O OUFF será escaparate para estreas internacionais

ANUNCIA DOUS NOVOS FILMES

O Ourense Film Festival (OUFF) renova a súa sección “Inédito” e anuncia dous filmes que serán primicia en España

Vecinos ourensanos entrando en el Galicine de Ponte Vella.
Vecinos ourensanos entrando en el Galicine de Ponte Vella. | Xesús Fariñas

A sección Inédito do OUFF cambiará de enfoque na súa 31ª edición para incorporar grandes estreas autonómicas e nacionais, ademais de películas cuxa chegada ás salas comerciais aínda se demorará. O festival avanzou os dous primeiros títulos dunha programación formada por cinco longametraxes: “Napoli New York”, baseada nun guión descoñecido de Federico Fellini, e “The Man I Love”, protagonizada por Rami Malek.

A transformación converterá Inédito nunha fiestra para o cinema recente internacional e permitirá que os espectadores ourensáns descubran obras que, nalgúns casos, tardarán meses en incorporarse ao circuíto habitual de exhibición.

Ata agora, esta sección estaba reservada a películas xa comercializadas en España que non chegaran ás pantallas da provincia. O OUFF elimina este ano esa limitación xeográfica e traslada todas as sesións da sección aos cines do centro comercial Ponte Vella.

 Os filmes

Un dos seus principais atractivos será a estrea absoluta en España de “Napoli New York”, dirixida por Gabriele Salvatores, gañador do Óscar por “Mediterráneo”. A película naceu a partir dun texto escrito en 1948 polo lexendario director italiano Federico Fellini e o seu habitual colaborador Tullio Pinelli. O documento, de 80 páxinas, permaneceu gardado nun baúl durante preto de sete décadas, ata que Pinelli llo confiou, cando tiña 97 anos, ao crítico Augusto Sainati.

Salvatores converteu o guión nunha película estreada en 2024 e que xa recadou máis de 5,3 millóns de euros en Italia. Ambientada a finais da década de 1940, segue a Carmine e Celestina, dous nenos napolitanos de 12 e 9 anos que viven sen familia e soben clandestinamente a un barco con destino a Nova York para buscar unha nova vida. O italiano levou así á gran pantalla o que describiu como unha historia emocionante de supervivencia, esperanza e amizade.

O segundo avance é “The Man I Love”, protagonizada polo oscarizado Rami Malek, por “Bohemian Rhapsody. A longametraxe chegará a Ourense despois do seu paso por Cannes e pola sección Perlak do Festival de San Sebastián. A súa estrea nas salas comerciais non está prevista ata 2027, polo que o público galego poderá vela con antelación no OUFF.

O festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro. Próximamente continuaranse desvelando os outros tres títulos que formarán parte da renovada sección Inédito.

Contenido patrocinado

stats