Construír cun proxecto de futuro

Publicado: 22 jul 2025 - 04:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Un dos grandes retos da humanidade é atopar un punto de equilibrio entre a mobilidade, a curta, media e longa distancia, reducindo o consumo de enerxía e logrando que esta sexa a menos contaminante e perigosa (estou pensando tanto nas que consumen materia fósil como nas centrais nucleares, e mesmo nos minerais moi contaminantes que se empregan nas células fotovoltaicas e aereoxeradores). Ademais, sería un erro analizar a produción de enerxía por separado do tipo de produción de bens e servizos, do modo de vida, e mesmo da densidade demográfica e organización do territorio, porque todo incide, o planeta ten límites en moitos destes aspectos ou condiciona a medio e longo prazo o tipo de desenvolvemento.

Non se pode obviar que este é un problema mundial, mais o grao de responsabilidade non é igual pra todos os países. As potencias teñen unha responsabilidade moi superior, comezando por aquelas que foron hexemónicas no proceso de industrialización e/ou o son na globalización neoliberal. Polo que cómpre ter en conta o ritmo dos cambios e a folla de ruta, tanto a nivel global, como rexional e en cada territorio, pra que o proceso sexa asumido a nivel teórico e práctico, e teña un carácter positivo pra todos os países. Non lle resto valor ás decisións que se teñen tomado en organismos específicos da ONU sobre o tema, mais o súa posta en práctica deixou ao descuberto que houbo máis imposición do relato en beneficio das potenciais que procura de consenso. Unha cuestión na que estas teñen unha responsabilidade que non poden eludir, máxime nun mundo con tanta inxustiza no reparto da riqueza, cunha crise ecolóxica tan grave, e onde na maior parte dos países medra a desigualdade, a precariedade, a pobreza.

Non podemos seguir construíndo as vías de comunicación no país en función da nosa relación periférica con Madrid e a Unión Europea

A este respecto, coido que a proposta que fixo no seu día o deputado do BNG Nestor Rego a respecto da construción dunha vía de ferrocarril Compostela-Lugo, forma parte da planificación dunha mobilidade eficiente, menos contaminante, e que axudaría a un desenvolvemento harmónico en todo o territorio da nación galega. Con este obxectivo hai máis propostas, como son a mellora da conexión de Vigo con Porto, de A Coruña a Ferrol, e a que vai desta cidade a Xixón. E porque non unha liña de Ourense a Braga? Hai outras históricas, como a de Compostela coa Costa da Morte, Lugo con Viveiro ou Ribadeo. En resumo, cómpre un plan pra transformar Galiza nas vindeiras dúas décadas que dea prioridade a unha mobilidade ligada á protección do ecosistema, que abranga todas as comarcas do país, e que garanta unha boa conexión non só con Madrid, senón con Portugal que é un socio moi importante. Neste último caso temos un saldo comercial e de capitais positivo, co que isto implica como xeración de emprego pra Galiza... Hai que lle dar prioridade ás conexións co norte de Portugal, co Bierzo, Zamora, León e Asturias, e coas vías do norte que nos unen coa costa atlántica da Unión Europea

Non podemos seguir construíndo as vías de comunicación no país en función da nosa relación periférica con Madrid e a Unión Europea, e cos criterios inmediatistas e que potencian o centralismo. Partindo desta base nunca deixaremos de ter un papel subordinado na cadea de valor, agás nalgún caso moi especial, mais que non muda a dinámica xeral. E nesta cuestión o ferrocarril é esencial (tendo en conta os custes e a contaminación do automóbil, camións, avións...), daquela que unha das prioridades, nesta conxuntura sexa a construción e/ou renovación das vías internas pra mellorar a integración do país galego, potenciar a produción e consumo interno, protexer o medio ambiente. Deste xeito estariamos moito menos expostos á confrontación entre potencias, á especulación financeira, á crise actual do capitalismo, e á inmensa cobiza das corporacións e grandes fortunas.

Contenido patrocinado

stats