Ana Ulla, a divulgar ciencia

ENTREVISTA

Catedrática de Astronomía e Astrofísica, Ana Ulla tivo claro dende sempre que o coñecemento científico había que compartilo coa ciudadanía.

"O nivel científico en España é moi alto pero fallan os recursos"
"O nivel científico en España é moi alto pero fallan os recursos"

Astrofísica por vocación, catedrática do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, da que forma parte do seu corpo docente dende 1997, Ana Ulla Miguel (Vigo, 1965) desenvolve a súa actividade investigadora e docente no grupo de investigación GEOMA do Centro de Investigación Mariña da universidade viguesa. Pero tan importante como o seu traballo científico e o seu labor como divulgadora, un papel no que se implicou dende hai máis de 25 anos, con innúmeras actividades, dende charlas e obradoiros de astronomía a ser a coordinadora nacional de divulgación da Sociedad Española de Astronomía, da que é membro, xunto coa Unión Astronómica Internacional. Fundadora y primeira presidenta da Fundación Ceo Ciencia e Cultura foi unha das artífices da existencia do Observatorio Astronómico de Forcarei e na súa extensa bibliografía altérnanse publicacións científicas con outras destinadas á divulgación ao gran público, e literarias, como a novela infantil “Desde el jardín, las estrellas”, publicada en 2015.

Pregunta.Como xurdiu a súa paixón pola astronomía?

Respuesta.É algo que me acompaña dende pequena. Creo que con 14 anos, non sei moi ben como cheguei a sabelo, apunteime nun curso que se facía en Pontevedra con observacións. Cheguei a pagalo e incluso a conseguir quen me levara ate alí, porque eran de noite, claro. Pero logo o anularon. Pero eu mercaba libros, saía a rúa a mirar as estrelas que, daquela non había tanta contaminación lumínica, nin tantos coches e se podían facer observacións, polo menos onde eu vivía en Vigo.

P.Tivo clara a vocación, polo que vexo.

R.Non tiña tan claro que houbera que ser ou de ciencias ou de letras, porque a min interesábanme tamén os idiomas, a literatura, a historia medieval, tiña esa idea da cultura global non de ciencias ou de letras. Pero, claro, para ser astrofísica, tiñas que estudiar Física. E fun estudiar a Santiago. Os primeiros tres anos eran comúns, pero 4 e 5 que eran os anos da especialidade ou ías a Madrid, ou a La Laguna. E eu escollín La Laguna.

P.E logo?

R.Fun a facer a tese de doutoramento a Noruega, no Observatorio de Auroras Boreais onde estiven dous anos e logo rematei no Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental, de Madrid, que se abría aquel ano. Hoxe xa non existe pero foi o xerme do que hoxe é o Centro de Astrobioloxía. Logo estiven dous anos de “postdoc” no Instituto Niels Bohr de Copenhague e logo ano e pico no Instituto de Astrofísica de Canarias. Así que dende que acabei a carreira ate que regresei a Vigo pasaron nove anos.

P.Imaxino que resulta difícil regresar a España.

R.Moita xente xa non regresa porque encontra acomodo laboral nalgún proxecto dentro desas estadías no estranxeiro onde as condicións son moito mellores que se regresa. Non porque o nivel científico sexa peor en España. A verdade é que España hoxe en día está no top en produción científica en materia de astrofísica, colaboracións internacionais, proxectos de satélites nos que a comunidade científica española participa. Non hai diferencia de calidade científica con Canadá, Francia... as carencias están no volume de recursos para as contratacións.

P.O certo é que vostede o conseguiu.

R.Tal vez porque cheguei no momento axeitado. Fora a segregación da Universidade de Vigo da de Santiago, e os comezos de Ciencias do Mar, empecei dando clase nesa licenciatura, dentro do departamento de Física Aplicada, con Minia Manteiga que é a outra catedrática de Astronomía e Astrofísica que ten Galicia e agora está na Universidade de A Coruña pero daquela era a profesora titular do departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo.

P.Ademais da súa faceta como docente e investigadora, pronto comezou tamén o seu labor como divulgadora científica.

R.Eu tiña claro dende o principio que esa era unha faceta imprescindible, a de desenvolver unha actividade de divulgación no ámbito da sociedade. Hoxe é algo que está estandarizado no curriculum e xa se piden para todas as avaliacións méritos de divulgación. Pero no campo da astrofísica era algo que practicábamos de xeito natural, as veces aprendendo polo camiño, así que non sei se todo o que fixen foi acertado, pero coa determinación de que o coñecemento hai que compartilo coa cidadanía.

P.Tamén colaborou coa Fundación Starlight na loita contra a contaminación lumínica.

R.A Fundación Starlight comezou en Canarias, como unha iniciativa promovida polo Instituto de Astrofísica de Canarias e Corporación 5 para loitar contra a contaminación luminosa, que empezaba a ser xa un problema moi serio. En 2007 fixeron a “Declaración de La Palma”, un decálogo que fixa os puntos básicos de protección do ceo e o dereito que ten a humanidade a disfrutar da luz das estrelas e da Vía Láctea, axustando de maneira axeitada a iluminación para que vaia para abaixo que é onde se necesita e non para arriba que é contaminación e despilfarro. Como toda contaminación, a luminosa é nociva para o ser humano e o medio ambiente. O certo é que, a diferencia doutras contaminacións, a luminosa ten fácil solución, se hai vontade política. Eu colaborei como profesora nalgúns dos cursos que organizaron e noutras actividades, entre elas a primeira certificación que fixeron en Galicia en 2016 que fora a do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e posteriormente chegou a de A Veiga. Hoxe en Galicia hai moitos espazos con certificación Starlight.

P.Hai máis interese en Galicia agora pola astronomía?

R.Sempre houbo. Cando regresei a Galicia chamoume a atención a cantidade de asociacións astronómicas que había en Galicia. O que pasa é que daquela non estaba tan publicitada, non tiñan a difusión de hoxe en día.

P.Pronto vai ser o Congreso Galego de Astronomía e Astrofísica. Cal é o obxectivo?

R.A idea é que sexa un punto de encontro da comunidade científica vinculada a astronomía e a Galicia. Isto inclúe á xente que está traballando aquí en Galicia, sexan galegos ou non, como os galegos na diáspora, que son moitos. Temos galegas e galegos na NASA, na ESA, en Alemania, Italia... O ano pasado fixemos un primeiro encontro-merenda no observatorio astronómico de Forcarei pero este ano, os días 17 e 18 de xullo será por fin o primeiro congreso galego de Astronomía e Astrofísica que ten como vocación abrir portas para novos proxectos e futuras colaboracións para a comunidade de astrónomos, sobre todo os máis novos, tanto en Galicia como na diáspora.

Contenido patrocinado

También te puede interesar

stats