Sabela Mendoza, á escena na MIT de Ribadavia

EN CONFIANZA

A especial conexión coa MIT de Ribadavia

Sabela Mendoza
Sabela Mendoza | Rubén Vilanova

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT, cumpre este ano -do 18 ao 26 de xullo- o seu 41 aniversario. E faino baixo unha nova dirección, a de Sabela Mendoza, co apoio de Gena Baamonde na dirección adxunta. Dúas mulleres cunha ampla traxectoria e experiencia que buscarán manter todo os éxitos acadados ata o día de hoxe pola Mostra, e que a fan referente das artes escénicas a nivel estatal. Nos seus plans, seguir afondando e ampliando novas propostas na busca de intercambio con outros festivais e a programación de máis actividades paralelas. E sobre todo, manter ese sentido comunitario tan especial que as xentes da vila teñen coa MIT.

Pregunta. Dende hai uns meses é vostede a directora da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Tras de si, unha longa traxectoria como xestora cultural. Cóntenos como comezou neste eido.

Respuesta. Desde cativa sempre estiven moi vinculada ás actividades culturais. Estudei música, facía clases de danza, escribía e lía moitísimo… pero estudar, estudei algo completamente diferentes. Licencieime en Dereito. Pero ao rematar a carreira non tiña eu nada claro iso de continuar pola vía xurídica, así que decidín dar un cambio radical seguindo as miñas paixóns. Decidín estudar un Máster en Xestión Cultural, e enlazar os meus intereses á vida profesional.

P. E xa foi un non parar.

R. A verdade é que non podo queixarme. Desde ese momento, alá polo 2008, non deixei de traballar na xestión cultural, dinamización de eventos e actividades culturais. Por citar algúns, fun coordinadora xeral do Centenario da Residencia de Estudiantes en Madrid e directora do Festival Internacional Ilustratour sobre literatura e ilustración; traballei como comisaria, asesora ou produtora para diversas entidades e proxectos culturais; son fundadora e directora da plataforma artística e editorial De Corpos Presentes; fun codirectora do proxecto de mediación Escena Plural; colaboro de forma regular co coreógrafo Javier Martín e con A Casa Vella, centro de creación no rural… e este ano 2025 son tamén cocuradora de “Por Asalto”, o ciclo de artes vivas do TEA en Tenerife. Iso sí, adicarse á cultura require un esforzo constante, porque vivimos nun contexto moi precario.

P. Tamén é creadora…

R. Sí, no ano 2015 pasei por un Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual que me axudou moito nesta faceta. Como creadora presentei as pezas performativas “O público está aquí” (2016, publicado tamén como libro pola editorial Estraperlo en 2019), “Dedicatoria” (2020, en colaboración con Nieves Neira) e “Dobrez” (2022).

P. Finalmente son as artes escénicas o eido no que fixo especial fincapé.

R. Dende sempre, aínda que tocando diferentes ámbitos culturais, tiven o meu foco de interese posto nas artes escénicas, e co tempo funme especializando tamén a nivel profesional. Por exemplo, nunca abandonei a formación práctica e teórica en danza e en artes performativas. E no 2015 pasei. É neste camiño que chego a propia dirección da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. De todos modos, se a algo teño adicado a miña atención e interés por riba do resto, é a ser público, a ver pezas e a pensar, falar ou escribir sobre elas. Creo que iso é, sobre todo, o que ten alimentado a miña mirada.

P. Antes de chegar á dirección da MIT, como a vía desde fóra?

R. O primeiro, e o máis evidente, a lonxevidade da Mostra. Este ano vaise celebrar a súa 41 edición, algo que non é nada frecuente. Por desgracia, ata se pode decir que é excepcional. Que un evento cultural perdure tanto é algo moi bonito que fai que toda a localidade, e as súas xentes, leven moito tempo gozando do teatro e incorporándoo a súa axenda. E iso, dalgún modo, configura as vidas.

R. Para mín, o escenario non só é un lugar de goce escénico ou de entretemento, senón tamén un espazo de pensamento que dalgún modo nos axuda a pensarnos, nos convida a reflexionar sobre quen somos e quen queremos ser. Tanto a nivel individual como colectivo. Que a MIT conte con 40 edicións ás súas costas deixa o seu pouso. E, ao final forma parte da historia e identidade dun lugar, Ribadavia, pero que neste caso vai máis alá sendo un referente a nivel galego.

R. Por outro lado, sempre me chamou moito a atención o sentido comunitario que ten a Mostra, que se descolga tamén da historia que ten ao longo dos anos. Ti vas a Ribadavia e todos están involucrados e comprometidos no seu desenrolo e síntena como propia. Eso a día de hoxe é totalmente revolucionario. Que exista cultura e que sexa sentida como un elemento de identidade colectiva é marabilloso.

R. E non me podo esquecer do escaparate que sempre foi, tanto para a creación galega como para pezas que moitas veces é complicado ver aquí. É un lugar de encontro e intercambio tamén moi importante no ecosistema escénico e cultura.

P. Como chega a ser directora da Mostra?

R. Por primeira vez, este ano convocouse un concurso público e candidateime cunha proposta coas liñas que imaxinaba para a dirección da Mostra. E algo novidoso, e do que estou especialmente contenta, é que presentei a proposta de ir en equipo cunha compañeira como directora adxunta, Gena Baamonde. Ela é creadora, directora, investigadora e intérprete cunha ampla traxectoria artística no eido da práctica escénica e da creación contemporánea. Parecíanos interesante introducir neste combo a dúas mulleres que puidesen dialogar para a toma de decisións, planificar tamén dende o contraste, sumando para elo a nosa bagaxe persoal que acaba enriquecendo o que se poida decidir para a programación. Por certo, é a primeira vez que estamos dúas mulleres na dirección.

P. Estamos na conta atrás. Mañá xa coñeceremos o cartel e parte da programación.

R. Si. Unha novidade que che podo adiantar con respecto ao cartel é que este ano fixemos un encargo especial a unha deseñadora, Montse Piñeiro, para que desenvolvese a imaxe deste ano. E a proposta encántanos!

P. Non nos podería contar algo máis…

R. Só un datiño máis… é unha imaxe moi fresca, penso que vai sorprender porque é bastante diferente á dos anos pasados, que era máis ben fotográfica, ou que partía do collage ou de fórmulas mixtas. Este ano tiramos da ilustración e o deseño galego cunha proposta se cadra máis de imaxe poética.

P. O que si nos pode decir é as datas. Para ir tomando nota.

R. A Mostra deste ano será dende o 18 ao 26 de xullo, cunha xornada Pre-MIT na que actúa a compañía local de teatro amador Teatro do Vilar, este ano baixo a dirección de Mikel Aristegui, unha antesala estupenda. Tan só quedan uns pouquiños flecos para pechar.

“Da MIT sempre me chamou a atención a fonda conexión que ten a mostra con toda a veciñanza”

P. Seguirá a liña habitual?

R. En parte sí. Esta é unha edición de transición, na que mantemos a estrutura habitual de días e de espazos da MIT, por exemplo. Tamén continuamos a súa liña xa habitual de apostar pola presenza de todas as disciplinas escénicas, e de acompañar a exhibición de espectáculos doutras actividades paralelas (conversas, encontros) e de residencias e espazos para o apoio á creación, ademais dos premios habituais. É importante para nós manter cousas que se viñan facendo e estaban moi ben feitas. Máis alá de todo isto, nós queremos seguir apostando por diluir etiquetas, por dar presenza a propostas, formas e corpos diversos, e tamén por poñer atención nos procesos comunitarios… Xa mañá coñeceredes detalles. Non toda a programación, pero adiantaremos bastante ata que, a finais de mes, xa desvelemos todo.

P. Este ano, ademais, ten lugar unha efeméride moi especial. O 20 aniversario do Premio Abrente.

R. E por elo imos preparar un evento moi especial para celebralo. Ata aí podo ler (risas).

P. Que bota en falta para un maior achegamento das propostas artísticas e o público?

R. Como xestora cultural, que tende pontes entre as propostas artísticas e o público, penso que debe haber unha firme aposta política no senso de poñer a cultura no centro dos intereses da vida pública de calquera lugar e, dende aí, dotala, coherentemente, de máis recursos, atención e orzamento.

R. Batallamos moito por facer que a cultura forme parte do día a día das persoas e que forme parte del de xeito natural, non excepcional.

