Diarios do pasado | Reflexións sobre as “tres escalas” de Gulías

Publicado: 21 jun 2025 - 01:47
Alzados actuais da Av. de Pontevedra no PERI e proposta de Gulias (baseada en E. Fonseca).
Alzados actuais da Av. de Pontevedra no PERI e proposta de Gulias (baseada en E. Fonseca).

Os arqueólogos, seguindo a D. L. Clarke, investigamos os xacementos no territorio articulados en tres escalas: a “macro”, ou implantación dos xacementos nas grandes áreas xeográficas, as súas relacións entre si e co medioambiente; a “meso”, ou estrutura xeral do propio xacemento; finalmente a “micro”, a relación entre estruturas concretas do xacemento -edificios, tumbas, etc.- cos materiais arqueolóxicos e coas estratigrafías. O método, propio da Arqueoloxía Espacial, permite un estudio razoablemente eficaz da evolución do poboamento nunha área dada.

Paseando Ourense, non podo evitar facelo -permítanme a licenza-, de forma “clarkiana”, pensando as cidades como os territorios humanizados por excelencia. Entre os arquitectos que construíron aquel “Ourense da Restauración”, destacan Queralt, Crespo, Gulías, De la Fuente ou Mercader. Quizais o máis coñecido para todos é Gulías. No seu legado parecen advertirse tres escalas de deseño: a “micro”, a máis valorada polo gran público. Está nas labras pétreas, nas carpinterías, fundición e galerías, ou nos pináculos que culminan as fachadas, facendo as delicias da concorrencia. Percibímolo nos comentarios das persoas que os admiran ou nas explicacións dos guías turísticos. É certo que, como aprecia a dra. Ana Malingre, cuxa tese de doutoramento estudou a produción da Fundición Malingre, Gulías escolle sobre todo elementos de producións estandarizadas. Máis iso non sería óbice para conseguir a notoria composición harmónica de todo o edificio. Outra escala é a “meso”, que vemos no resultado de conxuntar o anterior coa composición da fachada -xogo de vans e panos cegos- e a estrutura interior -espacial e funcional- dos edificios, todo en simbiose estreita.

Gústame desfrutalo nas súas tres escalas: nos detalles, na composición edilicia e, sobre todo, na integración nun deseño urbanístico que non sempre puido culminar

Finalmente a escala “macro”, que persegue integrando os edificios no entorno, real ou proxectado. Seguro que foi a súa intención máis importante para deseñar cidade, aínda que en moitas ocasións non se materializase. Parece que Gulías concibía o edificio, de coidados detalles, pensado sempre nunha idea urbana máis global. Un exemplo é o deseño cuasi simétrico da fronte das fachadas da Avenida de Pontevedra por medio dos dous edificios proxectados nos extremos, se ben logo non construídos, como reflicte Emilio Fonseca na obra colectiva “El arquitecto Daniel Vázquez-Gulías”, de 1998; ou a esquina do comercio de Alfredo Romero, fusionándoa na estética soportalada da Praza Maior, unha visión urbana integradora, sen solución de continuidade entre a praza e unha esquina tan relevante para o deseño da cidade. É moi probable que precisamente esta visión urbanística de integrar o edificio -escala “meso”- cos seus coidados detalles -escala “micro”- no deseño urbanístico da cidade -escala “macro”- teña que ver ou retroalimentouse coa súa labor de arquitecto municipal do Concello de Ourense entre 1897 e 1936. Sen dúbida Gulías foi un gran arquitecto na súa época, cun marcado carácter historicista e ecléctico que plasma nos seus edificios, pero gústame desfrutalo nas súas tres escalas: nos detalles, na composición edilicia e, sobre todo, na integración nun deseño urbanístico que non sempre puido culminar.

Remato felicitando á Subdelegación de Defensa e á Fundación Vázquez-Gulías pola exposición “Gulías y la Subdelegación de Defensa. Su visión de ciudad” no edificio militar, un novo paso gañado na súa exitosa integración das Forzas Armadas en Ourense.

Contenido patrocinado

stats