Antonio Casado
Cumbre de la desunión europea
Berrou. O berro de Ourense. Coas connotacións do famoso que inmortalizou o noruegués Edvard Munch na súa evocadora obra sobre a angustia. A angustia colectiva dunha provincia por ver reducida a súa capacidade e eliminar “o presidente de Renfe” paradas e liñas da alta velocidade ferroviaria na estación chamada “Porta de Galicia” na Gudiña.
A Gudiña amosou que o pobo existe, que ten criterio, que defende a súa patria pequena e que non vai parar. Como dixo Riós “isto é o principio”
Esa verba –porta- que procede do latín e que fala de comunicación, de entrada e saída, a un territorio. Esa porta pechada dun tren que non para e que leva consigo aspiracións e soños, urxencias e teimas, vida e camiño por andar. Manuel Curros Enríquez adicou o poema “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” a ese acontecemento sucedido en Ourense o 31 de marzo de 1881. Non se pode resumir mellor: “por onde ela pasa fecunda os terreos, espértanse os homes, frolecen os eidos”.
Principiamos agosto berrando no berce de Sebastián de Aparicio –quen puxo en marcha o primeiro servizo de transporte rodado en México hai cinco séculos- convocados pola Plataforma “Dereito ao tren”. Unanimidade de milleiros de voces, e tamén política á vista da declaración institucional lida por Miguel Santalices, Presidente do Parlamento, dous días despois da concentración. Falamos de igualdade de oportunidades, de acceso a infraestructuras que transforman o noso territorio, de comunicación entre comarcas... Un manifesto que leu Rubén Riós, ao remate da marcha iniciada na estación vella e que rematou onde a nova, esixindo a adaptación dos horarios ás necesidades da poboación, o restablecemento das frecuencias eliminadas, apostando por un servicio público ferroviario útil.
Unha xusta reivindicación. Non se pide ser máis que ninguén. Pídese non ser menos. Que non nos quiten o que temos. Que non se rache o que xa está asumido. Non máis recortes. O AVE sumounos nunha nova dimensión, a estación da Gudiña debe seguir sendo símbolo do reto demográfico e da loita contra a despoboación, non discriminando a ninguén por vivir nunha área que non sexa urbana. Falamos do artigo 14 da Constitución. Falamos da igualdade dos territorios e da igualdade das persoas que constrúen neles vida, dinamismo e oportunidades. Sempre debemos procurar darlle máis a quen menos ten para que ninguén quede atrás. E esta decisión deixa atrás seres humáns e zonas xeográficas chave na identidade de Galicia. Lamina aspiracións lexítimas e leva por diante o futuro desprezando a tódalas xeracións anteriores que tanto fixeron para que o progreso nos acompañe. Seguía Curros Enríquez no seu poema dicindo que trala locomotora “vén a fartura ¡i a luz i o progreso!”. Ben certo é. Por iso todos os que nos achegamos ese día somos conscientes da fulcral esixencia que plantexamos. Agora ou nunca.
Voltando a parafrasear ao noso gran poeta social “asociamos as voces ao son dos tambores” que puxeron a banda sonora a esa xuntanza e a ese clamor. Para Curros “a máquena era o Cristo dos tempos modernos”. Segue sendo sinónimo de avance e de conectividade co mundo. A Gudiña amosou que o pobo existe, que ten criterio, que defende a súa patria pequena e que non vai parar. Como dixo Riós “isto é o principio”. Parabéns á plataforma polo seu traballo pasado, presente e futuro. A unión fai a forza. E o pobo que vai detrás fará o resto. Remato coas verbas doutro celanovés, Celso Emilio Ferreiro, en “Viaxe ao país dos ananos” (1968): “a terra quere pobo para ser fecundada. Nunca virá de fora remedio ou esperanza.” En Gudiña houbo, hai e haberá pobo…e berrou. O berro de Ourense.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Antonio Casado
Cumbre de la desunión europea
Plácido Blanco Bembibre
HISTORIAS INCREÍBLES
Navidad o la fragilidad de Dios
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
Parricidio en El Palmar
Mariluz Villar
MUJERES
Hablar con Sophia
Lo último
HISTORIA DE SUPERACIÓN
De estar 15 años en prisión a ser el pastor de su propia iglesia en la calle Greco
TERCERA FEDERACIÓN
Arranca la era del técnico Agustín Ruiz en el Barco
Crisis en Barbadás
El PP barbadés se queda por ahora en la oposición
ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025
Foro La Región, referente del debate político, territorial y emprendedor