Escola do rural e infancia

Publicado: 21 dic 2025 - 04:11

Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Nos últimos tempos fálase moito de saúde mental, de cifras alarmantes na adolescencia e persoas adultas, de listas de espera e de falta de recursos. Pero, poucas veces se pon o foco onde realmente comeza todo: na infancia.

O sucedido coas obras do CEIP Padre Crespo, unha escola do rural, en Xunqueira de Ambía non é un feito illado, senón o reflexo dunha realidade máis ampla: as decisións que afectan directamente aos nenos e nenas seguen tomándose sen valorar abondo o seu impacto emocional, educativo e psicolóxico. A esta situación súmase a escasa resposta da administración, que ante un problema que altera o día a día das crianzas ofrece silencio, respostas tardías ou solucións insuficientes.

Resulta especialmente preocupante comprobar como, nestes casos, os protocolos existentes tan presentes nos documentos oficiais se converten en papel mollado cando chega o momento de aplicalos. Hai normas e procedementos, pero falta acción, seguimento e unha verdadeira vontade de poñer no centro o benestar da infancia.

A isto engádese o feito de ir comunicando prazos diferentes, cambiar reiteradamente as datas de entrega e non ofrecer, seis meses despois, unha data clara de finalización das obras. Esta falta de planificación e de compromiso co tempo non é un detalle menor: xera incerteza, desgaste emocional e unha sensación de abandono.

A escola non é só un edificio. É un espazo de seguridade, de rutinas, de vínculos e de aprendizaxe emocional. Alterar ese espazo durante meses, sen información clara nin solucións estables, e sen unha intervención áxil e responsable por parte da administración, é minimizar a importancia do que alí acontece cada día. E o que acontece na infancia deixa pegada.

No rural, ademais, a escola adoita ser moito máis ca un centro educativo: é un lugar de encontro, de cohesión social e de identidade comunitaria. Cando estas escolas non reciben unha atención proporcional nin unha resposta eficaz, transmítese a mensaxe de que hai infancias de primeira e de segunda, dependendo do lugar onde medren.

Resulta curioso que, mentres se multiplican os discursos sobre prevención en saúde mental, se sigan normalizando situacións que xeran estrés, incerteza, medos e desprotección nas crianzas. A saúde mental do futuro constrúese agora, nos patios, nas aulas e tamén na capacidade das institucións para escoitar, responder e actuar máis alá do papel.

Investir na infancia non é un luxo nin unha concesión: é unha obriga ética e social. Garantir contornos educativos dignos, seguros e respectuosos, tamén nas escolas do rural, debería ser unha prioridade real e efectiva, non só declarativa.

Quizais sexa momento de preguntarnos que lugar ocupa realmente a infancia e o rural nas decisións públicas. Porque o que non se coida hoxe, págase mañá.

Cristina Rolán Rolán (Xunqueira de Ambía)

Contenido patrocinado

stats