José Vázquez, o segredo da alfarería de Niñodaguia

EN CONFIANZA

Se nomeamos Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo, a nosa mente oriéntase, case de modo inconsciente, á alfarería. E é que Niñodaguia é un deses recunchos nos que aínda pervive a tradición deste oficio artesán, empregando en gran parte unha materia prima única no mundo: o barro amarelo. Trátase dunha arxila autóctona cuxa composición, lixeireza e cor fan posible a creación de pezas senlleiras. José Vázquez, un dos poucos alfareiros que continúan o legado aprendido na familia na Alfarería Agustín -unha das dúas que seguen en funcionamento na localidade-, descóbrenos máis desta artesanía e o soño da pervivencia do futuro da alfarería.

José Vázquez, o segredo da alfarería de Niñodaguia
José Vázquez, o segredo da alfarería de Niñodaguia | Marcos Atrio

Pregunta. En casa de alfareiros… vostede seguiu coa tradición.

Respuesta. Meus tíos por parte de pai aprenderán dos pais. Foron eles os que iniciaron ao meu pai, Agustín, e xa, cos anos, acabei tomando eu tamén o camiño da alfarería. Aínda que foi algo inesperado, para ser sincero. Eu nunca pensei que continuaría co legado. E iso que lembro que, como tiñamos o obradoiro na casa, era case obrigado pasar polo taller, escoitar conversas sobre o proceso de elaboración de pezas e incluso, cando xa ía tendo uso de razón, axudar a amasar e preparar o barro. Pero nunca se me dera por empregar o torno ou enfornar.

P. E iso?

R. Igual xusto porque me criei entre iso. Lembro que fun estudar Bachiller a Ourense, pero a mín o de estudar non me gustaba moito. Non é que non valese… e que non prestaba atención ningunha (risas). E se non estudas… pois traballas. E así foi como con 16 anos comecei a traballar co meu pai no taller.

P. E así se pasaron máis de 20 anos… nota a súa evolución?

R. Moito. Se miro agora algunha das miñas pezas dos inicios dígome “naiciña, como puiden facer isto!”. Pero un vai aprendendo a forza de proba e erro, con moitas horas de traballo e moito sacrificio. Eu ao inicio paseino moi mal. Máis ben pasámolo moi mal na casa, meu pai e máis eu. Que temos uns caracteres tan similares, que acabábamos topando un co outro (risas). Con todo, calquera oficio artesán é moi complicado para formarse. E tamén vai no gusto do que fas, eso é imprescindible. Se non sintes que o que fas te motiva, non das sacado nada adiante.

P. Cóntenos como é o proceso de elaboración dunha peza desde o primeiro minuto.

R. No taller traballamos moitos tipos de barro, cun especial protagonismo do noso barro, o amarelo, único no mundo e que extraemos do Monte do Barro. Despois pasámolo por unhas máquinas para quitarlle o aire antes de levalo ao torno. Unha vez seco -que se hai sol faise ao aire libre e, en caso de que o tempo non acompañe, nunha sala con ventilador-, toca a cocción e a exposición. A cocción pode ser dunha ou de dúas, máis ou menos rápido, dependendo do barro que empreguemos. Repasar… Parece fácil, pero a producción é moi complicada porque son moitas mans as que teñen que tocar cada peza co conseguinte risco de que quede no camiño.

Seguir o oficio artesán dos devanceiros
Seguir o oficio artesán dos devanceiros | Marcos Atrio

P. Antes de seguir afondando no proceso é preciso que nos diga por que o barro de Niñodaguia é único?

R. Único e a nivel mundial. Poden querer imitar o corido destas pezas da nosa zona, pero nunca o poderán conseguir. O barro amarelo que temos no Monte do Barro, en Veigachá, ten un alto contido en caolín, moito máis oscuro ao sácalo da terra. Según se seca vai adquirindo un ton máis branco que, ao darlle o esmalte e cocer, da como resultado unha olería cunha cor, lixeireza e incluso son que a diferenza de calquera outra. E ese ton amarelo que adquire é o noso sinal de identidade.

P. Como o recollen?

R. De xeito manual. Cando chegas a barreira hai varias capas. A primeira capa é a vexetal. A continuación ven un barro areoso que é o que empregamos para tarteiras ou pucheiros e calquera elemento que se vaía empregar para poñer ao lume, e tamén co que se facían os ladrillos. Finalmente, está o noso único barro amarelo. Cando o recolles tes que evitar en todo momento a mistura entre esas capas.

P. De todo o proceso, cal é o momento máis delicado?

R. O da cocción. Sen dúbida. Nese momento pode abrir a peza, romper asas, deformarse…

P. O bonito é que na artesanía nunca hai ningunha peza igual.

R. É algo que ten que ter moi claro o cliente. Nunca poderemos facer unha peza igual á que quere, ou que nunha ducia de tazas saian todas iguais. Incluso pode que algunha teña unha marquiña, ou que no proceso de cocción torza. Pero eso tamén é o bonito da artesanía. Deixar que o material e o proceso siga o seu transcurso. Como se tivese vida propia.

P. Que pezas saen da súa alfarería?

R. De todo. O que demande o cliente. Eso si, sen perder a esencia do tradicional. A maioría do que facemos son encargos para grandes eventos, como festas gastronómicas, e para algún restaurante que nos pide vaixelas únicas. Pero incluso traballei con Adolfo Domínguez con que, tras a pandemia, sacamos unha colección de bisutería. E despois temos venta ao detalle en tenda.

Pasos antes da elaboración dunha peza. Amasado do barro, torneado e enfornado.
Pasos antes da elaboración dunha peza. Amasado do barro, torneado e enfornado. | Marcos Atrio

P. Sempre se aprende algo novo?

R. Sempre. Nunca acabas de aprender. Aprendes en feiras, doutros artesáns, incluso vendo unha película podes tirar algunha idea que sirva de base para unha nova producción.

P. Ten habido algún encargo especialmente senlleiro?

R. Encargos raros temos tido moitos (risas). Aínda que agora non me ven ningún en concreto. Houbo desde xarróns que tiven que deixar a choiva para un evento ata algunha innovación extraña.

P. Persoalmente, cal é a súa maior satisfacción ao acabar unha peza?

R. Que saia adiante. Así de sinxelo. Ti sabes o que é que abras o forno e que teñas as pezas reventadas? E telas que entregar ao día seguinte. Non o quero nin recordar! Que me da un infarto.

P. Que di seu pai ao ver que segue coa tradición?

R. Para el é unha bendición. El xa non contaba con ninguén aquí xa que meu irmao, Javier, fixo outro oficio. Eu tamén serei dos últimos. Tristemente.

P. Non hai relevo?

R. Non. Nin o vai haber. E mira que chegou a haber sete obradoiros no seu momento. Ogallá os meus fillos optasen por vivir da alfarería. É un traballo que, se nos deixan e non nos esmagan con impostos e esixencias, pódese vivir ben. Pero se non facilitan as cousas, despois non vale de nada laiarse e decir “que tristura, perdeuse o último alfareiro de Niñodaguia”.

P. Con todo, a través de diferentes iniciativas buscan darlle visibilidade.

R. Si, e iso que Niñodaguia e Xunqueira de Espadanedo está a nivel, se me apuras, mundial, pola súa alfarería -eu teño clientes de todo o mundo-. Temos o Museo Taller de Alfarería de Niñodaguia que montou meu pai no que se leva a cabo unha labor divulgativa e incluso fan cursos de torno, escultura, pintura…

R. E as festas que facemos ao longo do ano mediante a Asociación de Amigos do Barro, que tamén impulsou meu pai -e que está metido en todo (risas)-. Temos a Fornada- Fiadeiro en Semana Santa na que reactivamos os Fornos árabes comunais que están ao aire libre para recrear unha fornada tradicional. Unha fornada na que ten especial protagonismo as “apañadeiras” que eran as mulleres que se encargaban de recoller as pezas cocidas para levar para a casa. Ao acabar facemos unha comida de callos e fiadeiro, que era a festa que se facía antes ao redor do forno.

R. A outra festa que facemos, en agosto, é o Encontro de Cacharreiros na que se suman outros artesáns.

P. Agora está de moda eso de ir a clase de cerámica. Para “desconectar”. Como o ve?

R. Si, a verdade é que está vivindo certo auxe e a xente interesase por aprender a traballar o barro e no torno para despexar a mente. Está moi ben para os demais, pero eu, que estou no obradoiro todo o día, prefiro coller a bicicleta e facer quilómetros.

P. Que peza nos aconsella mercar do seu obradoiro?

R. Aquí dentro, en Alfarería Agustín, calquera peza sería óptima! (risas). Pero se teño que aconsellar, sempre digo que algo ao que lle dea utilidade.

Contenido patrocinado

stats