Ignacia Martínez, a monxa e o seu cilicio

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Os cinco irmáns -dúas mulleres e tres homes- acabaron recluídos noutros tantos conventos. Estamos nos primeiros anos do XIX e Ignacia, que naceu en Castrelo de Miño, deixou pegada no de Antealtares porque vía santos e entraba en éxtase

A fachada do convento de San Paio de Antealtares non pasa desaperciba na Praza da Quintana, coas reixas nas xanelas.
A fachada do convento de San Paio de Antealtares non pasa desaperciba na Praza da Quintana, coas reixas nas xanelas.

O envío a xuízo polo titular que leva o caso das insurrectas e afamadas monxas de Belorado (Burgos), acusadas de abandonar e maltratar a cinco compañeiras anciás do seu convento, resúltame acaído para traer a colación a unha ourensá de Castrelo de Miño que profesou a clausura no convento compostelán de San Paio de Antealtares e que entre os monxes bieitos que seguiron e estudaron o seu caso “unos la tienen por una santa y otros, en cambio, por una loca”. O motivo: As visións que mantiña con algúns santos, en estado de éxtase.

Indica o investigador Luis Ángel Bermúdez nun artigo sobre o mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares, que no ano 1836, o goberno liberal acordou concentrar a tódalas comunidades relixiosas nun só edificio, polo que ó longo de catro anos ademais das monxas bieitas que xa residían alí, achegáronse outras pertencentes ás comunidades de carmelitas, mercedarias e dominicas, chegando a manter convivencia un total de 69 profesas baixo a dirección da abadesa do convento, a ourensá de San Salvador de Arenteiro, María del Rosario Cervela.

En embargo, non vai ser a Madre Rosario a protagonista desta historia, senón estoutra Madre Ignacia, que xa levaba formando parte da comunidade dende 1819 como novicia e dende 1823 como profesa.

Ignacia nacera en 1803 no lugar de Ponte Castrelo, no seo dunha familia ultracatólica que acabou por conducir ós seus cinco fillos -tres fillos e dúas fillas- á vida conventual, xa que logo, ademais de Ignacia, en Antealtares tamén profesou a súa outra irmá Benita, mentres que Benito profesou en Samos, Clemente en San Martín Pinario e Prudencio no cisterciense de Sobrado dos Monxes.

Pronto deu mostras, Ignacia, de que non ía ser unha monxa máis da congregación, dedicándose, xa dende o noviciado, “a leer una y otra vez La Pasión de Nuestro Señor Jesucristo , a rezar el oficiio de Nuestra Señora y a pasar más de cuatro horas delante del Sagrario”.

En 1823 foi designada profesa -continúa o investigador de Coristanco- e a partir de aí aquelas primeiras mostras de singularidade respecto das outras novicias que ocupaban as horas, ademais de á oración, ós labores propios de atención doméstica da comunidade.

A Madre Ignacia, pola súa banda comezou a sentir inusitadas tentacións que levou ás súas compañeiras a considerala unha desequilibrada e unha falsaria, algo que o historiador Miguel Carlos Vivancos eleva á categoría de “aquejada de alguna enfermedad mental”, debido a que comezou a exprimentar continuamente “raptos místicos, éxtasis y luchas con el demonio, al que dominaba con inusitadas penitencias corporales”.

A medida que a súa obcecación foi en aumento, ó mesmo ritmo foi crecendo a preocupación das compañeiras de congregación que reclamaron apoio dos seus “colegas” bieitos, que se puxeron a seguir o caso, comezando por mandarlle escribir unha “autobiografía” para que deixase constancia puntual de todo o que exterior e interiormente lle acontecía. Autobiografía, esta, que se atopa inédita no arquivo do mosteiro de San Paio.

Nela di -volvemos a Luis Ángel Bermúdez- que se lle presentaban, entre outros, Santa Teresa, San Benito, San Miguel, San Gabriel ou Santa Gertrudis e Santa Escolástica, que a acompañaban no coro, mentres que outros días recibía ó Neno Xesús e con el “jugaba al escondite por los pasillos de Antealtares”, sen esquecer a Cristo coa coroa de espiñas.

Malia a verse afectada dunha saúde moi precaria, quixo peregrinar a Roma e a Terra Santa (igual que Exeria) e fundar unha congregación que se chamaría “Monjas sacramentarias”.

Nada diso se fixo realidade e o 15 de setembro de 1851 deixou de existir e cando a espiron para proceder a amortallala descubríronlle nas costas un gran cilicio.

Corenta despois foi aberta a sepultura e o cadáver estaba en perfecto “estado de revista”, sen a máis mínima marca de corrupción.

“Las señoras de San Payo” e outros casos de misticismo cenobítico na Galicia contemporánea

Convento das Mercedarias.
Convento das Mercedarias.

Loxicamente, o caso místico de Ignacia Martínez, non foi o único que houbo en Santiago, nin moito menos en Galicia.

Dos relacionados co mosteiro compostelán deu conta o monxe bieito M. Colombás, nun libro que titulou “Las señoras de San Payo” e que foi publicado en 1980.

Neste traballo o autor relata a vida cotiá existente dentro da comunidade cenobítica de Antealtares, deténdose loxicamente no caso espectacular da Madre Ignacia.

Pero, con anterioridade, foi a fundadora do convento carmelitano, María Antonia de Jesús a que, despois de casada e con fillos retirouse á vida monástica sufrindo grandes calamidades ata que morreu en loor de santidade e foille iniciado un proceso de canonización aínda non concluído.

Pola súa banda o convento mercedario semellou non querer ser menos e tamén contou coa súa propia “mística” na figura de sor María del Rosario, coñecida como “a santiña das Madres”.

En internet hai cilicios á venda por 148 euros.
En internet hai cilicios á venda por 148 euros.

María Josefa Aedo -que así era o seu nome de pía- nacera en Ermua en 1766, pasando a residir na Coruña coa nai, ós catorce anos, cando faleceu seu pai.

Alí tomou contacto coas clarisas de Santa Bárbara, entrando primeiro como leiga, tomando o hábito en 1789 co nome de sor María del Rosario e dedicándose ó coidado das enfermas.

Dende un principio -di Luis Ángel Bermúdez- comezou a manifestar especial apego polas penitencias máis fortes e polo sacramento da eucaristía, ata o punto de que na oitava xornada da festividade de san Pedro Nolasco onde a comunidade acostumaba a comungar tódolos días, ela non probou bocado por entender que lle resultaba imposible tragar ningún alimento denantes de recibir a Xesús sacramentado.

A partir desta experiencia protagonizou outros momentos de grande excitación e profunda éxtase con outros de extremado sosego, ata que un día dixo recibir a chamada de Xesucristo indicándolle que a súa función no convento tiña que ter que ver co coro e non coas actividades domésticas dunha leiga e cambioulle o veo branco da súa condición por un negro identificativo das profesas.

Inicialmente non lle deron creto á versión e o veo foille retirado.

A monxa caeu gravemente enferma e non sandou ata que lle devolveron a sagrada peza. Morreu en 1805, ós 39 anos, tamén e loor de santidade.

Contenido patrocinado

stats