Ceuta: como se constrúe unha ameaza

Publicado: 13 ago 2026 - 03:10
La Región

A crise de Ceuta é un feito de extraordinaria gravidade e complexidade. A chegada masiva de persoas, a súa mobilización a través das redes sociais, a situación socioeconómica do norte de África e a situación de privación relativa -percepción dunha distancia crecente entre expectativas e oportunidades reais- forman parte dun fenómeno que non admite explicacións unívocas. Tamén cómpre considerar a política marroquí de control dos fluxos, a súa realidade interior, intereses diplomáticos e económicos e a súa condición de socio indispensable de España e da Unión Europea, xunto coa xestión española, que combina control fronteirizo, cooperación policial, devolucións e negociación diplomática. A Ciencia Política leva décadas estudando como os problemas públicos son construídos e interpretados. Por iso, ademais de preguntarnos que aconteceu, convén observar como se nos explica o acontecido.

Unha columna publicada esta mesma semana en La Región, dun autor pouco sospeitoso de neutralidade política, ofrece un exemplo nítido desa operación. Ao referirse a Ceuta, cualifica a crise de “salvaje” e afirma que afecta á “integridad nacional”, antes de incorporala a unha enumeración de agravios atribuídos ao Goberno de Pedro Sánchez. Un acontecemento fronteirizo complexo devén evidencia dunha suposta degradación política interna. Non é necesario negar que poida existir responsabilidade marroquí nin que o Executivo poida cometer erros para identificar esa operación discursiva. A cuestión é outra, saber que relación causal se establece entre os feitos e as conclusións políticas. A cidade autónoma deixa de ser exclusivamente unha crise migratoria ou diplomática e pasa a funcionar como punto de conexión entre mobilidade, seguridade, soberanía e oposición ao Goberno.

A estratexia complétase cun recurso habitual na retórica política, a autoridade moral de figuras históricas. Resulta curioso que, para construír tal prestixio, a escolla sexa de dous presidentes estadounidenses, Thomas Jefferson e Abraham Lincoln, como representantes dunha tradición política asociada á liberdade e ao exercicio responsable do poder. A elección resulta reveladora, pero máis aínda que as máximas enarboradas presenten problemas de atribución. A coñecida frase sobre o “prezo da liberdade” e a “vixilancia eterna” é considerada espuria pola Thomas Jefferson Foundation de Monticello, mentres que a relativa ao poder como proba do carácter tampouco pode atribuírse con seguridade a Lincoln. O problema non é só bibliográfico. As citas introducen no debate unha autoridade externa que parece elevar unha opinión política á categoría de principio universal. O lector non recibe un argumento, senón unha lección moral aparentemente avalada pola historia.

Ceuta funciona coma nó discursivo no que converxen tres marcos

A análise de marcos permite comprender esa operación sen confundir framing con falsidade. Un marco selecciona elementos da realidade, establece relacións entre eles e orienta a interpretación, como explicaron Robert Entman e, desde a perspectiva dos movementos sociais, David Snow e Robert Benford. Aplicado a Ceuta, podemos observar unha primeira definición como crise migratoria, outra como problema de seguridade e soberanía, e unha terceira como demostración da debilidade do Executivo. O problema aparece cando unha dimensión absorbe as demais. A resposta exclusivamente securitaria adquire aparencia de solución evidente, aínda que tampouco se concrete en medidas. “Man dura”, “firmeza” ou “control” describen unha disposición, non unha política pública. A disuasión fronteiriza, por si soa, non modifica os factores demográficos, económicos, climáticos ou políticos que alimentan os fluxos, aínda que poida temporalmente alterar as súas rutas e dimensións.

Ceuta funciona coma nó discursivo no que converxen tres marcos. O primeiro presenta a chegada masiva como problema migratorio. O segundo transforma a fronteira nunha cuestión de soberanía e seguridade. O terceiro converte a xestión da crise nunha proba da suposta debilidade, incompetencia ou cesión do Goberno Sánchez. A partir desa converxencia, unha realidade multicausal queda comprimida nunha secuencia aparentemente sinxela, presión migratoria, responsabilidade externa, fracaso interno e necesidade de firmeza. Pero unha política eficaz non pode reducirse ao control. Prevención, vías regulares, cooperación policial, acordos de readmisión, integración e negociación diplomática forman parte dun mesmo sistema. A cooperación con Rabat é relevante porque precisamos dela para controlar os fluxos, combater redes de tráfico e xestionar retornos. A diplomacia non é o contrario da firmeza, senón un dos seus instrumentos.

Recoñecer estes mecanismos non implica negar a crise, eximir responsabilidades ou renunciar á defensa da fronteira. Significa distinguir entre información, interpretación e opinión politicamente interesada, así como entre feito, causa, intención e resposta. Marrocos pode ter responsabilidades concretas que deben investigarse e, asemade, os movementos migratorios poden responder a factores que exceden a vontade dun Estado. Madrid pode reclamar control e firmeza e, ademais, precisar cooperación e diplomacia. A investigación académica ensínanos precisamente a desconfiar das explicacións prêt-à-porter que reducen problemas complexos a poucas variables e ofrecen culpables inequívocos e solucións instantáneas. A cuestión non é aceptar unha interpretación por ser máis cómoda, senón asumir a complexidade antes de decidir. Entre o acontecemento e a resposta política existe sempre un paso previo: a construción do problema que nos presentan para resolver.

Contenido patrocinado

stats