R. Por outra banda é preciso colocar a persoas con coñecemento específico nos lugares de xestión e decisión. Ter persoal cualificado que desenvolva os temas culturais, que moitas veces parece que todo vale. E non é así. Facer un festival ou programar actividades vai máis alá de encher unha grella a partir de catálogos. Ten que haber un criterio detrás, un estudo de a quen vai dirixido, que buscas, coñecer as pezas, estudar historia anterior e presente, coñecer as tendencias…

P. A modo de remate, como se sinte ante a conta atrás para a 41 MIT?

R. Nerviosa e ilusionada a partes iguais. Este ano está sendo un reto pois estamos organizando a Mostra nun tempo récord (entramos na dirección a finais de marzo!), pero afortunadamente estou acompañada dun equipo estupendo que xa estaba no festival e que coñece moi ben as súas dinámicas. Teño que dar gracias que xa hai moito traballo ben feito de anos anteriores que manteremos e seguiremos insistindo en que a Mostra acolla todas as disciplinas, tamén aquelas que non teñen etiquetas no senso de pezas que se dilúen entre danza, teatro, circo, performance… penso que esta 41ª MIT vai ser un bo primer paso nas liñas e estratexias que queremos por en marcha, pero queda traballo por facer nos vindeiros anos (esperamos que con máis calma!).

R. Gustaríanos en próximas edicións establecer máis conversas entre artes escénicas e outras disciplinas artísiticas como poesía, cinema… facer algún encargo específico -que este ano non tivemos tempo-, facer algún encargo galego, favorecer espazos de residencias e estancias artísticas.

R. De cara o futuro próximo tamén nos gustaría seguir medrando no lugar que ocupa a Mostra como lugar de visibilidade da escena galega. Chamar a atención de máis programadores nacionais e internacionais para que veñan ver o que se fai aquí. Realmente a creación escénica galega leva tempo nun momento glorioso de calidade, diversidade, innovación, creatividade de facer con pouco… que vale a pena que sexa descuberto. Creemos que os festivais tamén deben servir de pontes para coñecer toda esa riqueza, así que pretendemos intercambios con outros festivais e liñas que permitan un “feedback”. O que temos claro é que para nós o crecemento non ten que ver co cuantivativo, senón co cualitativo. Un festival ten que xerar experiencias significativas, esa é a base para nós.

R. E algo que de seguro seguiremos facendo é afondar nesa comunicación tan especial que ten a MIT coa vila, a comunidade artística e o público.

Coa venia

P. 1. Un libro.

R. “Pómulo y lejanía”, de Stefanía Caro, e “Para non concretarme”, de Tamara Andrés.

P. 2. Un escritor/a.

R. A portuguesa Maria Gabriela Llansol.

P. 3. Unha peza de teatro.

R. Moitísimas! Por nomear unha da que ademais aprendín moito, “Tierras del Sud”, de Azcona & Toloza. Na danza, recentemente quedei fascinada con “Mellowing”, de Christos Papadopoulos.

P. 4. Unha serie.

R. Prefiro os filmes.

P. 5. Unha película.

R. “Anatomía de una caída”, de Justine Triet.

P. 6. Na súa casa soa…

R. Últimamente moitos podcasts, pero cada día escoito tamén músicas diferentes, con preferencia polas voces femeninas.

P. 7. Un recordo da súa nenez.

R. As vacacións de verán de tres meses.

P. 8. De cativa quería ser...

R. Cada día unha cousa.

P. 9. Unha afección.

R. A escritura.

P. 10. Cando se mira ao espello, ve...

R. Un corpo que cambia.

P. 11. Unha manía.

R. O café en vaso.

P. 12. Un defecto.

R. O perfeccionismo.

P. 13. Unha virtude.

R. A capacidade de atender a moitas cousas á vez.

P. 14. Unha viaxe pendente.

R. A Xapón

P. 15. Un lugar para perderse.

R. Un paseo sen rumbo, mesmo se é ao lado da casa.

P. 16. Perde a calma con...

R. A burocracia.

P. 17. Recobra a calma con...

R. Un baño no mar.

P. 18. Un soño.

R. Festexar o fin do patriarcado.

Contenido patrocinado

stats