O legado de Otero Pedrayo volta ao paraninfo de seu propio instituto
FORO LA REGIÓN
Expertos e autoridades debullan a vida e obra de Don Ramón no marco do Ano Oteriano para reivindicar o seu legado
O emblemático paraninfo do IES Otero Pedrayo, espazo cargado de simbolismo académico, acolleu unha cita especial do Foro La Región baixo o título “Vixencia e legado de Ramón Otero Pedrayo: diálogo e reflexión contemporánea”. O evento, presentado polo xornalista Antonio Nespereira, propuxo unha inmersión profunda na figura do autor ourensano como un acto central dentro do Ano Oteriano, contando co respaldo institucional de figuras como Miguel Santalices, Valentín García e Rosendo Fernández.
A xornada estruturouse en dous grandes bloques de análise. O primeiro, titulado “Don Ramón Gráfico e camiñante”, centrou a súa atención no centenario da publicación da “Guía de Galicia” (1926-2026). Nesta mesa participaron Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial; Daniel Lorenzo, director do instituto, e a investigadora Nerea Rodríguez. Os relatores rescataron a excelencia de Otero desde a súa etapa de estudante ata a súa faceta de viaxeiro incansable, humanizando ao intelectual a través do rico patrimonio pedagóxico e gráfico que custodia a cidade de Ourense.
A continuación, o panel “Don Ramón epistológrafo, orador e articulista” debullou a súa inxente proxección pública. Xosé Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo, e a filóloga Patricia Arias analizaron a súa oratoria clásica e o tesouro histórico que supoñen as súas miles de cartas. Finalmente, a xornalista Maribel Outeiriño destacou o compromiso de Otero co xornalismo a través das súas case mil colaboracións en La Región. En conxunto, o Foro La Región reivindicou que, un século despois da súa gran guía, o legado de Don Ramón segue sendo un diálogo vivo e imprescindible para a Galicia actual.
De alumno brillante a símbolo da nosa cultura
A mesa redonda titulada “Don Ramón Gráfico e camiñante” ofreceu unha visión poliédrica e equilibrada entre o arquivo, o ensino e a investigación académica. Pablo Sánchez, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, abriu a quenda de intervencións destacando o valor simbólico e real dos documentos que custodian. Sánchez subliñou que estas fontes permiten reconstruír a pegada gráfica e vital de Otero pola cidade, afirmando que o seu traballo consiste en “difundir este inmenso patrimonio” para facelo comprensible e próximo ás novas xeracións de ourensáns.
Pola súa banda, Daniel Lorenzo, director do IES Otero Pedrayo, centrou o seu discurso na herdanza pedagóxica que segue moi viva no histórico centro educativo. Lorenzo puxo o foco no museo pedagóxico, unha xoia que garda materiais únicos do autor, e sinalou o reto de facer este espazo máis aberto: “O obxectivo é que o museo estea integrado na arquitectura do centro” para facilitar así o acceso de toda a cidadanía interesada na súa figura.
Finalmente, Nerea Rodríguez, exalumna do instituto, achegou o rigor dunha investigación sobre os anos escolares de Otero entre 1898 e 1902. Tras analizar as actas oficiais, Nerea destacou a súa precocidade intelectual, lembrando que “era un home moi listo, case todas as súas notas eran de sobresaliente”. Tamén apuntou a curiosidade da ausencia de mulleres na aula, completando un retrato humano que vai do neno brillante ao profesor inspirador que marcou a historia de Galicia.
O seu rastro en prensa, cartas e discursos públicos
A segunda mesa do Foro La Región afondou na dimensión pública de Otero Pedrayo como comunicador total. Maribel Outeiriño, xornalista e profunda coñecedora da súa obra en prensa, destacou a inxente labor do autor como colaborador, lembrando que publicou case mil artigos en La Región. Outeiriño salientou a capacidade de Don Ramón para adaptarse á “disciplina de contar moito no mínimo espazo posible”, unha andaina que comezou en 1918 baixo o impulso de Losada Diéguez e que o converteu nun referente do articulismo.
Pola súa banda, Xosé Eduardo López, presidente da Fundación Otero Pedrayo, definiu ao autor como un “orador ciceroniano” de primeiro nivel. Pereira analizou como Don Ramón dominaba as regras clásicas da retórica nas súas intervencións no Parlamento da República, empregando figuras como a preterición cunha mestría absoluta. Para o experto, Otero reunía as calidades esenciais do gran mestre: “unha memoria prodixiosa, unha cultura inmensa e unha presenza física que impoñía respecto” ante calquera auditorio.
Finalmente, Patricia Arias, secretaria da Fundación, puxo o foco na súa faceta de epistológrafo, analizando a correspondencia que mantivo con figuras clave da cultura. Arias subliñou que estas miles de cartas son hoxe “documentos vivos para reconstruír a nosa historia”, revelando un Otero humano, atento e profundamente comprometido co intercambio de ideas que forxaron a identidade da Galicia contemporánea.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
A POR EL TOP 5
El Ourense Ontime: a saldar cuentas ante el Ceuta
"dejadez manifiesta"
Piden el desalojo y sellado del parking de plaza San Antonio