Gerardo Seoane, alcalde de Verín: "En 9 anos investimos diñeiro propio por valor de 20 millóns"

ENTREVISTA

No primeiro ano do seu terceiro mandato consecutivo, e tras nove anos como alcalde, Seoane ten ganas de falar. “Ás veces parece que, se non saes nos medios, significa que non fas nada”

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane (foto: Martiño Pinal).
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane (foto: Martiño Pinal).

Desta vez o alcalde verinés responde a cuestións de actualidade e explica o “plan de cidade” para o que queda de mandato.

PERFIL

Nome: Gerardo Seoane Fidalgo.

Lugar e data de nacemento: Verín, 17 de xaneiro de 1959.

Ocupación: Arquitecto de formación, é alcalde de Verín polo PSdeG-PSOE dende o 2015, sempre nunha coalición co BNG.

AS FRASES

“Verín pasou de ter dous ou tres eventos a ter entre 50 e 60 ao ano, moitos deles distintos”

“Convertir Verín nunha cidade balneario non vai a ser a panacea, pero haino que facer ben feito”

“Proximamente abrirán varias gasolineiras na vila, facendo os prezos máis competitivos”

Que valoración fai da XVII Feira do Viño Monterrei?

Foi a décima edición dende que ostentamos a alcaldía, e comezou a medrar dende que a cambiamos de ubicación. Este ano foi o de máis afluencia de público, un éxito incuestionable para o produto e para a organización do Concello e da Denominación de Orixe (D.O.) Monterrei. O obxectivo é manter este nivel, que a levou a converterse no segundo evento en importancia para Verín tralo entroido.

O uso do Casco Vello sempre xera queixas, cal é plan para ordenalo e rehabilitalo?

Cando chegamos non había este problema, só había o entroido, dous, tres eventos, e agora hai 30. Comprendo que os veciños estean cabreados. O que imos facer é racionalizar o seu uso. Xeramos un novo espazo na Preguiza onde irán tódolos eventos musicais e masivos, coa excepción do Lázaro e do entroido. Os máis pequenos e de tarde irán ao seu sitio, á praza García Barbón. Pero todo o que xere moito público e ruído desaparecerá desa zona. Coa execución do plan especial da Preguiza crearemos novos espazos do outro lado do río, ao carón do Casco Vello e cun novo acceso norte a este, facilitando o tráfico e o aparcamento. O Casco Vello non está abandonado, pero hai moitas casas en ruínas, polo que rehabilitaremos as fachadas, que son un ben público.

O PPdG pediu ao Consello de Contas que auditara as contas por non presentar a tempo as de 2022, e o PP verinés fala de mala xestión económica polos retrasos no pago a proveedores, que cifran en 1.500 días, por non ter interventor ou polas operacións e modificación de crédito.

A nosa situación é saneada, os ingresos son maiores que os gastos. Non está en dúbida nin a estabilidad nin a solvencia: o persoal, os bancos, a seguridade social cobran ao día. Hai máis de dous millóns de euros na caixa. Un Concello con case 11 millóns de recursos propios e que ten nove de gastos, non ten ningún tipo de problema. Hai un nivel de activade que a xente descoñece. Pero precisamos os cartos, porque nós gastámolos. En nove anos fixemos investimentos con diñeiro propio por valor de 20 millóns. E coa mesma ou menor débeda que tiñamos ao chegar. O periodo medio de pago a proveedores anda arredor do ano, ou menos. Se houbera unha mala xestión económica, o balance non se multiplicaría e ninguén cobraría.

La Región publicou que non contan cos axentes da Policía Local que recomenda a Fegamp. Para resolver a situación dos traballadores públicos apostan por unha OPE, pero hai veciños que denuncian vandalismo, graffiti, ruído, mexos na vía pública.

