Leboreiro-Xurés, unha viaxe pola fronteira hispano-lusa máis elevada.
Leboreiro-Xurés, unha viaxe pola fronteira hispano-lusa máis elevada. | La Región

Galería | Leboreiro-Xurés, unha viaxe pola fronteira hispano-lusa máis elevada

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Un xacemento do neolítico-calcolítico que supera as 300 cámaras funerarias, o que o converte, posiblemente, no campo tumulario de maior extensión de Galicia; paraxes e altores finais que aquí levan o revelador e particular nome de Serra das Motas.

Todo en rodopío vemos un mundo arrodeado de altas serras de moi variadas fisionomías. É o último val, límite e fronteira, paisaxe espectacular pechada en si mesma e reduto dunhas xentes que sobreviviron ata hoxe malia o arredamento secular imposto polas graves montañas, pola fronteira máis antiga de Europa e o esquecemento oficial. Extenso territorio polo que devala un Limia ben centrado camiño do mar.

A Serra do Leboreiro

Aínda que o parque natural foi bautizado en 1993 como “Baixa Limia-Serra do Xurés”, o espazo protexido tamén incluía dende esa primeira data a Montaña de Queguas, proxección meridional da gran Serra do Leboreiro que vai debuxando un arco case perfecto dende a fronteira da Azoreira en Padrenda ata a Ameixoeira de Entrimo. Para aproximarnos a esta primeira serra podemos achegarnos dende o norte pola ruta que por terras de Quintela de Leirado nos leva ata o esporón rochoso da Penagache; ou ben subir dende o Outeiro de Augas que está na cota de mil metros entre Bande e Verea, divisoria dende a que baixa cara ao Miño o río Deva, nome antiquísimo dunha deusa ignota en lingua indoeuropea. A pista que sobe nos leva ata fronteira e logo en dirección norte cara á Mota Grande; posiblemente o túmulo, cos seus 4 m de altura e 52 m de diámetro, de maior dimensión de Galicia. Dende alí iremos por toda a cumieira da serra seguindo a chamada “Ruta das Mámoas”, un percorrido espectacular que nos levará, logo de 22 quilómetros de percorrido, ata o San Bieito de Grou, afamado santuario rodeado de carballos centenarios e onde se celebra unha coñecida e concorrida romaría. É esta unha viaxe que non deixará indiferente a ninguén, seguindo sempre en dirección sur pola pista que vai paralela á fronteira, a esa liña invisible que separa non só os dous países e os dous parques, senón tamén dúas fisionomías moi diferentes: a enorme penechaira ou superficie de erosión que os portugueses chaman Planalto, e que espalla dende aquí ata a vila de Castro Laboreiro, terra de brandas e reses itinerantes; e os poderosos brazos da serra que despregan pola vertente galega cara ao nacente. Un camiño ondulante pola cima do mundo, onde escoitar o ruído do vento e a cháchara interminable de chascos, lavercas e cotovías; e tamén por veces os muxidos e os rinchos dos cabaliños bravos e das vacas piscas movéndose ritmicamente para aproveitar os pastos de altura que medran nestes solos permanentemente húmidos. Porque o Leboreiro, ademais de ser, como o seu nome indica, terra de lebres; tamén foi terra de pasteiros e gando a fartar do que dan testemuña os pergameos da época de san Rosendo. Hai algo de salvaxe e misterioso nesta terra última que vai rozando os 1.300 m de altitude, onde o vento que nunca descansa fecunda as eguas; un baldío onde moran silentes en centos de mámoas os nosos devanceiros máis primitivos. En efecto, estamos agora, segundo nos conta Eguileta Franco, arqueólogo, colaborador de La Región e un gran coñecedor deste territorio, nunha paisaxe megalítica excepcional, creada polos primeiros pastores e agricultores que comezaron a ordenar estas terras hai máis de seis milenios. Un xacemento do neolítico-calcolítico que supera as 300 cámaras funerarias, o que o converte, posiblemente, no campo tumulario de maior extensión de Galicia; paraxes e altores finais que aquí levan o revelador e particular nome de Serra das Motas.

A Mota Grande do Leboreiro (Verea).
A Mota Grande do Leboreiro (Verea). | Turismo de Ourense.

