Entrevista

Alba Guzmán: “Gústame a ciencia, pódese ser escritora e enxeñeira”

Alba Guzmán.
photo_camera Alba Guzmán.
A ourensá Alba Guzmán é a gañadora do Premio Xuventude Crea de novela curta

A ourensá Alba Guzmán Falcón gañou recentemente o premio Xuventude Crea pola sua novela “Xoaniña de Deus”, que coma parte do premio que concede a Xunta será publicada pola editorial Xerais. Con só 18 anos,  compaxina as súas dúas paixóns: literatura e ciencia, disciplina que estuda na UVigo a través da carreira de enxeñaría mecánica. Por diante ten moitas posibilidades, pero o que ten claro é que non se quere afastar de ningunha das súas facetas.

Cando comeza a paixón que tes pola literatura? 

Supoño que o de escribir ven de tres cousas: que sempre lin moito, e a xente que le sempre ten curiosidade por escribir; que o meu pai sempre impulsou esto en min, él tamén escribe; e que eu facía moitas actividades relacionadas coa cultura máis humanística, coma teatro ou música, entón acábaste lanzando ó baleiro e escribes. 

Que che gusta máis, a enxeñería ou a escritura?

Xa levo un par de anos adicándome a escribir e a ser un pouco activista cultural defendendo a literatura galega, pero realmente eu quero seguir adicándome á ciencia. Considérome unha persoa multidisciplinar, no colexio sempre che meten na cabeza que es de ciencias ou de letras, pero non, pódenche gustar as dúas cousas e non pasa nada, pódese ser escritora e enxeñeira.

Como te enteraches do teu premio no Xuventude Crea?

Levo participando no concurso tres anos, desde que podo participar pola miña idade, antes a miña categoría era microrrelato, cando vin que cambiaron a novela curta lanceime e mandei a novela “Xoaniña de Deus”. Eu estaba en Vigo cando me chamaron desde  a Xunta. Estaba coas miñas compañeiras de piso e comecei a berrar pola casa, elas pensaron que pasaba algo, incluso unha xa estaba por coller un extintor.

Que pretendes contar con esta novela?

“Xoaniña de Deus” é a protagonista da novela, é unha muller que padece alzhéimer, e a obra supón unha especie de berro polas persoas que están a perder a memoria. Desenvólvese en capítulos curtos, que contan a historia que está a suceder no presente, e capítulos longos que son os diarios que Xoañiña vai escribindo para poder lembrar cousas e poder volver a lelas coma se fora a súa vida, e vainos descubrindo moitos persoaxes, sentimentos de toda a súa vida, e as súas derrotas e vitorias.

Con que estilo literario te sintes máis cómoda?

O que de verdade me gusta é a narrativa, aínda que tamén escribo poesía, pero dun xeito máis íntimo. Seguirei por esa liña, aínda que non creo que deixe de escribir microrrelatos porque me gustan e parécenme moi impactantes, sobre todo cando xa tes a práctica e sabes como enganchar ó lector e como darlle un desenlace que non espera, farei unha coleción do meu microrrelato.

O ano que ven publicarase ‘Xoaniña de Deus’, vaiche cambiar a vida?

Non sei se me vai cambiar a vida, o que me vai cambiar é o estado de Instagram porque vou poñer ‘escritora’, faime moitísima ilusión e é algo que quero seguir facendo segundo pasen os anos, o mellor de escribir é coñecer xente coma min, á que tamén lle guste escribir, ver e sentir, pero realmente non sei que pasará no futuro.

Cales son os teus referentes literarios?

É moi difícil, o que máis me gusta é a narrativa de misterio a a policial, que envolve crime e detectives, coma por exemplo os libros de Agatha Christie, aínda que a miña novela non ten moito diso. Tamén me gusta moito Edgar Allan Poe, e das máis contemporáneas galegas quedo con Lucía Aldao ou Arancha Nogueira. Gústame ser eu mesma e ó mesmo tempo coller os fundamentos de todos os escritores que vou lendo e que van pasando pola miña vida.

Cales son os teus próximos proxectos?

Teño outra novela longa que está ilustrada por un compañeiro meu e coa que queremos facer varios proxectos, chámase ‘A vinganza de Paquiña Jackson’.

Cales foron os teus pimeiros pasos na escritura?

Eu xa tiña escritos meus por aí que nunca foron a ningún lado, pero despois tiven unha profesora de galego que nos mandou escribir un relato para clase e o meu mandouno tamén para que participase no Premio Literario Minerva, e gañou un terceiro premio. Despois funme presentando a diferentes certames, gañei o primeiro premio do Minerva dúas veces, e este ano levei un premio da Real Academia Galega. Metinme un pouco no mundo dos certames, de presentarme e tentar gañar.

Te puede interesar