¡Afouteza, Amencer!

Publicado: 08 ago 2026 - 05:10
La Región

Amigos e amigas:

En Amencer a cordial acollida é a súa bandeira de saída. Durante todo o ano ondea esta bandeira preto a Ponte Romana. Este verán ondeou máis alta e máis lozana nas Mañás de Verán e no Campamento Urbano. Cando vos escribo esta carta, as 09:30 horas do 6 de agosto, parten do colexio salesiano 12 autocares con destino a praia de Samil, con nenos, adolescentes e mozos do Campamento Urbano.

Dende o 22 de xuño ata o 24 de xullo, a Asociación Xuvenil tivo en marcha a décima primeira edición do proxecto educativo de tempo libre ”Mañás de verán”, para rapaces de 3 a 14 anos. Con este proxecto, nas instalacións do colexio salesiano, conciliaron a vida familiar coa laboral, educaron en valores a través do xogo, favoreceron a creatividade e propiciaron a participación e o traballo en equipo. No programa interviñeron nenos e nenas de 46 colexios distintos da cidade, tanto públicos como concertados. 61 mozos e mozas animaron a 494 rapaces. Na avaliación que se fixo ó longo das cinco semanas, para a maioría das familias as actividades foron moi positivas. En Amencer fixeron medrar e rir a rapaces e mozos: a Saltimbanquis, Andainas, Ads, Ados e Catecumenado.

Amigos e amigas, Amencer sin rapazada sentiríase abandonada

Do día 3 ate o 13, coa colaboración da Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, o diario La Región e outras entidades e empresas, o Campamento Urbano de Amencer instrúe, educa e forma; dá alegría, serenidade e sabedoría a 700 nenos e adolescentes, e a 80 mozos e mozas, monitores e animadores. Piscina, ludoteca, videoxogos, futbolín, tenis de mesa, visitas culturais, talleres, animación musical…, son algunhas actividades que practican. Cada xornada ten o seu propio tema: Día da Benvida, Día da Cultura Urbana, Día dos Deportes, Día da Praia, Día do Entroido, Día da Provincia, Día da Boa Xente, Día da Auga e Día da Despedida. Arrancou, entre botes de fume rosa, cantando todos: “Campamento Urbán, refresco no verán”.

Amigos e amigas, Amencer sin rapazada sentiríase abandonada. Con xente moza, é con quen máis goza. E nos clamamos: ¡Afouteza, Amencer! Comerás flores porque o telescopio ennoblécese mirando estrelas; porque un xesto cambia a xornada, un susurro na orella serena a tormenta, un aroma a xazmín perfuma a alma e un abrazo convoca a festa. Marián Mouriño diría: Non hai ourensán que non queira ó Santo Cristo, nin ourensán que non queira a Amencer.

Adolfo Requejo Rodríguez

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats