“Orense” na República Dominicana

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Benjamín Martínez e Eduarda Esperanza Cepeda foron dous ourensáns que a mediados dos anos cincuenta decidiron cruzar o océano, pero non o fixeron para México ou Venezuela, senón para unha illa na que montaron unha humilde tenda

Fotografía familiar dos Martínez Cepeda -á esquerda- na inauguración de “Electrodomésticos Benjamín Muebles” (2010).
Fotografía familiar dos Martínez Cepeda -á esquerda- na inauguración de “Electrodomésticos Benjamín Muebles” (2010). | La Región

Andan os medios de comunicación madrileños ollando cara a República Dominicana, pois disque teñen sido incontables cara alá os voos de ida e volta que todo o mundo suxire, pero ninguén desvela. Non é moi numerosa a emigración ourensá neste anaco de illa de contrastes, segundo un estea no leste ou no oeste. Aínda así, se alguén quere mercar calquera outro produto de comercio polo miúdo con marchamo ourensán poderá facelo gracias ó “Grupo Martínez” que os fillos do matrimonio levantaron na illa.

A única referencia que logrei consultar na hemeroteca respecto dos protagonistas desta crónica, foi a relativa ó pase de fronteira que Benjamín Martínez Domínguez conseguiu en 1956, que concedía o Goberno Civil para poder viaxar ó extranxeiro e que era habitual que fosen feitos públicos pola prensa, neste caso na páxina de Ourense do xornal “El Pueblo Gallego”.

Lévame este simple dato a cavilar na posibilidade de que Benjamín viaxase xa co matrimonio consumado e logo, ó asentarse na illa, reclamar á que xa sería a súa dona, Eduarda Esperanza Cepeda, ou mesmo que viaxase solteiro, pero con firme compromiso de matrimonio que puideran cerimoniar polo rito, tamén habitual na época, de “por poderes”.

Sexa como fose, o caso é que Benjamín e Esperanza, xa na illa, pasaron os primeiros anos en Santo Domingo, pero cando o primeiro fillo, que tamén respondía ó nome do pai, andaba polos sete anos viron posibilidades de mellora na pequena cidade de La Romana, situada na costa sur da illa, a 125 quilómetros da capital, e alí montaron un comercio de venda polo miúdo que comezou a crecer, ó tempo que comezaba a crecer tamén a familia e a crecer e formarse o primoxénito.

Como consecuencia de tal evolución, en 1975 decidiron darlle un pulo, fundando con vocación de expansiva un novo negocio ó que lle chamaron “La Nueva España” e que asentou a súa actividade na práctica da venda a crédito para clientes que se achegaban á cidade dende o interior da illa e dotar de mobiliario ás súas non menos humildes vivendas.

Aínda que a vocación de Benjamín Junior era ser arquitecto, a venda a crédito estaba dando froitos e ofrecía, sobre todo, perspectivas de futuro, polo que o pai quitoulle da cabeza a idea da carreira arquitectónica e convenceuno para que estudase finanzas e así poder levar no futuro as rendas da empresa.

A dicir de Benjamín, o cambio de rumbo nos estudos acabou resultando satisfactorio, non só para o proxecto empresarial da familia, senón tamén para el, pois aínda que tivo oportunidade de participar dende a universidade na creación do departamento de auditoría da facultade, rexeitou a oferta e, en canto se licenciaba, comezou a programar a expansión dos negocios ata chegar a consolidar un grupo empresarial que hoxe cubre comercialmente tódolos sectores do comercio polo miúdo dende La Romana para o resto do país, a partir da constitución en 1991 da “Distribuidora Benjamín” e da expansión do grupo na venda de mobles a crédito.

Así foi como fundaron “Muebles del Este CxA”, “Madel Centro del Mueble”, “Dionisio Comercial”, “Muebleste” e outras fimas que teñen ido sumándose ó grupo co paso dos anos ó mesmo ritmo que tamén se foron sumando os outros catro irmáns nas diferentes ramas de xestión que esixían as diferentes empresas.

Franklin centrouse nos hipermercacos, Marisol na auditoría das empresas, Benito na dirección operativa e Raúl, na xestión do restaurante “El Ingenio”.

Ora ben, quixen deixar para o final o sector dos hipermercados porque neles foi onde os fundadores -é dicir, Benjamín e Esperanza- decidiron simbolizar as súas orixes. Símbolos que que continúan mantendo as portas abertas. Son os supermercados “Orense Plaza” e a tenda “Orense moda” que manteñen con orgullo o nome da terra nutricia por máis que a emigración galega na illa, deveza.

Unha emigración ourensá pouco numerosa a onde a cadea migratoria xurdiu da Guarda

O máximo responsable do grupo e portada do libro de Carlos Esteban Deive.
O máximo responsable do grupo e portada do libro de Carlos Esteban Deive. | La Región

Despois de tantos e tantos ourensáns que teñen protagonizado estas crónicas, non desvelamos nada novo se afirmamos que a emigración desta provincia á República Dominicana foi mínima con respecto ós grandes referentes migratorios ourensáns, coma a próxima illa de Cuba, México, os Estados Unidos, incluso Panamá e non digamos xa, Venezuela, Chile, Brasil, Uruguai ou Arxentina.

Segundo os datos que manexa a Secretaría Xeral de Emigración, na actualidade residen na República Dominicana algo máis de dous mil cincocentos galegos, dos cales non pasan do quince por cento, é dicir, uns catro centos, os nacidos en Galicia. O resto, como é o caso dos fillos e netos de Benjamín e Esperanza, son xa galegos de segunda e terceira xeración.

Isto reflíctese moi ben na evolución da colectividade galega organizada na illa e concentrada actualmante no centro galego “O noso Lar”, presidido nestes momentos polo coruñés Antonio Sánchez Espantoso, quen, acompañado doutra media ducia de naturais de Galicia ou descendentes, levaron a cabo, hai tan só dous anos, a refundación do centro, que se vira abocado a pechar no ano 2004, debido, precisamente -segundo eles mesmos describen no seu portal- “ó regreso a Galicia ou ó falecemento de moitos dos seus principais membros”.

Foi no ano 1981 cando unha quincena de emigrantes, que organizaban en datas determinadas banquetes ou romarías de convivencia sen ter ningunha entidade asociativa formalizada, decidiron fundar un grupo de gaiteiros que serviu de semente para a creación dun centro no que nomearon presidente ó ourensán de Monterrei, Jesús Suárez Conde e no que había representantes de tres das catro provincia -faltaba Lugo-, ademais do tamén ourensán Domingo Dacal Morgade.

A maioría, sen embargo, procedían das terras miñotas da Guarda, onde xurdiu no seu momento, igual que aconteceu en tantos lugares de Ourense, unha cadea migratoria que se viu representada no primeiro equipo fundacional de “O noso Lar” con catro orixinarios da vila do Tegra.

Isto estudouno curiosamente un lugués de Sarria chamado Carlos Esteban Deive, que se fixo profesor universitario na República Dominicana e deuno a coñecer nun libro titulado “Los Gallegos y otros españoles en Santo Domingo”.

Contenido patrocinado

stats