Serxio María Rodríguez Álvarez
TRIBUNA
Fraga e Beiras: a Galicia que foi
TRIBUNA
Os países non se constrúen desde unha soa trincheira. Son o resultado de vontades distintas, de intereses encontrados e, ás veces, de adversarios que, sen pretendelo, acaban contribuíndo a unha mesma obra colectiva. A Galicia contemporánea, a Galicia do autogoberno, das institucións propias e da conciencia de país, foi precisamente iso: unha construción compartida.
Nela participaron, en primeiro lugar, unhas elites políticas procedentes das estruturas do Estado franquista que, chegado o momento, comprenderon que Galicia podía constituír un proxecto político de futuro. Manuel Fraga, Pío Cabanillas ou Eulogio Gómez Franqueira representan, con todas as contradicións e sombras das súas respectivas traxectorias, aquela dereita reformista que contribuíu á institucionalización do país. Fixérono por convicción, por pragmatismo ou por interese, pero tamén coa capacidade de entender que Galicia podía ser algo máis ca unha realidade xeográfica ou administrativa.
Fronte a eles, ou máis ben desde a outra beira da historia, estiveron aqueles que combateron a longa noite de pedra e fixeron do progreso, da igualdade e da emancipación colectiva o horizonte da súa acción política. Figuras como Camilo Nogueira ou Xosé Manuel Beiras, incansables na procura dunha expresión política propia para Galicia, contribuíron decisivamente a ampliar os límites do posible.
E entre uns e outros, unha sociedade civil inicialmente pouco entusiasmada co autogoberno, pero tamén unha intelectualidade galeguista que nunca deixou de pensar o país. Ramón Piñeiro e o seu círculo, aquel piñeirismo tantas veces demonizado, representaron o esforzo por vincular a cultura, a intelixencia e a conciencia nacional coa construción democrática de Galicia.
A confluencia destas tradicións, non exenta de conflitos, deu os seus froitos na década dos noventa, cando Galicia viviu unha auténtica idade dourada da súa política. Consolidouse un sistema institucional propio, afirmouse o autogoberno e Galicia comezou a escribirse con G maiúscula. A nosa voz escoitábase en Madrid, en Europa e ao outro lado do Atlántico. Galicia tiña presenza, ambición e vontade de existir politicamente no mundo.
Aquela época tivo dous protagonistas extraordinarios. Manuel Fraga soubo reunir as distintas almas da dereita galega nun proxecto político común, dotándoa dunha identidade propia. Xosé Manuel Beiras conseguiu algo semellante coa esquerda nacionalista, facendo do Bloque a casa común de boa parte do progresismo galego. Dous homes de procedencias antagónicas, dúas concepcións distintas da sociedade, dous adversarios formidables unidos, malia todo, pola convicción de que Galicia merecía un destino propio.
Quixo a historia, quixo a bioloxía e quizais tamén a nosa propia resignación colectiva que aquel optimismo galeguista se fose esvaecendo. Fraga morreu en 2012. Hoxe despídese Beiras. Con eles desaparecen os dous grandes referentes dunha maneira de entender a política como instrumento para construír un país.
Quédannos as institucións que contribuíron a levantar, unha sociedade civil que debe recuperar o seu protagonismo e a esperanza de que outra xeración saiba recoller aquel impulso.
Porque Galicia non pode ser unicamente a herdanza dos que marchan. Debe seguir sendo o proxecto dos que quedamos.
Á familia de Xosé Manuel Beiras, o meu afecto e recoñecemento. E a el, por riba de calquera diferenza ideolóxica, a gratitude debida a quen dedicou unha vida enteira a pensar, defender e construír Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar