Opinión

A derradeira lección do mestre

A próxima vinda a Galicia desde Buenos Aires do cadro pintado por Castelao “A derradeira lección do mestre”, como préstamo do Centro Galicia daquela cidade, esperta a lóxica expectación. Incluso é cualificado dunha forma simple como “o Guernica galego”. Empecemos por aí. O Guernica foi pintado por un xenio aproveitado da desfeita da II República, pois cobrou a unha administración arruinada pola guerra un millón de dólares do momento. O outro foi pintado por un xenio comprometido co sufrimento a quen lle doían os males do mundo empezando polos da súa Terra, e que colaborou desinteresadamente coa República.

Pero fagamos un pouco de historia do cadro. Todos sabemos que a II República tivo poucos amigos. A dereita máis dura estaba fascinada por Italia e Alemaña, a esquerda por Rusia, os anarquistas polo seu embigo; moitos erguéronse contra ela: Sanjurjo, 1932; Casasviejas, 1933; Asturias, 1934; proclamación do Estat Catalá, 1934... Naquel momento entre os poucos valedores das ideas republicanas digamos “máis puras” estaban os mestres. A inmensa maioría eran progresistas comprometidos coa historia e coa liberdade. De aí que cando comezou o conflito, os fascistas se asañasen con eles. En Ourense, o nome da agrupación de profesores era, de seu, militante: Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense, en sigla, ATEO. 

E Castelao, horrorizado por unha guerra que o pillou en Madrid, fixo o que sabía facer mellor para axudar a causa: transformar o sufrimento do pobo en imaxes para mover corazóns. Así, publicou tres álbumes: “Galicia Mártir”, “Atila na Galicia” e “Milicianos”. Os dous primeiros, datados en Valencia, 1937, e o terceiro en Nova York ao ano seguinte. Os dous primeiros teñen unha liña estética moi semellante ao álbum “Nós”, publicado en 1931, aínda que concibido e exposto xa en 1918 -centenerio-, e o terceiro, técnicamente aproxímase aos seus “Debuxos de negros” ou ás pinturas negras de Goya. Os tres álbumes de guerra, na liña tamén de “Los desastres de la guerra” de Goya, foron ideados como propaganda antifascista para difundir internacionalmente. Os tres levan os pés en galego, castelán, inglés e francés, e de tres imaxes do “Galicia Mártir” fixéronse selos de correos para recadaren fondos para a República. O de dez céntimos leva dos vellos ao pé do cabaceiro co lema “Supervivientes”; o de 70, unha paisana axeonllada diante dun cruceiro dicindo “Queman y roban en tu nombre”; e o máis caro, o de 90 céntimos, representa un home derrubado no chan, asasinado, un neno pequeno axeonllado ao lado e outro algo maior de pé, co lema: “La última lección del maestro”. 

Desta imaxe icónica do sufrimento, fixo Castelao, seica, en 1945 unha reprodución en grandes dimensións, un óleo de máis valor simbólico que pictórico, que doou ao Centro Ourensán de Buenos Aires. Cando a fusión, pasou ao Centro Galicia, colocárono un lugar destacado da entrada no edificio que fora do Lucense na avenida Belgrano. Alí un atolado extremista desconforme coa colocación cravoulle unha navalla e fíxolle un burato. Parárono a tempo. Contábamo, con bágoas nos ollos, Fernando Iglesias “Tacholas” no inverno austral de 1987. Que veña o cadro a Galicia é unha boa nova. Que veña e volva alá, mellor. Significa que alén mar segue viva a idea e o sentimento da Terra. 

Te puede interesar