Dez motivos (polo menos) para cuidar o patrimonio cultural

diarios do pasado

Publicado: 31 may 2025 - 04:30

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Ás veces apetece recuperar ideas antes publicadas. Acaso porque o patrimonio cultural sempre é actualidade e a présa diaria deixa pouco espazo á reflexión pausada. Máis cando é obxecto de atención de profesionais diferentes: arqueólogos, museólogos, restauradores ou arquitectos xestionamos este inmenso legado. Propóñolles agora dez motivos para valoralo, dez causas que, entre outras, naceron da miña continua relación con esta herdanza que debemos transmitir ao futuro:

1) Á diferenza do produto industrial, é único, irrepetible. Gran parte son obxectos artesanais, o que non impide que os arqueólogos exploremos parcelas como a Arqueoloxía Industrial, ou que existan xa na Prehistoria obxectos producidos en serie, caso dos machados elaborados con molde na Idade do Bronce. Todos son froito dun facer no que material e forma adáptanse á función e tradición -ás veces milenaria- de fabricar os útiles necesarios para cada actividade, características tamén aplicables a diversos elementos: edificacións, carruaxes, embarcacións, peches de parcelas agrarias e moitos outros.

2) É un legado dos predecesores, testemuña fiel dos seus faceres. Se me apuran, con maior fidelidade que os documentos escritos, susceptibles de crear relatos interesados. Ademais, todo patrimonio cultural sempre está relacionado con nós, porque nos pode concernir como colectivo ou porque comparte a especificidade humana.

3) Garda valiosas mensaxes tecnolóxicas. Todo patrimonio é o resultado dun proceso de elaboración, e este de saberes e técnicas. Imaxinemos unha chave de bronce antiga: foi preciso coñecer e extraer as materias primas -cobre, estaño, chumbo-, posuír as técnicas de aliaxe, as instalacións e útiles complementarios, fornos capaces de alcanzar temperaturas precisas e moldes feitos con materiais axeitados. Sen esquecer a sapiencia sobre enxeños mecánicos, porque toda chave precisa dunha pechadura.

4) Compón o ADN das sociedades actuais. Se algunha característica define aos humanos, é a diversidade cultural. As sociedades, inmersas en procesos de globalización, manteñen sen embargo caracteres que veñen do pasado. Ás veces permanecen calados, pero activos, proporcionando olladas específicas sobre o mundo que habitamos.

5) Cimenta identidades. É difícil desligar o patrimonio cultural da especificidade do noso pasado, que en non poucas ocasións produciu obxectos distintivos. Nos museos doutros lugares establecemos comparacións coas nosas cousas. Son sensacións que, se non estamos postos en asuntos arqueolóxicos, fanse moito máis patentes co patrimonio etnográfico doutras culturas. Aí as comparacións son inevitables.

6) Permite o diálogo entre as culturas. As accións de comparación case obrigan a establecer unha comunicación, o dito diálogo, entre as formas de facer as cousas de grupos humanos diferentes, agora e no pasado. O cruzamento de ideas entre solucións distintas a problemas semellantes sempre é un proceso de aprendizaxe, de testar a nosas propias estratexias. E as comparacións implican reflexión, que cando é racional, contribúe a evitar fenómenos como o etnocentrismo e o seu parente próximo, o racismo.

7) Conecta a xente coa súa historia: as pezas arqueolóxicas e outros elementos son ladrillos cos que se constrúe a historia. Conserváronse relatándo antigos acontecementos, vellos faceres e técnicas remotas. O encontro dun individuo actual cunha peza antiga sempre suscita un diálogo que, se as condicións -de formación e información- son axeitadas, constrúe un relato histórico.

8) Narra as solucións que as sociedades pasadas deron aos seus problemas ou inquedanzas. Gran parte dos comportamentos humanos xeran elementos materiais, mesmo os relacionados cos rituais e as crenzas. Pensemos nos aparellos litúrxicos, ou nas cerimonias funerarias.

9) É un símbolo de opostos, de permanencia/evolución. Os restos do pasado son referencias, fitos para as culturas actuais. Ofrecen información de como se facían antes as cousas en relación a como as facemos agora.

10) A querenza polo saber é propio das sociedades civilizadas, e todas as da nosa contorna cultural dotáronse dunha lei para protexer o patrimonio. É recomendable ler, por inmediatez e con atención, a Lei 5/2016, de 4 de maio do patrimonio cultural de Galicia.

Contenido patrocinado

stats