É certo que precisaríamos ter un cadro con 12 axentes, para facer os turnos como é debido. Estamos a negociar a OPE (Oferta de Emprego Público), e en breves teremos a mesa final. Pero o noso obxectivo é chegar a ese número. Grazas a esta OPE tamén engadiremos máis persoal noutros servizos: cultura, persoal e funcionarios para a parte económica. Sobre certo vandalismo, cómpre non dramatizar. Nin é unha práctica habitual, nin é a imaxe do noso pobo. Pero sempre hai maleducados. O que non podemos ter é un garda en cada esquina. A instalación de cámaras de seguridade e a limpeza de fachadas, xa adxudicadas e inminentes, farán moito por solventar eses problemas.

Que significará a entrada en vigor definitiva do novo PXOM?

O fundamental é un cinturón para quitar o tráfico do centro, unha circunvalación rodeada de zonas verdes. Non será ningunha autopista, senón unha sucesión ordenada de rúas. O obxectivo do plan é a creación dunha cidade balneario, pausada, con árbores, onde os coches pasen a un segundo plano. E non é nada a futuro: os balnearios xa están na fase final, fixemos os plans especiais, conseguimos o diñeiro. Rehabilitamos Fontenova, rehabilitamos Sousas coa Eurocidade e, para o ano que vén, Caldeliñas, que ademais contará cunha residencia ao seu carón. Deixaremos de ver ruínas para ver balnearios e xardíns novos. Tamén se incorporan tódalas zonas verdes do río: A Preguiza, Fontenova, a Fonte do Sapo, ademais de Caldeliñas. Falando de mobilidade, entrarase directamente dende a rotonda de Queizás ao balneario de Cabreiroá. E prevese un novo parque empresarial, na marxe esquerda da estrada de Queizás, antes da autovía, con máis de 200.000 metros cuadrados. No Peprich (Plan Especial de Protección e Recuperación Integral do Casco Histórico) tamén está previsto un espazo céntrico e verde no entorno da igrexa, sen vivenda nova. Con 2.500 vivendas baleiras, sería hipotecar o futuro.

Hai pouco trascendeu unha denuncia da Fiscalía de Ourense contra vostede por desobediencia, pola que pide unha condena de once meses de prisión.

O pleno acordou a anulación do contrato dos radares o pasado 4 de decembro, tal e como decidira un xuíz. O único asunto é por que non se enterou a Fiscalía ou o xuíz. Eu non incumprín nada. Penso que é máis un erro administrativo que un incumprimento.

Cales son os seus plans para o sector hostaleiro e hoteleiro?

Queremos facer unha escola de cociña con Chaves, na Eurocidade. Tódolos nosos profesionais poderán impartir cursos alí, e formar a novos profesionais para as necesidades futuras da vila, ao servizo dos nosos hostaleiros. Ademais temos poucas prazas hoteleiras. A única oferta nosa é o hotel balneario de Caldeliñas. Na Praza Maior gustaríanos que houbera algún hotel máis, aproveitando algún edificio. Pero entendemos que xurdirán eles sós cando os balnearios estean feitos e se poidan visitar. Os eventos masivos, fóra xa do Casco Vello, tamén xerarán esa necesidade.

O bipartito verinés PSOE-BNG cumpre 10 anos o ano que vén. Que queda por abordar?

Xa temos ordenada o resto da lexislatura: as obras, os actos culturais, as festas e os aspectos económicos. Agora temos que rematar o que se está a facer e pagalo. Antes do fin de ano, o 75-80% estará pagado. Nos tres anos que quedan, faremos tódolos proxectos xa previstos. E a Verín vanlle facer falta todos. O plan especial da Preguiza está xa aprobado definitivamento, só resta a expropiación dos terreos. Dos fondos do plan CooperOU, empregamos parte para débeda, e parte para o acceso ao polígono de Pazos, que se vai licitar agora coa estrada de Vences. Tamén está licitada a da urbanización Cabido. E tamén se vai licitar o entorno do parque de Fontenova e do Auditorio.

Contenido patrocinado

stats