría económica farémola en canto tomemos posesión, internamente con servizos propios e cunha consultora externa. Precisamos saber cal é a situación real para establecer as prioridades de gasto.

P. Ve vostede viable a solicitude do grao en Medicina en 2029?

R. O que nós defendemos é que cando se abra o mapa de titulacións, cando acabe o período deste acordo de descentralización, ver como está a funcionar. Se o acordo está funcionando estupendamente as tres universidades, seguiremos por esa vía. Pero se non é así, a Universidade de Vigo estaremos preparados para solicitar Medicina, que non é mandar un papel, senón ter toda a organización e financiamento asegurada.

P. Hai desconexión do estudantado coa comunidade universitaria, vista a baixa participación?

R. Ben, é unha tendencia global da sociedade española, e a galega non é unha excepción. O estudantado, sobre todo despois da pandemia da covid, a súa participación na vida universitaria está máis centrada en acadar a titulación. Nós apostamos porque a experiencia universitaria sexa plena: aulas, actividades, extensión universitaria, de relación entre iguais. Potenciaremos todo isto.

P. Só un 6,8% do alumnado acudiu a votar. Como pode fomentarse a participación?

R. De cara ábaixa participación, hai outros factores que inflúen. As eleccións foron en venres, cando en moitos centros non hai aulas. Ademais, estamos en período practicamente de exames. Iso dificulta a participación e a votación en urna. Medidas como o voto electrónico ou ferramentas dixitais van axudar a esa dinamización na participación da vida universitaria. Eu desta campaña resaltaría, porque o vimos na parte de elección de representantes ao claustro, que empezaba a volver haber movemento nos centros de cara a formación de candidaturas para representantes de estudantes no claustro. Si que empezou, pero estas cousas non se cambian da noite á mañá, teñen que percibir que a súa participación revirte na súa experiencia na universidade.

P. En Galicia non hai universidades privadas, que crecen en número en España. Como pode atraer estudantes a UVigo neste escenario?

R. Nós defendemos a universidade pública, a que permite que calquera poda acceder á unha formación de calidade. Defendemos que estea ben coidada, sexa responsable e dea contas. A privada xoga con parámetros diferentes. A universidade pública ten tres misións: docencia, investigación e transferencia. Na privada non é así. Xeralmente, non en todas, hai a percepción de ser un nicho de mercado onde hai rendementos económicos a conseguir.

Contenido patrocinado

stats