NOVAS DO TRINQUE

Publicado: 12 jun 2010 - 09:50 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:00

Seguro que vostede tamén di de algo que está sen estrear que é 'novo do trinque'. Ou, de falar a lingua castelá de por esta zona do noroeste ibérico, 'nuevo del trinque', claro. Se así o fai, estea tranquilo e aínda algo orgulloso. Vostede é unha persoa normal que se criou e vive sendo parte desa cadea das falas que se transmiten duns a outros por palabras ditas e oídas moito máis que escritas ou lidas. Porque seguro que eso de 'do trinque' nunca o viu escrito, nin nos libros nin no ordenador. Pois efectivamente, como todos sabemos, algo do trinque é, nesa interfala común que diciamos, algo completamente novo. Ou de usar ese superlativo con aparencia afro que consiste na repetición do adxectivo que tamén usamos por aquí, algo novo novo. E usamos así, esa repetición con confianza e sen ningunha marca especial. E podemos dicir tranquilamente dunha nena que é guapa guapa ou lista lista, en vez de guapísima ou listísima, que sempre lle temos un pouco de respecto ás palabras esdrúxulas e tememos atragoarnos con elas.

De aí que algúns nos preguntásemos que había de estraño na nosa duplicación para que cando o noso doutor Iglesias ?o xinécólogo aquel da familia dos Puga que marchou para Madrid e tivo un fillo que empezou de futbolista e acabou de cantante- dixo aquilo de 'raro, raro', fose obxecto de tanta atención mediática. Realmente foi algo raro raro.

Pois ben. Non se lle ocorra usar ese 'novo do trinque' fóra de Galicia que lle porán cara moi rara; non entenderían o que lles di, pois é expresión enxebre e privativa nosa.

Se cadra vinculada a unha palabra en desuso total que era 'trinque'. ¿E que viña sendo logo un trinque? Pois seguramente o que segue a ser dialectalmente en portugués: unha 'percha'. É fácil o tránsito. Falando de roupa, 'novo da percha', 'acabado de facer', 'sen estrear' debía ser todo o mesmo. Claro que tamén hai quen di que ese trinque podía ser un mostrador ou un escaparate, pois así aparece tamén nalgún vello dicionario. En calquera caso, ao irse perdendo a palabra 'trinque' é máis fácil que se espallase só o sentido metafórico. Polo tanto, é altamente probable que ese coche do que dicimos é novo do trinque, nunca estivese pendurado dunha percha.

E lembrábame desta palabra e expresión a outra noite cando volvía de trasnoita camiñando polo Paseo no medio dunha noite deliciosa.Vin alí fóra dun comercio de roupa batalleira, nunhas caixas de cartón, amoreadas, ducias de perchas simples. E pensei se as precisaba, pois eu, como moitos, se cadra herdanza de tempos de estudante en Santiago, podo apañar no lixo dos comercios esas perchas sen ningunha sensación de síndrome de Dióxenes nin nada parecido. E seguro que vostede, querido lector ou querida lectora, tamén ten apañado algunha, ¿va que si? Eu, é máis, case nin sei onde se venden. E estas, as do Paseo, desde logo, parecían novas do trinque.

Contenido patrocinado

stats