Opinión

A dificilísima cuestión do Sáhara

Os que teñan polo menos a miña idade saberán como foi, máis ou menos, a descolonización do Sahara. Digamos que España preparou un partido para facer unha transición achegada aos seus intereses, o PUNS -Partido por la Unidad Nacional Saharaui- pero a maioría dos saharauis víronse seducidos polo Fronte Polisario, (de Fronte Popular de Liberación de Saguía el Hamra e Río de Oro, por nome longo), un grupo armado que loitou coas armas na man contra a presenza española entre 1973 e 1975 -e logo seguiu contra os novos ocupantes- e que estaba apoiado por Libia e Arxelia, aliñadas ambas cos intereses de todos na zona: áreas de influencia, fosfatos e pesca. Lembremos tamén, o apoio de Arxelia a Cubillo, líder independentista canario que sufriu alí un gravísimo atentado dos servizos secretos españois. Daquela, mediados os setenta, había alí no deserto alxerino, tamén, campamentos onde se adestraban os aprendices de terroristas de media Europa, incluída España. O asunto era a “loita pola liberación nacional”  e o “anticolonialismo”. Lembremos de paso, o asalto do Polisario, entre 1978 e 1985, de máis de 30 barcos, entre os anos varios galegos, e a captura de moitos mariñeiros que estiveron presos en Tinduf, en Alxeria, meses. Non recoñecían, como non podía ser doutra maneira, os acordos pesqueiros de Marrocos nesas augas.

Ben. Hassan II, o rei de Marrocos, aproveitando que Franco andaba ocupado morrendo mal -lento e doloroso- alá a mediados de outubro de 1975, botou aos seus cidadáns a invadiren a pé o Sahara, na “Marcha verde”. A España chegábanlle os problemas, e dunha forma innobre e covarde, saíu de alí. Integrada a maioría do PUNS no Polisario, quedaron todos a velas vir. Repartíronse a terra entre Mauritania -que a acabaría abandonado- e Marrocos. A ocupación foi violenta e os militares marroquís entraron a sangue el lume... Fálase de 3.000 mortos. E os saharauis fixeron o peor: abandonar as casas e marchar ao deserto alxerino. Alí malviven desde hai máis de corenta anos, subvencionados por Alxeria (mil millóns lles costa o apoio ao ano) e entrementres, moitos marroquís ocuparon o seu espazo en El Aiun e outras pequenas cidades. 

Seica dicía Einstein que se queres resultados distintos debes facer cousas distintas. E eu, pregúntome visto que pola forza nestas décadas só se conseguiu sufrimento, e visto que non hai trazas de mellora, que Alxeria está cansa de pagar, que a ONU e a Unión Europea están empantanada sen saber como saír do lío, creo que non está mal que o goberno de España mova ficha no taboleiro nun mundo en cambio. Tamén porque hai que frear o hipotético respaldo de USA ás posturas marroquís sobre temas como Ceuta e Melilla, ou mesmo Canarias. Como é mellor unha mala avinza que un preito eterno, unha ampla autonomía acordada entre uns e outros, baixo os auspicios da ONU, se cadra era a solución. Creo que Alxeria tamén respiraría. A comunidade internacional, especialmente España, podería apoiar a desactivación do conflito con fortes iniciativas de desenvolvemento económico e cultural. Creo, tamén, que debería ter habido comunicación fluída por parte do Goberno cos partidos sistémicos, para que o cambio de postura fose unha aposta de país, e non de goberno. E creo que a diplomacia debería ter funcionado moito en moito sentidos, sobre todo cos que estaban apoiando directamente o Polisario, para ver se era posible esa acción colectiva en favor da avinza. Doutro xeito parece que andamos ós golpes de efecto.  E iso intranquiliza.  

Te puede interesar