Opinión

En busca da resposta máxica

Hai mañá 75 anos que a xente se estremeceu ó coñecer os efectos causados polas dúas bombas atómicas nas cidades xaponesas de Hirosima e Nagasaki. A capacidade de destrución desas dúas bombas que descenderon dende "Enola Gay", un bombardeiro B-29 que levaba o nome da nai do seu comandante, o coronel Paul X. Tibbets, destruíron esas dúas cidades matando de paso centos de miles de persoas.

Dende entón o mundo xa se leva estremecido unhas cantas veces. As chamadas bombas A foron "milloradas" polas bombas H ó tempo que estas o serían pola chamada bomba de neutróns; unha bomba que mata xente respectando o entorno cidadá e a paisaxe que o rodea. Agora volvemos estremecernos de novo. Morre a xente, queda o demais.

Din uns que esta nova guerra na que nos estamos a dar de fociños é debida a unha invasión vírica artillada por unha potencia asiática. Dan por feito outros que é a resposta dunha Natureza que responde ó se sentir acosada polo home, a causa da contaminación producida polo seu progreso e maila busca do seu benestar ó prezo que sexa, seguindo a lóxica do máximo beneficio co mínimo costo. O planeta, un organismo vivo, reacciona de xeito que mentres os seres humanos permanezan recluídos nos seus tobos, nas súas casas-madrigueira, ela é quen de se recuperar do deterioro causado pola contaminación e maila ignorancia dos humanos.

Cada un dos lectores que escolla a causa que prefira. Pero a Historia apréndenos que as pestes que asolaron dende sempre á humanidade foron causadas polo abandono desta no coidado do seu entorno, pola suciedade do ambiente: os excrementos vertidos nas rúas medievais, aquel "auga vai" que avisaba das precipitacións de excrementos; tamén as cortinas do palacio de Versalles que velaban as deposicións dos cortesáns franceses, foron causas coñecidas dalgunhas pestes das que nós tampouco libramos.

Que ou quen xera os virus que padecemos cada inverno, que é o que os fai mudar ano tras ano, que é o que os trae e os leva dun lugar a outro do planeta é algo pró que non sempre temos respostas axeitadas. Tampouco non as temos, se é que as hai, que nos informen de quen é o que produce eses virus nos laboratorios: se un científico tolo, se un Estado en apuros ou entolecido por unha ideoloxía terminal.

O ser humano é moi tendente a buscar explicacións máxicas en cada oportunidade na que non as encontra racionais. Así atribuíu a sida a unha invención vaticana pra reprimir o sexo entolecido dos humanos e atribúe agora a unha potencia asiática a demoníaca produción desta pandemia que nos somete e da a impresión de que vaia seguir facéndoo no futuro. Non fagamos a lebre e non discutamos se son galgos ou se son podengos. Fuxamos do virus a fume de carozo, a todo correr, protexéndonos del mentres uns e outros discuten as súas causas, posto que xa coñecemos os seus efectos.

Te puede interesar