La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Contemplando o continuo ir e vir deses vehículos de tosco deseño, pero tan apegados á imaxe urbana de Londres coma, polo menos, as súas cabinas telefónicas, o Big Ben ou a ponte colgante sobre o Támesis, xurdiume unha cuestión na que nunca reparara, por mais que leve convivindo toda a vida coa miña cotidianidade, pero sen cuxa resolución somos capaces de vivir cando se nos acende a lampariña da pregunta que xamais se nos ocorrera formular.
Pasaba un deles diante nosa, co seu paseniño vagar pola rúa, cando lle preguntei ó meu acompañante se se preguntara algunha vez de onde procede a palabra "taxi" e se tiña algunha resposta coherente a por que se globalizara de tal xeito que non hai idioma que non a teña adoptada como propia para definir esa sorte de servizo de transporte público urbano que existe en calquera localidade -pequena ou grande- do mundo mundial.
Profesor universitario, cosmopolita e amplamente viaxado, el, contestoume que ó seu entender tiña orixe na raíz grega "taxis", que seica significa algo así como "taxa", admitindo descoñecer a razón de ser da súa globalización, aínda que asumindo por lóxica deductiva que ese feito sería semellante á internacionalización doutros conceptos ou símbolos ligados ó tráfico, ós sistemas de medidas, etc.
Sexa como for, teño lembrado tal conversa polas rúas londinenses nestes días de balbordo e de conflicto de intereses nos que os taxis -mellor dito, os taxistas- teñen sido protagonistas, nalgúns casos nada positivos, por ser suaves na cualificación, da actualidade informativa española.
Identificado o concepto tradicional, ocórreseme a min, agora, preguntarme, non só que significa "cabify", senón tamén se a xente -o sector do taxi sei que si- é consciente de que ese cruce de intereses hai xa tempo que se dá no medio rural, onde o transporte público brilla pola súa ausencia na grande maioría dos lugares e o acto aparentemente cotián de acodir á vila ó médico ou á farmacia, a cobrar a paga mensual ou a mercar os productos de consumo habituais, convértense nunha verdadeira odisea para aquelas persoas que carecen de vehículo propio e non teñen familiares nas inmediacións que lles poidan facer o servizo necesario.
Que como solucionan o problema? Pois, como sempre se solucionou, botando man da cadea de favores -unhas veces pagados e outras non- e, en consecuencia, pedíndolle por favor ó veciño da casa do lado que o leve á vila a cambio dun pequeno pago para compartir a gasolina.
E se, ese propietario do coche, no canto de levar a un veciño só, resulta que acaba trasladando habitualmente a todos cantos lle caben no coche? Velaí en que liña tan fina remata –para algúns- o favor e comeza a competencia desleal cos taxistas, mentres para outros radica a solución a un problema de comunicación cuxa resolución, mal que lle pese, non está en ningún outro sitio ca nos despachos da administración.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Lo último