Canción do pobo

Cantareiras, as homenaxeadas na edición de 2025 do Día das Letras Galegas.
Cantareiras, as homenaxeadas na edición de 2025 do Día das Letras Galegas.

Este ano, a RAG apostou por unha carta indiscutible para o Día das Letras. Esa xornada festeira malia os “rompipalle” que ben quixeran facela laborable. Argumento falaz: que a lingua, en puridade o que se conmemora ese día, non precisa que mude en cousa especial. Daquela, seguindo o razonamento, tampouco faría falla un Día das Letras, fito que lembra a publicación, 1863, de “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro. Deixando de tal maneira que San Pascual Bailón, tal como reflicte o santoral do día, sexa quen o ocupe, o que non sería moi errado, sendo este santiño home ben festeiro xa que dera en danzar diante da Arca da Alianza.

As Letras Galegas e a lingua que terma delas son cousa digna de encomio, celebración e festa rachada

Así que celebremos o Día das Letras co debido estronicio para que quen non se enterase aínda ou tivese algún motivo para rexeitalo saiba con certeza que as Letras Galegas e a lingua que terma delas son cousa digna de encomio, celebración e festa rachada.

E nada mellor que a canción popular, a canción do pobo, posta en solfa polas cantareiras, para protagonizar un Día das Letras Galegas que desta maneira dará chegado mesmo aos máis reacios. Ou, estes non teñen porque ser necesariamente refractarios por ter recaído a efémerede, algún ano, en autores de moi pouco fuste ou mérito.

Desta volta, a ceremonia non se presta a confusión ningunha, polla sinxela razón de que o folclore, do país que sexa, é algo que leva o selo ou carimbo da unanimidade. “Unha noite na eira do trigo”, por máis que teña autores coñecidos, mesmo “Negra sombra”, tanto do mesmo, ficaron hai moito incorporados á riqueza común. Mais cando non se sabe a autoría, pero o pobo fixo dela algo propio, “A rianxeira”, por exemplo, a canción móstrase como algo que poderíamos definir como de “apropiación debida”.

E é que ninguén como esa paisanaxe que soubo consevar a lingua través dos séculos contra doutros elementos sociais que non soamente fixeron caso omiso dela senón escarnio, mofa ou brincadeira de quen teimaban no seu emprego. E a canción popular, con cantareiras ou sen elas, seguiu a dar testemuña de semellante oprobio, atacando a quen o mantiñan arreo, decote e decotío.

E as “Cantigas de escanio e makdicir” teñen moito de cousa folclóricas, e desligadas do cerne primitivo, poderían ter collido vida propia. Como “mutatis mutandis” fan temas de ópera, zarzuelas e muisicais para viaxar como pezas soltas. O “Don´t cry for me, Argentina”, de “Evita”, paradigmático.

Non teño aquí espazo para escolmar diversos temas folclóricos galegos da miña predileción. Optarei por un par de mostras. Unha tan breve como precisa, e digna de moitas interpretacións. Falo da xoia que di: “Que noite aquela, meniña/que noite aquela de veran/ti, contando as estreliñas,/eu as pedriñas do chan”. Nunca un choio erótico, levado á rima, deu para tanto.

E agora citarei o mellor do cancioeiro popular, polo que ten de misterio e, áinda, de espiritual, como e o archicoñecido “Ai, Pepiño”. Esa marabilla que di: ”Ai, Pepiño, ai non,/ai, Pepiño, ai non/non te vaias, por Dios, non te vaias/quédate con nós/non te vaias afogar na praia/como nos pasou a nós”.

Eu sempre digo, a propios e alleos, que aí están os filmes “The innocents”, de Jack Clayton, baeado en “The Turn of the Screw”, de Henry James, e “Los otros”, de Alejandro Amenábar. Tan só que as súas pantasmas xa se deixaban ver no noso “Pepiño”. Si. ¡Viva o Día das Letras Galegas!

Contenido patrocinado

stats