Seguimos pola serra cicelada sobre xistos e cuarcitas metamórficas en terras do concello de Verea, aínda que por veces vemos asomar grandes penedos como resultado do que tecnicamente chaman “intrusións graníticas”. O mundo que vén agora, sen deixar a serra, afunde de repente á altura de A Fraga e de Parada do Monte, parroquias do concello de Lobeira e da Baixa Limia. Xa non son aqueles valciños adurmiñados na serra inhóspita, senón regueiros afanosos que abren profundas fendas ao sentir a poderosa atracción do gran río que vai alá embaixo e non demasiado lonxe; corgas polas que viaxan torrentes escumantes que axiña mudarán en ríos con nome propio, como o Fragoso ou de Grou, o Pacín ou da Montaña, o Agro ou Covas, e finalmente o Barcia de Olelas. Por iso os lombeiros do Leboreiro se resenten baixo o cicel abrasivo dos regueiros, e o que queda é un mundo de vales esporentes, de labradíos e prados recendentes, de lugares pendurados dos socalcos e as aldeas perdidas daqueles pegureiros dos que nos falaba Xocas, o grande etnógrafo natural destas terras. Porque o que vemos agora, espallando aló embaixo, é o universo de Grou; e tamén das terras medias dese paraíso que esperta os sentidos de A Terrachán de Entrimo, capitalidade municipal que por fin recuperou o “n” final. Un territorio privilexiado, quente e sensual, onde non é raro atopar magnolios, glicinias e buganvíleas. “Un país -di Otero Pedrayo- de profundos vales entre altas montañas que gozan do clima e da flora de Portugal: viñedos, hortos de limoeiros e laranxeiros, e oliveiras que renden colleitas considerables”.

Un xacemento do neolítico-calcolítico que supera as 300 cámaras funerarias, o que o converte, posiblemente, no campo tumulario de maior extensión de Galicia; paraxes e altores finais que aquí levan o revelador e particular nome de Serra das Motas.

Estamos chegando aos derradeiros contrafortes da Serra do Leboreiro que aquí chaman “A Montaña”, e onde atopamos un dos escenarios máis gozosos de toda a área protexida: o dolmen da Casiña da Moura chantado na vasteza da penechaira espida que segue teimosamente con nós (un día, hai moitos anos, contoume un pastor que aquel dolmen o levara ata alá enriba unha moura na cabeza mentres fiaba sete mazarocas); e logo, alá en fronte e cortando o horizonte próximo, a Pena de Anamán, unha cúpula ou domo granítico de fabulosas proporcións que foi refuxio de bandoleiros, e cuxa humilde e recatada capeliña portuguesa se nos antolla santuario moi anterior á chegada de san Martiño de Dumio; de ritos, ritmos e ofrendas á Deusa Nai; ás forzas telúricas da Terra que nos acouga e protexe e que aquí acada sublimes proporcións. E así, arrodeados de maxia, rematamos a nosa viaxe pola Serra do Leboreiro na fronteira da Ameixoeira, camiño do castelo luso de Castro Laboreiro onde imos comer un bom cabrito.

A Pica de A Illa
A Pica de A Illa | La Región

O Val do Limia

Detectamos axiña unha mudanza importante na paisaxe. Xa non hai xistos nos lombeiros, nin o escudo compacto de migmatitas que conforman a Terra de Celanova, atravesan Bande e van ata as terras lamacentas da Limia. Agora son formas terriblemente convulsionadas polas forzas morfoxenéticas externas de chuvias, ventos e xeos traballando sobre estas superficies e que nos transportan ata era dos glaciares. Formas atormentadas que van marcando os últimos horizontes do Val do Limia, desta terra amable que goza dun microclima envexable, pechada en si mesma polas formidables morfoloxías que andamos a debuxar. O cortizo da terra que espalla por fronte marcando a fronteira meridional de Galicia é un mundo onde a pedra, ciclópea, anárquica, monolítica ou multiforme, ciscada polas abas ou asomando nos outeiros, domina todos os escenarios. Porque o que temos agora en fronte, proxectándose ata as terras frías do val do Salas, é unha magnífica manifestación do que en litoloxía chaman “granodioritas biotíticas”, as rochas que xa vimos na Pena Corneira, e nas que a erosión diferencial dá como resultado estas paisaxes frías e grisallas, ásperas e núas, como unha reliquia fosilizada dun pasado ignoto moi anterior á aparición do ser humano. E é precisamente esa dureza e vasteza pétrea a que fai que estas paisaxes do Xurés sexan únicas e paradigmáticas; dignas de contemplar dende a extrema sobriedade que as envolve, e por iso merecentes da nosa atención.

