CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Xavier Bóveda, os caciques e o seu poeta
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Seguramente nunca será elixido como escritor ó que lle vaian dedicar o Día das Letras Galegas. Sen embargo, se o mérito fose medido polo empeño, é posible que non habería no universo da literatura galega ninguén que se esforzase tanto para merecelo. Coñeceu a sacha, o arado e a rudeza da vida na aldea. Traballou de camareiro, repartidor de periódicos e tipógrafo de imprenta. E, sen coñecer as regras elementais da rima e da métrica compuxo un poema para namorar a unha moza e xa non parou ata que perdeu a conciencia.
Remataba o mes de xaneiro de 1898 e no humilde casal dun carpinteiro de féretros de Gomesende, a súa muller acababa de dar a luz a un neno miúdo, pero espelido, que sería bautizado co nome de Javier.
“Nací en un pueblo de reducida extensión y reducida historia. Metido en el interior de Galicia alejado del mar por luengas horas de ‘andadura’ de un tren horrísono y deteriorado”. Alí viviu os primeiros anos, ata que os pais asentaron na capital onde o pai sufre un accidente que lle custou a vida e a nai tivo que regresar a Gomesende.
Alí coñeceu o neno Javier a dureza da vida no campo sen ter oportunidade de ir á escola porque había que traballar para levar o compango á mesa.
Pero isto facíao nunha prisión que o abafaba porque aquel non era o lugar no que facerse un home e non pasou moito tempo para que o desexo se fixese realidade e instalouse de novo en Ourense.
Galeguizou o nome e púxose a traballar no que lle saíu. Camareiro, repartidor de xornais, “caixista” de imprenta.., o caso era pagar o pan, o compango e un cuarto quente. Comezou a ler as primeiras letras e a saber o que era un poema. Non tiña palabras para compoñer, pero ó querer impresionar a unha moza e acabou creando escribindo o primeiro. E así foi como, dun xeito moi rústico, se decatou de que el nacera para iso e, xa sen rubor, comezou a enviar as primeiras “pezas” ós xornais, que se facían eco delas, pero con comentarios “que me hacían chufla, se reían de mi y me tomaban por loco”.
Inasequible ó desalento, encaixando como podía as xocosas críticas, Xavier continuou superando muros e valados e conseguiu tomar contacto con algúns representantes da elite cultural e literaria ourensá. Pero, ó comprobar que tampouco o tomaban en serio, fascinado polos versos do poeta madrileño Emilio Carrere, con 30 pesetas no peto, da noite para a mañá decidiu marchar á súa procura. Conseguiu unha carta de presentación do poeta Rodríguez Sanjurjo para el -Carrere era fillo bastardo dun cacique ben coñecido en Ourense e con alto cargo en Madrid, chamado Senén Canido- e para o tamén cacique ponteareán con poder omnímodo na provincia, Gabino Bugallal, que daquela exercía como ministro de Hacienda, e sen nada que perder presentouse no cenáculo do “Café Varela”.
Sen máis preámbulos díxolle, “vengo a saludarlo, soy un señor que hace versos”. “¿Y que trae?”. “Versos”. “No se conquista Madrid con eso solo. ¿Trae dinero? ¿Tiene familia aquí?”. “No”. “Pues mire, lo mejor es que se vuelva a su pueblo y cuando tenga menos versos y más dinero, vuelva”.
Pero Bóveda non seu deu por vencido e amosoulle a carta do amigo ourensán, que deu o froito para o que fora escrita e Emilio Carrere decidiu levalo á casa para matarlle a fame acumulada de non se sabía cantos días. Xabier entendeu que o convite era aberto e continuou indo pola casa de Carrere, ata que a súa muller se cansou e díxolle que aquilo non era unha fonda.
O mesmo -é dicir, presentárselle sen máis- fixo con Bugallal, que case o apadriñou e non só lle financiou a publicación dos primeiros libros, senón que chegou a pagarlle un pequeno salario para evitarlle estreiteces. Del diría máis adiante: “Don Gabino es mi mecenas… Yo no necesito más que pedirle una cosa y me la hace. Entro en su casa como en la mía. Los dos somos gallegos y los dos damos lustre a Galicia (…) Yo trato a don Gabino como a mi padre, me siento en su mesa y me fumo sus puros (...)
Pero, por máis que os mecenas tiveran bos contactos e el xa unha xenerosa obra publicada e lograra confundirse cos poetas vangardistas que abrazaban o ultraísmo -Borges, entre eles-, a capital non logrou entrarlle polos ollos e regresou a Ourense.
Non cumprira os vinte anos e publica madrigais que recita cunha compañía de variedades or Galicia adiante. Quere dar unha conferencia no Ateneo ourensán, pero ó chegar atopou a porta pechada e ninguén para escoitalo e, malia que é admitido nos círculos de Risco e outros, o desaire do Ateneo decepciónao e en 1922 regresa a Madrid onde conta coa apoio do crego Basilio Álvarez e iníciase no xornalismo. “La Vanguardia” envíao a Melilla como corresponsal. Pero Bugallal consíguelle un convite para dar conferencias na Arxentina. Vai por quince días e acaba residindo 40 anos alá.
Comeza así unha vida diferente, sobre todo despois do estoupido bélico en España. Síntese ben tratado polo país e consolídase como conferenciante, chegando a realizar varias xiras por Hispanoamérica sufragadas por un fabricante de tabaco próximo ó franquismo.
En 1926 casa coa filla dun impresor con boa posición e pasa a gozar dun privilexio económico que non tiña logrado nunca.
Convencido hispanoamericanista, abandona a poesía e céntrase no xornalismo e na radio,. Afástase da colectividade galega máis próxima o sentimento republicano, entre os que estaba o seu curmán, Eduardo Blanco Amor, Castelao, Dieste e tantos outros que o critican -algúns de forma soez- por non ter escrito en galego. Na súa defensa declara: “Yo canto en castellano lo que siento en gallego. Otros proceden a la inversa, dicen en gallego lo que sienten en castellano”.
Dirixe con éxito a revista “Síntesis” e escribe teatro, que o dá a coñecer en Bos Aires. En 1963 regresa a Madrid á procura de colaboradores para a revista e para xirar as obras polos teatros da capital, pero un infarto no hotel no que se hospedaba fendeulle a vida. “Ignorante da proporción da traxedia -escriben Luis Martul, Camen Luna e María Golán-, unha viúva ficaba soa en Bos Aires cunha hipoteca e numerosas débedas. O poeta autodidacta, o traballador a soldo da literatura, morría na compaña daquelas dúas pragas das que fuxira dende os seus comezos ourensáns, a pobreza e o esquecemento”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Xavier Bóveda, os caciques e o seu poeta
"MUNDO DIVIDIDO"
Conciertos y visitas gratuitas marcan el Día de los Museos
INTELIGENCIA ARTIFICIAL
Migración hacia la nube: las pymes ya optimizan su transformación online
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 18 de mayo
Lo último
OBJETIVO LOGRADO
El Antela sumó un punto en Baltar y disputará el play off (0-0)
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
La orina chivata
Víctor González
Marty