ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Nunha crónica publicada en 1923 polo xornalista Estévez Ortega en “Vida Gallega”, valorou o seu temperamento artístico coma de “un aristocrático desdén espiritual por todo, que ha aprendido a no dar importancia ni a las cosas ni a los seres y ha llegado a considerar todo tan nimio, que no le da mérito alguno, ni a su persona ni a su arte”.
Velaí onde radica o alfa e o omega deste ourensán que naceu arredor de 1895 no edificio “que daquela se chamaba de Romero, por ser propiedade do banqueiro don Pedro” -en palabras de Ben-Cho-Shey-, e fillo de Blanca Outumuro e do funcionario de Hacienda rués, Alberto Rodríguez Blanco.
Gran melómano, seu pai predestinouno a encamiñar a vida a carón deste instrumento, non en van cando José naceu o seu proxenitor mercoulle en Barcelona á viúva do músico italiano Juan Lovatini un violín que anos despois sería catalogado en París como “uno de los siete instrumentos que construyera en Brescia el famoso Giovan Paolo Maggini en 1626” e que, aínda antes de ser autentificado, chegaron a ofrecerlle por el 25 mil pesetas que o pai rexeitou.
Para facérmonos unha idea da categoría do regalo é preciso sinalar que os “Maggini” son comparables só cos “Stradivarius” e que na casa internacional de subhastas Tarisio, en 2019 un destes violíns acadou o prezo de 100.522 euros.
Loxicamente, coa presenza deste instrumento nas mans e o impulso paternal, era evidente que ó neno José non lle quedaba outro remedio ca, cando menos, probar a “coñecelo”, cousa que comezou a facer co músico da catedral e violinista ourensán José Fernández Pérez “Xesta” e posteriormente co tamén ourensán Antonio Fernández Bordas, que no futuro chegaría a ser comparado con Pablo Sarasate.
É dicir, non é de estrañar, pois, que con só sete ou oito anos ofrecese os primeiros concertos no Liceo e que en 1905 se desprazase a Madrid para iniciar estudos no Conservatorio da capital, non sen deixar de sufrir polo medio algunha crise de identidade que o levou abandonalos e o devolveu á casa.
O destino quixo, sen embargo, concederlle unha segunda oportunidade co paso do gran violinista cubano Claudio Brindis de Salas por Ourense, quen ó ser informado da existencia de José reclamou a súa presenza no teatro e ó comprobar as súas calidades interpretativas convenceuno para que volvese ó conservatorio.
Con bo criterio José seguiu os consello do famoso concertista mulato e ó remate do oitavo curso, nos primeiros días de xullo entrou pola porta grande do Conservatorio completamente anónimo e saiu adornado cunha aureola de virtuoso e un futuro como concertista aberto ós horizontes que el escollese, así como cun diploma de premio extraordinario de estudos e, sobre todo, dúas mil cincocentas pesetas como gañador do premio Pablo Sarasate de violín, que fora creado o ano anterior.
A estes éxitos sumáronselle banquetes na súa honra organizados polo Centro Gallego de Madrid, con presenza de insignes ourensáns e doutros lugares de Galicia; así coma diversos homenaxes en Ourense e na Rúa destinados a recadar fondos para regalarlle un arco que mercarían en Londres para que estivese á altura do instrumento e máis do instrumentista, así como un maletín para o violín, ós que se lle engadiría unha primeira ocupación artística como primeiro violín no Teatro Real.
E sobre todo chegoulle a voda coa tamén ourensá, Sarita Torre. É dicir, que todo apuntaba a unha carreira sen cadeas. Pero non...
Loxicamente, a carreira musical de Rodríguez Outumuro non transitou só por vereas e roseiras, senón que tamén tivo que cruzar toxeiras e congostras.
A primeira xurdiulle, aínda moi novo, en Ourense, co seu coterráneo e admirado profesor Fernández Bordas como protagonista.
En febreiro de 1911, despois dun tempo sen actuar en Ourense, Bordas encárgalle ó seu alumno a organización dun concerto no Teatro Principal: “Sea como sea, anuncia concierto aunque pierda dinero. Quiero dar a mis paisanos una prueba de cariño. El visitarles es para mi cuestión do honor. Tienes amplias facultades...”
Malia ás dificultades iniciais, Bordas conseguiu un rotundo éxito, que o obrigou a ofrecer outro ó día seguinte no Liceo.
Isto animouno a repetir ó ano seguinte, pero a receptividade xa non foi a mesma e Outumuro viuse nunha encrucillada irresoluble. Polo aluguer da sala cobráronlle o dobre có ano anterior, non quixeron compartir “taquilla”. A entrada foi moi frouxa e Bordas tivo que pagarlle ó pianista que o acompañaba. Un descalabro, en definitiva, que o levou a prometer que a Ourense non volvería.
O segundo fracaso tivo lugar en 1914 ó conseguir unha bolsa de ampliación de estudos, pero cando agardaba destino estourou a Primeira Gran Guerra e Outumuro non puido saír de España.
Previamente xa fora vítima doutro revés, cando os responsables da Deputación de Ourense lle negaron unha axuda económica.
E, cando máis tranquilo estaba na súa residencia madrileña, compaxinando os concertos no Teatro Real coa formación de alumnos, o tamén violinista, Telmo Vela, propúxolle, con outros tres concertistas, a fundación do Quinteto Hispania, co que realizaron unha longa “tournée” por Arxentina, Chile e Cuba, que durou case un ano e á que lle puxeron remate no porto de Santander nos primeiros días de 1925.
Os xornais da emigración -case todos galegos- destacaron sobre todo a presenza de Outumuro pola súa condición de ourensán. Os éxitos foron narrados con entusiasmo en Bos Aires, Santiago de Chile, a Habana e outras cidades dos tres países nas que actuaron.
Que pasou durante a xira non logrei averigualo. O que si sei e que dende o regreso, o violinista do “Maggini” desapareceu do escenario e -di Ben-cho-Shey- púxose a trabalar nun Banco.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
ARTE URBANO
As Mouras, mejor mural del mundo
Lo último
PARA RESCATE Y EVACUACIÓN
La UME despliega 250 militares y 90 vehículos especializados en Huelva, Cádiz y Granada ante el temporal