O ámbito da negociación colectiva é importante

Publicado: 17 jun 2025 - 07:24

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Aínda que a presión tanto da patronal como por parte das centrais sindicais de ámbito estatal historicamente fixeron grandes esforzos pra que os convenios abranguesen a todo o Estado español (con non poucas contradicións internas), mesmo en sectores económicos onde Galiza ten un peso moi maioritario, como o da conserva, está moi consolidada a negociación colectiva de ámbito galego. Que sexa deste xeito debese en boa medida á iniciativa e combatividade dos sindicatos nacionalistas, non é casualidade que a CIG sexa a maior central de Galiza, malia o papel hexemónico que teñen a nivel estatal CCOO e UGT.

O ámbito territorial do convenio non é algo secundario, como amosan os datos da negociación colectiva. Segundo os dados do Consello Galego de Relacións Laborais respecto dos resultados no ano 2024 nos convenios de ámbito galego o aumento salarial foi do 3,45%, no ano 2023 do 4,63%, mentres que o medre nos de ámbito estatal que se aplican na Galiza foi do 3,27% e 4,11% respectivamente. Unha tendencia que se repite desde hai décadas, e que se debe sumar a outro tipo de melloras, como a da xornada laboral (de 1.756 horas en 2024 nos convenios galegos e de 1.776 nos estatais).

Sen dúbida casar no discurso e na práctica estas dúas realidades do mundo laboral nun proceso común e confrontado (de avances e retrocesos), onde son necesarias é urxentes medidas que poñan fin á centralización e concentración do poder e da riqueza tanto a entre clases sociais como territorios

No ano 2024 houbo 156 convenios galegos asinados e revisados no país que atinxiron a 208.624 asalariados/as, e no ano 2023 a 240.328. Ese ano os convenios de ámbito estatal asinados e revisados afectaron a 82.380 e 115.122 persoas respectivamente, ou sexa, tiñan unha menor incidencia. A negociación colectiva na Galiza abranguía en total no ano 2024 a 535.631 asalariados/as, ou sexa sobre un 58% da clase traballadora. O 42% restante estaba afectada por convenios colectivos de ámbito estatal ou carecía del dependendo das normas xerais estatais (salario, xornada, etc). En 2023 había en total na Galiza uns 928.000 asalariados/as en activo.

Coñecermos este marco é esencial pra ter unha composición de lugar respecto dos importantes retos que ten por diante o sindicalismo (a clase traballadora) pra frear o proceso ascendente de subemprego, precariedade, desigualdade,... Condicións laborais que se están impoñendo en sectores cada vez máis importantes do proletariado, malia que haxa aínda sectores destacados que, polo seu grao de organización e o sindicalismo combativo que practican, manteñen condicións laborais dignas e mesmo as melloran.

Sen dúbida casar no discurso e na práctica estas dúas realidades do mundo laboral nun proceso común e confrontado (de avances e retrocesos), onde son necesarias é urxentes medidas que poñan fin á centralización e concentración do poder e da riqueza tanto a entre clases sociais como territorios. Este é un dos aspectos centrais a debater e socializar nesta conxuntura de crise dun capitalismo senil, e de auxe das forzas reaccionarias, de disputa do poder mais tamén do relato, dos obxectivos a medio e longo prazo e da folla de ruta. Esta non semella ser só unha tarefa do sindicalismo senón tamén das forzas políticas que teñan como proxecto: a soberanía nacional, xustiza social, igualdade de trato, defensa do ecosistema e protexer a riqueza da diversidade da humanidade e non só no ámbito forestal, animal, xeográfico senón tamén no cultural, lingüístico,...

Por último destacar que o ámbito da negociación colectiva é fundamental, especialmente cando está unido a un territorio, como Galiza, que ten comportamentos sociais e lingua en común; daquela o éxito de participación das folgas convocadas nas nacionalidades históricas (Galiza, Euskadi, Cataluña...) sexan xerais ou sectoriais, en comparación cos paros de ámbito estatal. Son realidades que deben ser un punto de partida, máxime cando hai intereses tan poderosos que queren restarlle todo valor (o centralismo forma parte do poder das clases dominantes).

Contenido patrocinado

stats