Cando os mestres cobraban 1,5 pesetas

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Esta é a breve historia dunha carta que en 1911 escribiu un mestre de escola da aldea de Carpazás (Bande) e que acabou inserida no libro de actas do Senado porque o vicepresidente da institución considerou que lle puña voz a unha situación límite

Publicado: 14 sep 2026 - 05:40
Carpazás está nas actas do Senado gracias ó mestre don Urbano e a Federico Ochando
Carpazás está nas actas do Senado gracias ó mestre don Urbano e a Federico Ochando | La Región

Agora que o curso escolar acaba de abrirlle as portas, unha vez máis ós escolantes do país, paga a pena botar a vista atrás e lembrar aqueloutros tempos nos que a máxima de pobres e ricos era: “pasas máis fame ca un mestre de escola!”. Segundo os datos que manexaba este mestre de Carpazás a comezos do século XX, un mestre dos chamados interinos cobraba entre 500 e 625 pesetas ó ano. A saber, 1,5 pesetas diarias. Algo que non alcanzaba sequera ó salario dun “barrendeiro municipal”.

Máis cá historia do mestre de escola que nun momento da súa vida xa serodia decidiu ir pola vía directa e en vez de constituír unha comisión entre os seus colegas de profesión e organizárense para facer chegar de forma conxunta as reclamacións sobre as infames condicións sociais e económicas ás que se vían sometidos para exerceren a súa actividade como mestres, optou por escribir unha carta -moi ben redactada e excelentemente argumentada, por certo-. e enviarlla ó vicepresidente do Senado daquel momento, o xeneral Ochando, quen despois de ter sido todo canto se pode ser na actividade política do país, exercía como senador vitalicio e por quen o mestre de Carpazás dá a entender, que era comprensivo coa obriga política que tiñan por diante co fin de abordar unha mellora do estado de necesidade no que malvivían milleiros de mestres e mestras distribuídas ó longo e largo do país.

Urbano Álvarez -que así é como se chamaba o mestre, pois o vicepesidente do Senado ocultouno na alocución parlamentaria- formaba parte daqueles que recibían o menor rango de emolumentos -ou sexa 500 pesetas anuais, máis 40 por outros conceptos-, dado que Carpazás non tiña máis de 300 veciños e el era dos chamados temporais, co cal, independentemente da idade que tivera -e xa non debería ser moi novo- se quería optar a unha paga maior de 850 pesetas -e non digamos xa para conseguir as 1.000- estaba na obriga de presentarse a unhas oposicións coma as que tivera que realizar para acceder á praza.

Naquel momento, o goberno presidido por Canalejas acababa de aprobar un decreto dotado cun millón de pesetas e destinado a sufragar en parte as carencias recoñecidas por case todos os políticos.

“Cuando se discutió el presupuesto de instrucción pública -deixou dito Ochando no Senado- tuve ocasión de hablar de los maestros de escuela y de su escasa dotación y ahora me escriben cartas y me dicen que una nube de maestros y maestras de 500, 625 y 825 pesetas se quejan por ver defraudadas sus esperanzas de mejorar hasta las 1.000 pesetas sin exigirles gastos y nuevas oposiciones”.

Para visibilizar a cuestión, o o xeneral decide darlle lectura á carta do mestre de Carpazás e incluíla así no libro de actas.

Entón, para visibilizar a cuestión, o o xeneral decide darlle lectura á carta do mestre de Carpazás e incluíla así no libro de actas.

“Entre las cartas que he recibido hay una de un maestro gallego de Carpazás (Bande - Orense) que merece publicarse en el Diario de Sesiones por las cosas que dice”.

A carta está datada o 10 de marzo de 1911 e, despois dunha breve presentación de cortesía, di: “Nosotros, que somos la médula del magisterio primario, los que más estamos en contacto con los pueblos, somos los únicos empleados civiles que quedamos con lo que más bien pudiéramos llamar limosna de 1,25 peseteas diarias sujeta a inevitables descuentos”.

De seguido maniféstase cansado de ter “pululado de pueblo en pueblo interinamente por conseguir un deseado puesto en propiedad..., y que ya vamos encanecidos de desasnar la niñez y somos el blanco de las iras delpueblo porque con sueldos-limosnas y locales-cuadras no podemos cumplir con nuestro deber semi-divino según la actualidad y la profesión requieren”.

A misiva do mestre aínda se estende máis, chegando a autotitularse como “desheredados sacerdotes civiles”, depositando toda a confianza nas artes políticas de Federico Ochando e “esperando enjugar en esta legislatura democrática las lágrimas económicas de nuestra mal retribuida profesión”.

Entre as palabras emotivas e esperanzadas do mestre e a impasible displicencia do ministro

Non estivo moito tempo á fronte da carteira ministerial de Instrucción Pública o rioxano Amós Salvador Rodrigáñez -entre principios de xaneiro e principios de abril-, pero si o suficiente como para arroxar pola borda -malia á súa condición de liberal- as tímidas e submisas esperanzas depositadas polo mestre no Senado.

Rematada a exposición dos feitos por parte do vicepresidente, amosando unha lóxica empatía polo que na carta declaraba o mestre de Carpazás, tomou a palabra un ministro completamente insensible ó grave problema cotián no que morrían de inanición tantos e tantos mestres e mestras polas aldeas, en moitos casos incomunicadas, de España.

A primeira cuestión sobre a que fixo declaración de escepticismo foi no tocante a que, como declarara o vicepresidente, houbera unha nube de comunicacións semellantes ás do mestre de Carpazás.

“No creo en esa nube -rebateu o ministro- porque habiendo 30 mil maestros, si llegaron 20 o 30 cartas no puede considerarse una nube de protestas”.

Pero, con ser xa cruel de seu esa indiferencia respecto da defensa realizada por Ochando, o ministro contrapuxo datos que dis que lle chegaban a el, é dicir: “...los maestros, con gran contentamiento y agradecimiento mío están mandándome todo género de juntas, asociaciones y representaciones suyas, diciéndome que se hayan contentísimos de los decretos últimamente publicados”.

O desprezo ás escolas rurais (esta é do franquismo) foi constante e duradeiro.
O desprezo ás escolas rurais (esta é do franquismo) foi constante e duradeiro.

E non só iso, senón que en tan aveso argumentario, o titular da carteira de educación mesmo entendía que, “hay que tener en cuenta que la práctica totalidad de los que cobran 500 o 625 pesetas no tienen títulos bastantes para ser maestros..., de modo que no tienen por qué quejarse, primero porque no se ha modificado la legislación vigente y segundo porque se les ha hecho un favor con el que no podían contar”.

En resumo, que ós ollos do fugaz ministro, a gran maioría dos descastados mestres aínda lle tiñan que estaren agradecidos ó ministerio pola oportunidade que lles tiñan concedido.

Abonda indicar, para rematar, que nunha ducia de anos, pola escola de Carpazás pasaron unha ducia de mestres e mestras, algunha das cales renunciou e volveu para a casa e algunha outra incluso faleceu ós 27 anos, debido se cadra ás inhumanas condicións nas que tiña que exercer.

Contenido patrocinado

stats