Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Así están las galerías, así está Ourense
Ahistoria non é un palíndromo como o que dá título ao artigo e que tanto se pode ler de dereita para esquerda como de esquerda a dereita. A historia é unha sucesión máis ou menos desordenada de feitos previstos ou imprevistos, pero que sempre van quedando atrás no tempo. E eses feitos poden ser acertados, rectos, curvos, erráticos, caóticos ou difusos. A historia, si, pode avanzar con pasos pequenos e atoutiñantes como de meniño que está aprendendo a andar, a pasos firmes de xigante decidido, ou con présas de tolo tropezando aquí e alá. Pero nunca nunca nunca, desde o final podemos ler para atrás a historia como se nada tivese ocorrido. Os filósofos xudeo-arxentinos Les Luthiers afirmaron seguros que "calquera tempo pasado foi anterior" e un político galego de outrora sintetizou en "pasou o que pasou". Exacto. Así foi.
O outro día fun á conmemoración do aniversario da Constitución ao Auditorio. Acto moi formal, moi político, coas mellores intencións, cun magnífico discurso do subdelegado Roberto Castro e cuns nenos pequenos moi simpáticos... pero naquela seriedade a min déumelles por botar os ollos atrás. Hai só uns aniños, Isabel Pérez, concelleira de Cultura, asistía xunto con outros concelleiros do BNG á celebración. Daquela parecía que querían ser a vía institucional do nacionalismo. Hoxe, din, ignorantes "que non teñen nada que celebrar". Creo que de non existir a Constitución e, polo tanto, a democracia nacida daquel consenso no que non participaron, por certo, pero do que si se beneficiaron, non habería liberdades políticas, nin Xunta, nin TVG, nin o meu posto de traballo, nin nada. Cando algúns fan declaracións así de erradas, penso que en algo nos debemos equivocar. Seguramente, na transmisión do aprecio á democracia. Penso en voz alta.
Os profesores da primeira metade do setenta fixeron nacer en nós o gusto pola liberdade e a democracia. Lembro, por exemplo, a Albino Núñez, a Ánxeles Castro, a Teodoro Sanmartín, aos Albendea, tío e sobriño... Si. Aquela xeración nacida ao abeiro das folgas eternas dos PNN, de conflitos locais como o da Celulosa, fómoslle collendo medida á transición política e soubemos saborear a liberdade na Praza do Ferro o día da legalización do PCE, os primeiros desacougos sociais, como a folga da madeira... Soubemos escoitar a Blanco Amor desde o Palco da Alameda clamando pola autonomía o 4 de decembro de 1977. E saboreamos as primeiras campañas e votacións, os cambios de uniforme da policía armada a nacional, o nacemento da liberdade, os cafés no Violeta, no Elefas, no Yopo... os primeiros concertos no campo do Pavillón...
E non teño tan claro que soubésemos transmitir ás seguintes xeracións que o vello réxime era feo , grís e frío, e que as cores, liñas e calores con que debuxemos a liberdade na democracia e na autonomía, son cousa nosa. E que a democracia é só a responsabilidade compartida coa razón da maioría. Temos lenzo, temos pintura; e nós, ou sexa a maioría nas urnas, somos os responsables dos pinceis e do "xeito" con que pintemos. E isto é unha esencia marabillosa. A esencia da liberdade nun frasco en forma de corazón. Mesmo para cambiar moitas cousas, debemos saber e valorar o que temos e de onde vimos. Bendita democracia. Bendita Constitución.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Así están las galerías, así está Ourense
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
La cuenta de la autovía
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El puente viejo que permiten seguir siendo viejo
Rosendo Luis Fernández
"No hay tutía"
Lo último