ACTIVIDADES DE OUTONO
O magosto e a micoloxía animan a fin de semana en Parada de Sil
ACTIVIDADES DE OUTONO
A paisaxe outonal de Parada de Sil serviu de escenario para unha fin de semana de actividades que combinaron tradición, gastronomía e natureza. Veciñanza e visitantes tiveron dúas citas destacadas: o tradicional magosto de Sacardebois e a xornada micolóxica, celebradas os días 7 e 8 de novembro, respectivamente.
O magosto de Sacardebois, considerado o máis antigo do municipio, volveu reunir numerosos asistentes arredor da castaña e das tradicións populares. Organizado pola comisión de festas, coa colaboración da asociación de veciños, presidida por Yolanda González, o encontro contou cunha importante implicación veciñal para manter viva esta celebración e compartir cos visitantes os produtos da terra.
A festa completouse co reparto gratuíto de viño das adegas dos pequenos produtores locais e chourizos, nun ambiente amenizado polo Trío Rever, que interpretou coñecidas pezas e animou os asistentes a participar no baile.
A outra gran cita da fin de semana foi a IV Xornada Micolóxica de Parada de Sil, que completou o máximo de prazas dispoñibles, con 30 participantes. A actividade contou con persoas chegadas de diferentes procedencias, desde distintos puntos da provincia de Ourense ata lugares como Rusia, México, Barcelona ou Guadalajara.
A xornada combinou unha charla formativa cunha saída ao monte para a recollida de cogomelos e posterior identificación e clasificación das especies.
Aínda que a cantidade recollida non foi moi abundante, destacan desde a organización a variedade de exemplares atopados, entre eles boletus, cantarelas e diferentes especies de amanitas.
A gastronomía puxo o punto final á actividade cunha degustación que incluíu crema de champiñón e boletus, ademais de tostas de Fistulina hepática, boletus e macrolepiotas.
Deste xeito, Parada de Sil pechou unha fin de semana na que a tradición do magosto e o aproveitamento dos recursos naturais volveron converterse en protagonistas, ofrecendo tanto á veciñanza como aos visitantes diferentes formas de descubrir e desfrutar do patrimonio cultural, natural e gastronómico do municipio.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACTIVIDADES DE OUTONO
O magosto e a micoloxía animan a fin de semana en Parada de Sil
GDR SIL BIBEI NAVEA
Jornada sobre el banco de tierras en Parada de Sil
SOSTENIBILIDAD
El modelo turístico de Parada se da a conocer al País Vasco
Lo último