Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O 21 de setembro de 1914 Europa levaba case dous meses devalando por pendentes inescrutables que darían cabo nos dous conflitos bélicos máis mortíferos do século XX. Ese mesmo día, o Arsenal do Ferrol celebraba o acto social de botadura do buque-enseña da orgullosa marina española -o acorazado “Jaime I”- e con tal motivo o Teatro Jofre da cidade departamental acolleu un acto no que unha descoñecida moza, regalada de “hermosura, gracia y gentileza”, sorprendeu a “un público selecto, escogido y verdaderamente crítico”.
Con tal motivo, a revista madrileña “El Eco Artístico” publicou, case un mes despois, unha semblanza da nova artista, subliñando tan gabanciosas coma que “se lanza al mar un ‘dreadnought’, significativo de engrandecimiento y fuerza y el mismo día Dora Saavedra se lanza también al campo de las varietés a conquistar fama, produciendo, ambos acontecimientos, aplausos y entusiasmos justificadísimos”.
É moi probable que por máis soños que tivese nas interminables xornadas de pasar o ferro -que era o humilde oficio ó que estaba predestinada como filla dun humilde fogar-, xamais fose quen de visualizar aquel inesperado éxito que -contra a vontade familiar- lle agoirou a revista e que ela desexaba por riba da negativa paternal.
De súpeto, as portas dos escenarios das capitais galegas comezáronselle a abrir de par en par, empezando por Lugo, continuando polo “Salon Variedades” ourensán (onde se sentiu especialmente arroupada por un público familiar), o Salón París da Coruña, o de Vilagarcía, o Teatro-Circo de Pontevedra -onde din que “además de una artista muy notable, es una morena espléndida, de las pocas que no lleva el escándalo a escena y a la que hay que alentar porque es joven, es hermosa y es gallega”- ou o Tamberlick de Vigo, no que “a su gran hermosura unió una presentación lujosísima”.
En tan só tres meses, Galicia quedóuselle pequena e nos inicios de 1915 cruzou a península para darse a coñecer en Valencia, promocionándose xa con ilustrativas fotografías nas revistas nacionais, polo que a entrada en Madrid tampouco se lle fixo agardar.
Chegada co marchamo de “graciosa canzonetista”, a aterraxe na gran capital tivo lugar no “Madrileño”, no cal aventuran que malia a levar “solo cuatro meses actuando, como posee belleza y facultades, pronto será una estrella”.
Unha estrela que en distintas etapas percorre multitude de escenarios do “music-hall” nos que é sinalada como “una Carmen nórdica” e incluso comparada coa mesmísima “Bela Otero”, xa que “viene de Galicia y trae las arrogancias de su cuerpo venusto, las llamas de sus ojos obscuros y misteriosos, el encantode su boca roja y fresca, el aire señoril de su figura esbeltísima y el arte frívolo y picaresco de vestir y recitar cuplés”.
Pero, coma todo na vida, á xeira de Dora tampouco lle foi allea a cara aceda da moeda, de forma tal que mentres en Lleida recíbena como unha “artista de fama mundial” e no “Salón Doré” de Barcelona din que “su presencia en escena nos fascina y nos subyuga”, dende o “Salón España” de Alicante informan de que a súa actuación “fue un auténtico fracaso”, ou cando, en agosto de 1918, se despediu do “Magic Park”, destacaron que “su despedida no la ha llorado nadie”, cousa que non lle resta unha faísca de mérito a unha traxectoria profesional de tres lustros que se apagaron nos xornais cando, a mediados de 1928, coma tantas, decidiu cruzar o Atlántico.
Denantes de decidir subir ó barco que a levaría, probablemente á Habana ou a Bos Aires, Dora aínda tivo tempo de se recuperar das horas baixas e acadar sonoros éxitos en escenarios tan prestixiosos coma o “Teatro Romea” madrileño (“vayan ustedes a aplaudir a Dorindita y si al verla no lanzan un ‘Ei Carballeira’, perdemos un peso”), no “Partenón” ou no “Teatro Victoria”, así como polos catro puntos cardinais do país -digamos Gijón, Hellín, Cáceres ou Cádiz- e mesmo repetindo actuacións por Galicia, das cales ela mesma deixaría constancia nunha carta publicada neste xornal en outubro de 1919, logo de pasar polo “Salón Apollo” ourensán.
De todos, cabe destacar, sen embargo, o seu periplo melillense, acontecido no verán de 1920 e recollido pola prensa deste xeito: “Un periódico que recibimos de Melilla dedica grandes elogios a la labor artística que está realizando en el teatro Alfonso XIII de aquella plaza rifeña la hermosa cancionista gallega, Dora Saavedra”.
E na mesma peza informativa indica, ademais, que despois de terminar as súas actuacións “la notable cupletista se ha trasladado al hospital Docker, donde se encuentran los soldados heridos en las últimas operaciones y, después de elogiarles su valeroso proceder, les prodigó palabras de consuelo, les obsequió con 120 pesetas y les besó”.
Son anos nos que a rápida madurez provocada por unha carreira tan fulgurante deixan atrás aqueles medos iniciais que plasmara nunha carta publicada por este xornal o 16 de decembro de 1914 e na que indicaba que “si en un momento me juzgáis mala o así os lo dijesen, creedme disfrazada por exigencias de esta vida mentirosa, pues debajo del disfraz llevo por escapulario vuestras enseñanzas y vuestro recuerdo”. Un recordo que tamén pide para ela ó despedirse con un “¡adiós pueblo mío! e coa promesa de que “adonde quiera que vaya, haré bueno al pueblo orensano”.
Anos nos que comeza a imprimirlle aires galegos ás súas intervencións, dando lugar a “un género casi desconocido en España”, xénero que seguramente agradeceron os seus coterráneos cando en 1928 decide dar o salto ó outro lado do océano, non sen quedar inmortalizada antes como “La dama de la mantilla” polo “genial pintor Ernesto Carrero”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
BALONCESTO FEMENINO
El primer brindis de Suso Garrido por el Ensino
PROGRAMA SEMANA SANTA
Magia, religión y cultura en la Semana Santa de Ribadavia