Castelos graníticos.
Castelos graníticos. | Xosé Benito Reza

Vén primeiro o Monte do Quinxo, perfectamente contornado polos ríos Barcia e Covas, alá onde despunta a famosa Pica, e tamén a Pedra da Campá que me ensinaron hai moitos anos os veciños de A Illa. Agochado do outro lado, coa ollada espetada en Portugal, está o arredado lugar de Olelas, gravitando en socalcos por riba do río que vén marcando a fronteira dende A Ameixoeira, un río de augas prístinas e troitas case brancas. E, por fin, vemos o Limia aló embaixo, o gran río hoxe morno e decadente, encorado pola prepotencia humana. Cada vez que pasamos por alí imaxinamos, baixo as augas toldadas e misteriosas, un paraíso antigo irrecuperable; porque se nos vén á memoria o río da Vida, o Limia nunca esquecido, o dos días afogados; o encoro que a verba poderosa e afiada do escritor de Vilanova, Xosé Luís Méndez Ferrín, definía como o mellor símbolo do noso alleamento, da nosa alienación colectiva, do esquezo de nós mesmos; lamentando os sucesivos agravios sufridos polo río Limia; calamidades que, logo de tantos anos dende a construción do encoro de As Conchas (hoxe nun estado ecolóxico e sanitario lamentable), aínda por desgraza e para vergoña das institucións responsables das cousas das augas e do medio ambiente continúan.

Mapa Leboreiro-Xurés, unha viaxe pola fronteira hispano-lusa máis elevada
Mapa Leboreiro-Xurés, unha viaxe pola fronteira hispano-lusa máis elevada | La Región

Temos en fronte o promontorio máis recuado de todos: a Serra de Santa Eufemia, acantonada na punta suroeste da provincia; perfectamente contornada en toda a súa compacta e orgullosa osamenta polo Limia e o Caldo, raia omnipresente. Ben merece a pena subir pola pista que vai do viveiro forestal ata o cumial das antenas, a aquela cima onde bate tarabelo o vento, e espallar a mirada todo ao longo do val, dende a cordal aparentemente infinda da Serra do Xurés ata os lombeiros do Leboreiro perdéndose na penechaira de Anamán. Aquí ten a súa orixe o culto a santa Eufemia, padroa de Ourense; lugar de cidades perdidas e frades pantasmas; de contos e lendas que van de boca en boca polas rúas de Manín, Padrendo, unha insólita Compostela e o Aceredo Novo nado das augas, e aos que era tan adicto o meu amigo José Lamela. Sempre en terra de lobos, de boa xente e de cabaliños bravos pacendo a fronteira dende tempos inmemoriais.

Aceredo emerxe de Lindoso.
Aceredo emerxe de Lindoso. | Xosé Benito Reza

A Serra do Xurés

Para achegarnos ao Xurés temos necesariamente que atravesar o val de Riocaldo. Pasmará sen dúbida o viaxeiro ao contemplar unhas formas alleas á normal morfoloxía dun val galego, porque en efecto hai algo especial naquelas terras inmediatas á fronteira da Portela do Home por onde entraron os romanos hai dous milenios. Non son os desgastes propios da erosión fluvial aos que estamos acostumados en Galicia, xeradora dun milleiro de corgas que van envurulladas nunha luz feble e inverniza. Agora abre ante os nosos ollos un val aberto e luminoso de insólitas proporcións, de abas docemente alombadas que ascenden cadenciosas cara aos picos do Xurés e a mole compacta da Santa Eufemia, coas súas respectivas ermidas a unha e a outra banda. Estamos, certamente, nun val glacial; un val rectilíneo e feraz, configurado polos xeos que esfragaban hai dez milenios dende as altas cumieiras do Xurés. Por el, seguindo a gran falla que se prolonga pola banda portuguesa ata as Caldas do Gerês, viaxa hoxe o río Caldo; por esa fractura ou longuísima fenda pola que abrollan nas súas estremas as quenturas de magmas inimaxinables e unhas termas beneficiosas que aproveitamos dende época romana. Historia antiga, termalismo e periglaciarismo nun dos vales máis atractivos e singulares da Galicia interior, solar hoxe dun soberbio balneario e recorrido por unha descansada e preciosa ruta fluvial apta para todo tipo de persoas.

