José Ramón Piñeiro en Ourense: “Manter o galego vivo é moi importante para nós”
LINGUA GALEGA
As actividades culturais reforzan o galego coma lingua de identidade e cultura.
Na Praza da Ferrería da cidade, a lingua galega fixo onte gala de ser o que é: unha lingua viva. Actuacións coordinadas pola Agrupación Miño puxeron en valor o galego como un vehículo de transmisión de valores tradicionais e de cultura. Animaron a actividade gaiteiros e pandereiteiras da Asociación de Veciños de Loureiro e poetas vinculados ao Círculo Poético Ourensán.
José Ramón Morgade, presidente deste último, comentou sobre a ocasión: “Eu véxolle moitísima utilidade, non soamente para promocionar a lingua, a lingua nosa, senón tamén para levarlle a poesía e a cultura a toda á xente, que iso é importante neste mundo que está tan dividido e tan polarizado e con tantas guerras por medio, sobre todo para que a xente tamén respire un pouco de poesía e se afaste un pouco da monotonía que ás veces nos ofrece a vida diaria”.
Pola súa banda, Segismundo Tizón, membro de Círculo Poético Ourensán, expresou a propósito desta iniciativa: “A min encántame estar neste proxecto porque é moi importante manter o galego vivo con estas pequenas achegas. É bo que a poesía mesturada co baile, co son da gaita, fale da nosa identidade como país. É bo pasalo de xeración en xeración para que non se perda”.
A esperanza ourensá
“O beneficio que ten esta festividade é moi grande. En certa medida a xuventude non o utiliza moito. O castelán está máis utilizado e nós o que queremos é iso, que o galego non se perda que remonte e que sexa a lingua máis falada aquí en Ourense, que parece, polas estatísticas últimas parece que está repuntando o seu uso aquí na cidade, cunha forza particular”, explicou Xosé Ramón Piñeiro, presidente da Agrupación Miño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último