Uxía Blanco, actriz: “Son un arquipélago de mulleres, todas as que protagonicei habitan en min”

OUFF

Uxía Blanco recibe este venres o Premio Honorífico AISGE no OUFF

A actriz Uxía Blanco
A actriz Uxía Blanco

Unha actriz fundamental para a evolución do cinema galego, como é Uxía Blanco, recibe hoxe no OUFF o Premio Honorífico AISGE, en recoñecemento a unha traxectoria envexable da que fai repaso.

Pregunta. Que significa o premio honorífico de AISGE como tributo para a súa carreira?

Respuesta. Unha sorpresa enorme, teño un pouco de complexo, porque paréceme que hai outras persoas que o merecen moitísimo máis, pero xa que mo dan, pois unha gratitude enorme, porque é a propia profesión a que me dá ese recoñecemento e estou pois encantada, sobrepasada, feliz e agradecidísima.

P. Ten un significado especial recibir este premio en Ourense, non?

R. É unha provincia fundamental para min e aparte no OUFF, porque eu moitísimas veces estiven no festival presentando ou de xurado. Pero bueno, sobre todo é que Ourense foi a primeira ventá pola que se asomou "Sempre Xonxa" ao cine, na aldea de Santoalla, en Petín. Para min é absolutamente inesquecible, é unha paisaxe incrible, que cando Chano Piñeiro a descubriu quedou completamente prendado desas montañas.

P. Foi ademais unha película que marcou un salto fundamental na súa carreira.

R. Totalmente, foi a miña primeira película. Eu era profesora de Xeografía e Historia, estaba traballando no Instituto Politécnico de Pontevedra. Nese momento, Chano buscaba unha persoa para facer de Xonxa nesa película, eu vía unhas filas enormes nas fotos dos xornais e pensaba que era para facer publicidade e non me presentei. Pero no fondo tamén subsistía pois un medo a ir e que che dixeran que non, porque eu tiña unha vocación tremenda desde os 12 anos pero xa estaba na trintena. Un día vínoo na televisión nunha entrevista dicindo que ía a Madrid e a Barcelona a buscar a Xonxa, xa que non a atopara en Galicia. Entón, sabendo que tiña unha farmacia en Vigo, ao día seguinte pranteime na farmacia e díxenlle: “Chano, non busques máis, que Xonxa son eu”.

P. Que achega a túa propia esencia ao personaxe?

R. Xonxa era unha muller rural, coma eu, que nacín na aldea e estiven alí ata os once anos, onde coñecín a moitas Xonxas, desde pequeniñas a maiores. Entregueime a Xonxa en corpo e alma, todo o meu pensamento, toda a miña enerxía, a vitalidade, a experiencia que eu coñecía de mulleres, de mulleres fortes da aldea, de mulleres tenras, de mans callosas de traballo, tamén de soidade, de tantas mulleres que quedaron aquí mentres os homes emigraban. Eu coñecín a moitas destas mulleres e eu queríalle facer xustiza.

P. Fuches a protagonista dun fito: a primeira longametraxe en galego. Como evolucionou o cine galego nestes máis de 35 anos?

R. Aquí gustaríame recordar unhas verbas de Chano, que penso que hoxe temos aínda que seguir loitando polo mesmo: “Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario”. E penso que hoxe en día aínda temos que reivindicar o mesmo. O feito de saír á pantalla grande películas galegas fíxonos crer que era posible. As series da Televisión de Galicia tamén foron unha verdadeira escola de todos os equipos técnicos e artísticos, aínda que agora, por desgraza, non se está apostando por elas.

P. Cunha filmografía tan extensa, que traballos che marcaron especialmente?

R. Unha das fundamentais é "A lingua das bolboretas". Estiven contando o outro día máis ou menos con cantos directores e directoras traballei e saíronme 45. Eu diría que cada película, cada serie, me outorgou a posibilidade de habitar outras mulleres. Diría que eu non son unha soa muller, son un arquipélago de mulleres, todas as que protagonicei habitan en min. E aínda que tiven que facer tamén mulleres malvadas, penso que é o labor do actor ou da actriz, saber facer que o personaxe resulte tamén reprobable. A min por exemplo, por "Serramoura" ata me pegaron pola rúa, señoras. Coa que me quedo por encima de todas é Xonxa, xa que é o primeiro amor, é como o primeiro bico. Pero despois é Rosa de "A lingua das bolboretas".

P. Coa túa traxectoria, tan completa, hai algo que che falte por cumprir?

R. Paréceme que me queda por cumprir todo. Non hai que perder de vista vivir e procurar a felicidade dos demais e dun propio, pero a min paréceme que me queda moito por facer. Agora estou escribindo, encóntrome superfeliz, gústame moito, xa fixen varios guións e tres curtametraxes como directora. Teño varios proxectos en marcha, a vida mesma é un proxecto.

Contenido patrocinado

stats