O galeguismo de Pepe Cotarelo

OBITUARIO

Pepe Cotarelo falaba galego porque pensaba en galego. Esta é a definición máis acaída para explicar o seu amor pola lingua

Pepe Cotarelo
Pepe Cotarelo | El Progreso

O recente falecemento de Xosé Antón García Cotarelo, figura importantísima na construción da autonomía galega, tráeme á memoria as moitas conversas que mantivemos mentres permaneceu depempeñando o cargo de Secretario Xeral Técnico e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Chegou a Compostela en 1982 e fóise en 1990. Durante este período de tempo puxo en pé a organización da administración autonómica dotándoa de alma galega. Foi un gran negociador coa administración central para acadar transferencias.

Nunca se lle recoñeceu o seu traballo de arquitecto da complexa andamiaxe organizativa da autonomia galega. A algúns parecenos unha inxustiza que temos que reparar. Por esta razón a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, da que formou parte, foi ao rescate dunha biografía nunca ben valorada para formar parte da memoria da institución autonómica, promovendo algúns actos como o do nomeamento de Fillo Predilecto do Concello de A Pontenova onde nacera e tiña casa aberta con fume. Tamén solicitamos para el o recoñecemento público outorgándolle a Xunta de Galicia calquera das medallas que anualmente concede.

Penso que é importante que sinale algúnhas das súas afortunadas mediacións para o robustecemento do noso patrimonio identitario:

1) A publicación monolingüe do DOG, descartando o modelo da dobre columna, en castelán e galego. Esta foi unha teima reiterada pola AFNLG para que o funcionariado se fose avezando no uso da lingua galega nos procedementos administrativos. Tres días despois o Parlamento de Galicia, seguindo tamén o pedimento da AFNLG, publicou a súa edición monolingüe do Boletín Oficial.

2) Cando o Servizo de Normalización Lingúística do Concello de Redondela lanzou a proposta de galeguización das festas populares, incluíu no catálogo de medidas a interpretación do Himno Galego no momento da consagración das misas patronais, privilexio reservado deica entón ao himno español. A execución da partitura que facían as bandas de música tiña modalidades que lle restaban marcialidade. O compositor Rogelio Groba, daquela director da Banda Municipal da Coruña, fixo a instancias de Pepe Cotarelo os arregros orquestrais pertinentes. Cando escoito en lugares tan solemnes a interpretación do noso Himno, e asi fareino sempre, lembrareime emocionado de Pepe Cotarelo.

3) Cotarelo puxo en marcha os servizos lingüísticos da Xunta de Galicia que logo imitou o Parlamento de Galicia.

4) Creou o Servizo de Publicacións da Xunta de Galicia no que publicou unha colección de “Clásicos en galego”, dedicada á tradución ao galego de textos latinos. A el débeselle a tradución das Elexías de Tibulo. O derradeiro correo electrónico que conservo del é do 11 de xaneiro. Nel dicíame : “Agora mándoche a tradución dos Epodos de Horacio. O limiar está sobrecargado de tecnicismos e mesmo de pedanterías. Prescinde dos apartados dedicados á métrica e díme a túa opinión da tradución. E, por favor, sinalame os posibles fallos no galego”. Así de humilde era Pepe Cotarelo.

A derradeira vez que falamos telefonicamente foi polo San Xosé. Deixoume saudades. Mesmo fixaramos unha data para irmos xantar a un restaurante de Barbeitos, no Concello da Fonsagrada, e pasar uns días comigo e a miña filla en San Martín de Suarna.

Deixounos escrita a súa manda testamentaria que eu lle pedira para o libro “En galego, agora e sempre”. Velaquí un parágrafo: “E porque pasei tantos anos fóra da terra que me criou, mándolles tamén aos meus herdeiros que se conserven fieis a Galicia e á súa fala, se é que pensan que esa foi a miña dignidade,e que contribúan, por amor a Deus e dos homes, nosos irmáns, a coñecer os problema da terra e querela nas súas glorias e desgrazas, sen partidismos e mirando pola xustiza e pola liberdade dos homes,e sempre afastados do dogmatismo ou dunha cruel paixón”.

Pepe Cotarelo falaba galego porque pensaba en galego. Esta é a definición máis acaída para explicar o seu amor pola lingua. Alguén haberá que algún día perpetúe a súa memoria na sede da Xunta de Galicia. Ten méritos abondos para que asi sexa.

Contenido patrocinado

stats