Diarios do pasado | Arqueoloxía e relixión VI: foi así nos inicios?

Publicado: 24 may 2025 - 00:59
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

As ciencias sociais estudan as relixións porque, transcendendo o espiritual, comparten tres factores clave para investigar as comunidades do pasado: as “crenzas” ou sistemas mitolóxicos, as “accións”, é dicir, ritos, oracións e tabús -cos obxectos e edificios creados para eles- e o “alcance” das crenzas, xa que para consideralas relixión deben ser compartidas, derivando en feito social. Antropólogos, arqueólogos e historiadores as investigaron. Citamos a Leroi-Gourhan, Eliade, Dumèzil, Childe, Wunn, Bindford, Clottes, Díez de Velasco, M. Cruz González, Olivares, Matilla ou Quintela, quedando moitos no tinteiro por non estendernos. En colaboracións pasadas de La Región -os meus encontros coas relixións no exercicio da arqueoloxía- achegámonos ao universo espiritual dos construtores de megálitos, dos galaicos, romanos, cristiáns e a influencia da institucionalización relixiosa no deseño urbano.

En fin, nos textos anteriores vimos xamáns paleolíticos, rituais neolíticos para os antepasados que lexitimaron a construción de monumento megalíticos, deuses indoeuropeos e rituais romanos no nacemento de cidades como Ourense

Pero, cales foron os primeiros comportamentos relixiosos detectados na Prehistoria? Para iso acódese a dúas fontes de información: as evidencias arqueolóxicas e a antropoloxía. Esta, profusamente utilizada pola “New Archaeology” e o seu valedor Binford dende a década de 1960, comparaba as sociedades prehistóricas coas dos “primitivos actuais”. Na arqueoloxía faise tentador relacionar os comportamentos funerarios coas crenzas. En Atapuerca, no Paleolítico, é estimulante a concentración de restos humanos de “Homo heidelbergensis” -precursor biolóxico dos neandertais- na Sima de los Huesos, interpretada como un depósito funerario próximo aos 400.000 anos. Pero os estudos máis substanciosos son os nosa especie, o “Homo sapiens”, que habita Europa dende hai uns 40.000 anos. Practicaron enterramentos en sitios discretos: covas e simples fosas, lugares ocultos que foxen de calquera monumentalidade. Outros enterramentos en escombreiras e concheiros -mesmo o canibalismo ritual- indican que puidera perseguirse a desaparición intencionada do defunto. Os estudos antropolóxicos tamén constatan a exposición aos animais como forma de desaparición do cadáver, incluso como medio de retorno á natureza. As investigacións sobre a relixión dos pobos cazadores que sobreviven -ou existían ata hai pouco tempo- constatan a crenza nun Ser, nun Poder Impersoal -como Manitú- que permea o universo e pode transferirse a líderes, guerreiros, oficiantes ou, incluso, a algúns obxectos. Tylor dicía que esta era a fase primixenia da relixión. Os intermediarios entre a sociedade e o mundo sobrenatural eran os “xamáns”, oficiantes que a través do “trance”, visto como o contacto co mundo dos espíritos, propiciaba curacións ou corrixía malos episodios de caza. As sociedades primitivas organizábanse en pequenos grupos, dificultando a especialización da figura do xamán e, en consecuencia, da institucionalización da relixión, o que os diferencia dos sacerdotes. Nas pinturas prehistóricas aparecen figuras interpretadas como xamáns en Trois-Frères ou Gabillou, tamén na arte moble de Chauvet. Tales representacións maniféstanse habitualmente nas covas, acaso por ser lugares ritualizados situados nas entrañas da terra, espazos que non se entremeten nos ciclos naturais -dia/noite- e, en consecuencia no transcorrer temporal, nin alteran a paisaxe, igual que aquelas tumbas que perseguían a desaparición dos defuntos e, así, das xenealoxías e das alteracións que pode producir ese “Tempo”, o contrario que acontece cos agricultores neolíticos, especialmente cos construtores dos monumentais dolmens. As reducidas sociedades de cazadores serían igualitarias, con escasos elementos sociais coercitivos. A relixión, por medio do tabú, sería a ferramenta cultural máis poderosa de adaptación ao ecosistema, da conservación sacralizada dun medio natural que, como cazadores, devén imprescindible para a subsistencia, estratexia que xa non será imperiosa para os agricultores, capaces de renovar os recursos.

En fin, nos textos anteriores vimos xamáns paleolíticos, rituais neolíticos para os antepasados que lexitimaron a construción de monumento megalíticos, deuses indoeuropeos e rituais romanos no nacemento de cidades -como Ourense-, a adopción do cristianismo ou o deseño das urbes ao redor do complexo edilicio episcopal. Todo pivotou sobre a interpretación histórica do feito relixioso.

Contenido patrocinado

stats