Fervenza de A Fecha (Riocaldo).
Fervenza de A Fecha (Riocaldo). | Xosé Varela

Deixamos este val para penetrar nun dos escenarios máis esgrevios do país que andamos a analizar: a cordal impoñente da Serra do Xurés, coas súas paisaxes duras e abruptas; onde as formas do granito, de gran beleza e plasticidade, asaltan a miúdo a nosa imaxinación; e que levan os nomes de picas, torres, castelos, cabezos, pedras cabaleiras, rochas penitentes, dorsos de balea, tors ou borrageiros. Para entrar no corazón da serra podemos coller a pista das Sombras que sae da capitalidade municipal en Lobios e remata preto da fronteira. Camiño forestal que vai cimbrando a media ladeira, cruzando torrentes que se descolgan dende as alturas seguindo una rara linearidade. Así é, porque aquí os ríos e regueiros non seguen coma noutras xeografías camiño labrado polo cicel das súas propias augas, senón percorridos predefinidos que lles son ineludibles, deseñados en eras pretéritas de acordo ao exhaustivo sistema de fallas que cruzan profusamente o Xurés. Alá enriba van enfiados os picos que marcan a fronteira: o Coto do Bidueiro, o Pico do Sobreiro, o Altar de Cabróns (zootopónimo que lembra á cabra montesa) ou o Pico da Nevosa onde a serra acada a súa máxima altitude aos 1.539 m (a segunda de todo Portugal). Podemos achegarnos á raia da fronteira seguindo o vello camiño que leva ata a antiga mina de volframio; unha terra brava, rabuñada e eslombada polo que un día foi un enorme glacial do Plistoceno, cando os xeos e as neves perpetuas campaban nesta serra por riba da cota dos 900 m. A sopé do frontón espectacular do Xurés van as campas e os currais dos antepasados; as brañas sempre verdes onde ían as veceiras e as vacadas; terra de pastores e solar de antiquísimas chivanas; un mundo extinto, acantonado naquelas extremas do país baixo un sol tardío e crepuscular. O Xurés de Lobios remata polo nacente nos picos espectaculares do Fontefría e As Gralleiras, onde comeza o concello de Muíños. É esa paisaxe que tanto reclama a atención dos visitantes ao cruzar o alto do Vieiro, ao cruzar a “Porta do Xurés” que alí chantou o escultor Toño Monteiro. Naquel diminuto valciño de augas xeadas que abrollan ao pé das Gralleiras, onde os outeiros pétreos mudan en lombas herbosas e corre por medio un regueiro cantareiro, asenta o lugar de Salgueiros, o paraíso perdido do Xurés abandonado dúas veces.

Naquel diminuto valciño de augas xeadas que abrollan ao pé das Gralleiras, onde os outeiros pétreos mudan en lombas herbosas e corre por medio un regueiro cantareiro, asenta o lugar de Salgueiros, o paraíso perdido do Xurés abandonado dúas veces.

A Serra do pisco e O Couto mixto

Estamos chegando ao final do espazo protexido; primeiro pola Serra do Pisco en terras de Requiás e Guntumil, patronímicos duns posesores xermánicos chegados un día alén do Rin que ninguén lembra. E logo polo que algúns chaman o Val da Morte; porque naquela veiga alta do río Salas onde está un foxo de cabrita impresionante, no chanzo intermedio entre os cumiais do Xurés e a fondal pola que divaga o río hoxe encorado, topamos de novo cunha gran concentración de mámoas; a derradeira pousada duns homes e mulleres dos que nada sabemos e moi pouco saberemos aínda con todas as nosas tecnoloxías. Un valciño elevado sobre a cota dos 800 m onde axiña se pon o sol e se senten as friaxes do inverno.

Ruta fluvial inclusiva de Riocaldo.
Ruta fluvial inclusiva de Riocaldo. | Xosé Benito Reza

Por este val ancho e luminoso, cinguido de outeiros que van paseniño ata a Portela de Pitões (o marco fronteirizo está espetado no cráter dunha mámoa violentada), muda de novo o cortizo da terra. Deixamos os quebrantamentos e as pedras mil ciscadas polas abas do Xurés e volvemos á coiraza antiga das migmatitas nebulíticas que bordeaban a Serra do Leboreiro, dando como resultado estas paisaxes suaves e ondulantes que se proxectan pola Serra da Pena do concello veciño de Calvos de Randín; lombeiros que van devalando mainamente dende a raia ata a extensa veiga por onde divaga o río Salas.

A Mota Grande.
A Mota Grande. | X.M. Eguileta

Chegamos así, entre valgadas e corgas sombrizas que se alongan cara á fronteira por unha extensa carballeira e onde adormecen os lugares de Vilar e Vilariño, ás terras da república esquecida do Couto Mixto. Ao país dos místigos: Santiago, Rubiás e Meaus, de xentes que podían elixir nacionalidade e gozaban de privilexios excepcionais; territorio onde rematamos a nosa xeira cando xa temos en fronte as poderosas morfoloxías da Serra do Larouco que veñen avantando dende Portugal.

O autor na Casiña da Moura
1/8 O autor na Casiña da Moura | Xosé Benito Reza
Dorso de balea
2/8 Dorso de balea | Xosé Benito Reza
O espectacular domo da Peneda
3/8 O espectacular domo da Peneda | Xosé Benito Reza
Dolmen no val do Salas
4/8 Dolmen no val do Salas | Xosé Varela
A Pica de A Illa
5/8 A Pica de A Illa | Xosé Benito Reza
O marco das Catro Cruces (Verea)
6/8 O marco das Catro Cruces (Verea) | Xosé Benito Reza
Terra de suculentos pastos
7/8 Terra de suculentos pastos | Xosé Benito Reza
Penas Rubias
8/8 Penas Rubias | Xosé Varela

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats