Sandiás inviste 70.000 euros na depuradora de Cerredelo

MELLORA NO ABASTECEMENTO

O Concello de Sandiás vén de concluír un conxunto de actuacións para mellorar o funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais da aldea de Cerredelo

Obras da depuradora recentemente construída.
Obras da depuradora recentemente construída. | Concello de Sandiás

Cun investimento de preto de 70.000 euros, as obras en Cerredelo foron executadas pola empresa Explotacións Medioambientais S.L. co fin de solucionar os problemas de funcionamento detectados na instalación.

Estas deficiencias debíanse principalmente a un caudal de entrada de augas limpas moi superior ao previsto, que superaba a capacidade do sistema de infiltración, ademais dos constantes atrancos provocados pola presenza masiva de toalliñas.

Os traballos iniciáronse coa limpeza, roza e inspección dos colectores da parcela, xunto coa demolición do bordo situado fronte ao pozo de grosos. A continuación, executáronse movementos de terras para construír un pozo de interceptación de formigón que deriva o fluxo do colector xeral cara ao novo pozo de grosos de formigón armado, deseñado como tratamento primario, cun cestón e dúas comportas murais manuais de aceiro para regular a entrada e saída da auga.

Ademais, habilitouse un novo colector de alivio de 200 metros de lonxitude que discorre pola vía pública con tubaxe corrugada e pozos de rexistro con tapas de fundición, rematando noutra arqueta de rotura de carga antes da vertedura.

Contenido patrocinado

stats