Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Xeneralizar sobre a condición de galego-ourensán de aquí ou de acolá é un exercicio tan complexo coma complexa e diversa é a sociedade que se sinte ou non se sinte tal.
O caso de Anisia Miranda Fernández, se cadra habería que enmarcalo nun apartado especial, pois a súa condición de ourensá procede da transmisión sanguínea, pero non emocional de seus pais, pois, sen renegaren eles das súas orixes nas aldeas de Ansemil e Portela, trataron de evitaren -con pouco éxito- que a filla descubrira e afondara no coñecemento da terra que lles dera a vida a ambos alá ó outro lado do mar.
O motivo descubrirémolo máis adiante, pero o caso é que tivo que ser o destino o que a encadearía a un pasado que os seus proxenitores nunca lle quixeron contar.
Eses pais respondían ós nomes de Faustino Miranda Araújo e Teresa Fernández Ríos, que un día de 1927 tomaron terra na Habana e alí decidiron afincar -xa nunha época tardía da emigración a Cuba- o seu xeito de vida, deixando aquí un pasado que só eles saberían. Eles e os que quedaron atrás.
A conmemoración do décimo cabodano de Xosé Neira Vilas levoume o pasado xoves á súa aldea natal de Gres (Vila de Cruces), onde conservan os restos e a memoria dun “home de ben” (así reza o seu epitafio) e, a carón deles, os da súa dona Anisia Miranda, unha cubana á que lle deu vida sangue ourensá. Con tal motivo pídeme a idea darlle carta de natureza nesta galería de ourensáns por máis que nunca residira en Ourense. O cal no obsta para que, como veremos, sempre mantivera querencia pola terra nutricia de seus pais.
Instalados na capital, puxéronse ó cargo dunha “bodega” -unha tenda de ultramarinos-, que non satisfixo os seus devezos, polo que -de condición labrega, como eran- decidiron mudar a cidade polo campo e mercaron unha humilde facenda nas inmediacións de Ciego de Ávila, onde, no mes de decembro de 1932 naceu Anisia, a única filla que procreou a parella e á que comezaron a criar nun contexto rural asemellado ó que deixaran en Ansemil e Portela, É dicir, nun lugar sen escola onde a pequena Anisia puidese comezar a se formar e sen, practicamente, ter contacto con outros nenos e nenas da súa idade, ata que, consciente das carencias que lle provocaba a soidade, reclamoulles -“¿es que me van a dejar bruta?”- vivir nun lugar onde houbera escolas.
Tiña tan só nove anos e os pais decidiron, entón, regresar á Habana, onde Anisia non desaproveitou o tempo pois, logo de recuperar os atrasos educativos, primeiro fíxose mestra e logo xornalista. E todo elo no curto prazo dunha década.
Con tan boa formación, chegou o ano 1953. Cuba pasaba por unha situación social perigosamente conflitiva, que os levou a abandonar a illa e poñer o seu futuro nas mans dun destino que os levou ós tres a Bos Aires, onde Faustino tiña familiares que lles podían facilitar o cambio de vida.
Un destino que lle abriu as portas da colectividade galega, polas que entrou, paseniño, outro neno de aldea -“coma quen di, un ninguén”- chamado Xosé Neira Vilas, que había catro anos que abandonara a aldea e chegara tamén a Bos Aires co fin de encontrar a Galicia das oportunidades que lle tiña negado o seu Gres natal.
E aí mudou todo. A vida cultural daquela Galicia que lle tiñan negado seus pais, fervía a milleiros de millas, en multitude de actos sociais, aulas para o coñecemento dun idioma ata aquela descoñecido e que Blanco Amor lle ensinou a amar, como tamén aprendeu a amar a aquel “neno labrego” de Gres co que acabou no altar.
Foron oito anos intensos que cambiaron radicalmente a aquela solitaria de Ciego de Ávila, á que lle amosaron outra patria, que non lle fixo esquecer a súa Cuba natal.
Entón, chegou Fidel e “mandou a parar”. Anisia e Xosé sumáronse á causa e alí botaron trinta anos dedicados á Revolución e á Galicia da diáspora cultural.
Pero esta -coma o seu asentamento definitivo en Gres, en 1992- é xa historia coñecida ou que un pode ler en calquera outro lugar.
Cales foron as causas que provocaron a marcha para a Habana, así coma o posterior traslado da capital para unha pequena parcela agrícola de Ciego de Ávila, ademais do enigmático silencio que os pais de Anisia decidiron manter respecto do lugar de procedencia, é algo que, evidentemente, forma parte da intrahistoria familiar e, polo tanto, aí permanecerá oculta para sempre nunha conversa imposible que Anisia e Xosé xa non poden manter no pequeno camposanto de Gres.
Perante isto e a expensas da luz que lle poida dar a investigadora da USC, Andrea Mosteiro -que está a traballar nunha biografía sobre a cubano-ourensá- eu voume limitar a interpretar o que amosan uns documentos que hai xa uns cantos anos que teño a man.
Son as actas de nacemento de Faustino e de Teresa e unha acta matrimonial que ofrece uns datos que nos fan pensar.
Teresa nace en maio de 1894 na aldea de Feal de Ansemil (Celanova) e Faustino faino en febreiro de 1898, na aldea de Portela (Verea), que distan pouco máis de media ducia de quilómetros.
O 31 de marzo de 1918, Teresa -solteira- casa en Ansemil con José Domínguez Losada, cinco anos máis vello ca ela e en quen se dá a circunstancia de que había tres que enviuvara dunha irmá de Teresa chamada Josefa, polo que era seu cuñado, cousa bastante habitual, por outra parte, en moitas familias daquela.
O documento é asinado polo contraínte e as testemuñas. Sen embargo, Teresa pide que por ela asine seu pai, pois ela non sabe.
Consumado o matrimonio, nos anos seguintes non logrei atopar constancia documental que certificase o falecemento do marido-cuñado. Sen embargo en 1927 si logrei dar cun Faustino Miranda traballando de empacador na loxa do pescado de Vigo, que, en decembro de 1932, xa aparece con Teresa rexistrando o nacemento de Anisia en Ciego de Ávila.
A lóxica suxire como probable que o primeiro home de Teresa falecese pouco despois de casaren, o que deixaría o camiño espelido para que refixera a vida a carón doutro home, neste caso Faustino.
Ora ben, de non ser así, a alternativa -moito máis literaria- tería explicación nunha evasión de Teresa e Faustino, deixando o mundo que coñeceran, atrás, o que tamén explicaría os recelos por manter o seu segredo. Pero isto xa é especulación malsá.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
El récord Guinness que espera en Lugo
Lo último
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 4 de febrero
PARA RESCATE Y EVACUACIÓN
La UME despliega 250 militares y 90 vehículos especializados en Huelva, Cádiz y Granada ante el temporal