Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Resulta difícil de entender que, coas eleccións municipais tan próximas, o PP non fixese un intento serio de neutralizar as protestas dos/as pensionistas. Por exemplo, comprometéndose Rajoy no debate parlamentar a un aumento das pensións igual ao IPC, e e algo maior nas que son máis baixas. Non foi así e reafirmouse nos seus argumentos tradicionais. Sobre todo en que na creación de máis emprego está a solución.
Os argumentos de Rajoy non son críbeis. Xa que o medre do emprego, dende a crise está unido á precariedade e á rebaixa dos salarios, a horas extras en negro ou que non se aboan, e a cotas da seguridade social que non se pagan. Unha fraude á que hai que engadir, os falsos autónomos, os contratos de aprendizaxe e traballos “colaborativos”. Todo isto implica unha redución dos ingresos da Seguridade Social. Por se non abondase inventouse a tarifa plana, coa que se subvencionan as contratacións, en beneficio das empresas e persoas autónomas, reducindo aínda máis os ingresos do sistema en varios miles de millóns de euros.
Asemade, a ligazón que Rajoy coloca entre pensións e emprego asalariado, cando se trata de garantir o sistema e manter o poder adquisitivo, utilízase só cando interesa. Non se usou nos miles de millóns cos que se axudou á banca, ou nos gastos militares que sempre superan as contías orzamentadas, ou co recente aumento salarial a policías e gardas civís, que en tres anos será de 561 e 720 euros ao mes, respectivamente; un 25% máis de paga mensual.
Todo evidencia que a actitude do governo varía segundo a clase e sector do que se trate. Non se dá unha postura única, e tampouco existe unha sensibilidade especial con respecto ás clases e colectivos máis desfavorecidos e dependentes. E cando aparentemente se teñen en conta, por mor da mobilización, é para aumentarlles un chisco a estes colectivos quitándollo ao chanzo de traballadores máis próximo en ingresos. Socialízase a pobreza, sen tocar os intereses das clases dominantes, da burguesía. Sintetizando, pola vía dos salarios, da redución da presión fiscal, das achegas á contratación, e das pensións, realízase unha transferencia de recursos da clase traballadora ás corporacións e grandes fortunas.
As medidas transitorias que se propoñen pra manter as pensións, como a de compensar o déficit vía orzamentos, non son as solucións acaídas. Tendo en consideración que a presión impositiva susténtase nos salarios e no consumo (IRPF e IVE), implicaría unha redución vía fiscal da capacidade de consumo, dada a fraude fiscal empresarial e de autónomos. Un imposto aos bancos ou ás operacións na bolsa, sendo unha medida necesaria, que tende a equilibrar a presión fiscal, limitando os privilexios do capital, non é abondo. Non soluciona o problema de fondo: unhas condicións laborais que se continúan degradando, diminuíndo o peso do traballo no PIB en beneficio do capital. Sería unha medida que debería complementarse con accións que distribúan e dignifiquen o traballo, e polo tanto as pensións, as prestacións sociais, os servizos públicos, e o reparto da presión fiscal.
En calquera caso, estas ou outras medidas progresistas só serán posíbeis con mobilización social. O secretario da CIG, nas concentracións e manifestacións que esta realizou o pasado 15 de marzo, botáballes o reto a CCOO e UGT de convocar conxuntamente unha folga xeral polas pensións. Responderán? O debate das pensións non se reduce ao colectivo afectado, atinxe os alicerces do propio sistema, xa que relaciona as condicións laborais da clase traballadora, coas pensións actuais e coas futuras. Reflicte que sen garantir emprego a todos e todas, contratos e salarios dignos, non é posíbel que se aseguren os ingresos aos/as pensionistas, así como outros servizos e prestacións públicas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El empedrado medieval de la ciudad vieja
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Los más de mil apodos de Benchosey… y los nuestros
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Lo último