Arqueoloxía e Relixión IV: cristiáns

Diarios do pasado

Publicado: 10 may 2025 - 04:50
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

A expansión e empoderamento do cristianismo foron espectaculares. En menos de tres centurias, as que median entre o s. I e o recoñecemento legal no ano 313 -con Constantino e o Edicto de Milán-, convértese en relixión oficial do imperio romano no 380, rexendo Teodosio.

Os primeiros datos históricos da cristianización de Hispania son difusos. Comezan coa dubidosa viaxe de San Pablo, aludida nos Feitos do Apóstolos, periplo difícil de comprobar. Outras citas dos pais de Igrexa, como Ireneo ou Tertuliano, dan escasas referencias. O primeiro no ano 180 di que “...nin as igrexas fundadas en Xermania cren doutra maneira ou transmiten outras cousas que as que están nos países ibéricos…” e o segundo, entre 198 e 208 afirmaba que o cristianismo entrou máis en Hispania -”hispanorum omnes termini”- que en Mauritania. Pero o documento histórico esencial para o cristianismo hispano é a Carta 67 de San Cipriano, bispo de Cartago, escrita entre os anos 254 e 255. É unha carta sinodal asinada por trinta e seis bispos que, entre outras cuestións, da resposta ás comunidades de Astorga-León e Mérida polas actitudes dos seus bispos durante a persecución de Decio, coetánea do pontificado do Papa Esteban. Manifestaban ante este a apostasía dos bispos de León-Astorga, Basílides, e de Mérida, Marcial, citando ademais a comunidade cristiá de Zaragoza. Outra fonte histórica foi o Concilio de Elvira, celebrado a principios do s. IV. Nel concorreron dezanove bispos, entre eles, Decencio, “Episcopus Legionensis” -de León- na Gallaecia. Entre os vinte e catro presbíteros que se puideron documentar, non existe ningún chegado de territorio galaico. Contamos, pois, con documentos entre mediados do s. III e dos inicios do IV no que se constatan bispos na Gallaecia, moito antes da primeira noticia sobre a existencia da sé episcopal en Ourense, nada menos que no s. VI, cando se cita ao bispo Witimer asistindo ao II Concilio de Braga en 572.

Pero, que di a arqueoloxía sobre as orixes do cristianismo en Ourense e no seu entorno? O asunto non é fácil. Como saben, a arqueoloxía estuda a cultura material, e os cristiáns non formaron un grupo cultural. O apostolado e conversión propagouse por grupos e pobos moi diversos, xudeus, sirios, gregos, exipcios, etc. e, por suposto, romanos. Ademais o seu relativo illamento dentro das comunidades anfitrioas e a ausencia dunha guía ou autoridade central tras a morte de Xesús, foron factores que dificultaron a institucionalización do sistema relixioso, provocando tamén que a “cultura material” non fose uniforme. Tales circunstancias tamén obstaculizaban a creación de obxectos rituais, edificios ou sepulturas características. O feito de vivir entre persecucións intermitentes os obrigaba a ser cautelosos nas súas expresións, tanto no comportamento como nas cerimonias, por iso non se conservan moitas evidencias de igrexas e obxectos litúrxicos de antes do s. IV.

En Ourense e contorno apareceron varias pezas de factura cristiá. Unha é un fragmento de vidro, procedente do solar Pompeo -patio do IES Otero Pedrayo- datado entre os ss. IV e V. A mesma cronoloxía se atribúe a un fragmento cerámico con decoración a base de “palmetas” atopado en Xinzo de Limia. Entre os ss IV e VI se data o bocado de cabalo de Mourazos -Verín- adornado co crismón, fermoso obxecto datado entre os ss. IV e VI, así como un broche cunha inscrición cristiá dos ss. V-VI atopado no xacemento das Pereiras, en Trasalba, Amoeiro. Non esquezamos o primeiro e probable edificio cristián de Ouvigo -Os Blancos- dos ss. IV-V e, como non, o sartego de Temes, na Ribeira Sacra luguesa, datado entre 320 e 330. Todos estes datos e obxectos arqueolóxicos abren a seria posibilidade de que existisen comunidades cristiáns no contorno de Ourense moito antes do documento histórico medieval do ano 572 -segunda metade do s. VI- daquel concilio bracarense e que habitualmente se ten como primeira proba histórica dunha sede episcopal nesta cidade. Ben é verdade que de momento non hai evidencias. Pero a certeza dunha cadeira episcopal en Astorga-León a mediados do s. III, anima a seguir investigando -como fixo Juan C. Rivas- a creación dun probable episcopado auriense antes da sexta centuria, incluso que a cristianización fose un efecto máis da propia romanización.

Contenido patrocinado

stats