Bóveda, proxecto e estratexia

Publicado: 12 ago 2025 - 03:10

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Dentro duns días conmemórase o Día da Galiza Mártir, en homenaxe a todo aqueles/as que foron vítimas do golpe militar de 1936. A decisión foi tomada pola Irmandade Galega de Bos Aires no ano 1942, pouco despois da súa constitución. A data escollida corresponde coa do fusilamento de Alexandre Bóveda o 17 de agosto de 1936 na Caeira, na outra banda do río Lérez fronte á cidade de Pontevedra. Naquela altura, Alexandre Bóveda era o secretario do Partido Galeguista e co seu asasinato, como no caso de tantos outros galeguistas e militantes de esquerda, queríase impoñer o temor, crear unha mordaza política e social, e negar a identidade singular de Galiza, Cataluña e Euskadi, e rexeitar as políticas favorábeis ás clases populares. Encetaba unha etapa negra da historia da nación galega, con décadas de ditadura, de recreación do atraso, e de emigración masiva.

Era funcionario público da Delegación de Facenda de Pontevedra. Na cidade do Lérez asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez. En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, e en 1931 a solicitude desta entidade colaborou no proxecto de Estatuto elaborando o anexo económico financeiro. Tendo un papel destacado na coordinación e divulgación do proxecto de Estatuto. Hai, ademais un Bóveda dinamizador da actividade económica e social, cun papel decisivo na creación da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, da que foi director, ou integrando a Coral Polifónica.

Bóveda reclamaba no eido económico solucionar os problemas dos aranceis, eliminar intermediarios, facilitar os créditos, modificar o sistema contributivo e, moi especialmente, fomentar o cooperativismo.

Bóveda, naceu na cidade de Ourense o 4 de xuño de 1903, e seica encetou a súa vida política un día cando estando o seu pai, que era carpinteiro, a ler un xornal, alguén lle espetou: que tempos, agora até os obreiros len o periódico!... Bóveda reclamaba no eido económico solucionar os problemas dos aranceis, eliminar intermediarios, facilitar os créditos, modificar o sistema contributivo e, moi especialmente, fomentar o cooperativismo. Constatase nestas propostas que nese intre Galiza era un país rural, cunha presenza labrega esmagadora e unha economía de subsistencia. A súa coherencia ao dereito de Galiza á plena soberanía queda reflectida nos seus textos:“Cando por vez primeira na miña vida, o 12 de abril, fun exercitar o meu dereito a voto e votei pola República non era pra min un fin, senón un medio, como un medio tamén é o Estatuto”. Resulta evidente que as arelas de Bóveda ían pra alén da autonomía.

A valía persoal e política de Alexandre Bóveda fica demostrada cando é escollido no congreso fundacional do Partido Galeguista como secretario de organización. Era un posto de moita responsabilidade e nun partido que acababa de nacer. O rápido crecemento en militancia e estrutura en toda Galiza amosou que se escollera a liña e as persoas axeitadas. Non esquezamos que daquela Bóveda tiña só 28 anos, cando referentes como Castelao cumpriran os 45, Villar Ponte 50, Alonso Ríos 44, Suárez Pícallo 37. Tanto Castelao como Villar Ponte eran moi coñecidos, o primeiro pola súa obra, e o segundo como xornalista. Alonso Ríos e Suárez Pícallo tiñan o aval das entidades da emigración. Malia a súa diversidade integran unha equipa cohesionada. Compleméntanse: analizando, divulgando, organizando, axitando...

Bóveda será esencial pra aproveitar esas potencialidades, pola súa capacidade de diálogo e rigorosa formación intelectual. Daquela que a Irmandade Galega valorase no seu voceiro, A Nosa Terra, que “Ningunha data é máis axeitada que esta, pra lembrar e honrar aos milleiros de galegos/as que foron fusilados polo só “delito” de querer a Autonomía de Galiza e de ser leais á República”. Entre eles salientaba este voceiro a: Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Blanco Torres, Johan Carballeira, Martínez Garrido,... e moitos outros/as. Son feitos e persoas a lembrar.

Contenido patrocinado

stats